Grecia: O longo camiño por percorrer

Costas Lapavitsas - 17 Xul 2019

As sementes da vitoria de Nova Democracia botáronse no verán de 2015, cando Syriza se rendeu aos prestamistas e se converteu nun partido do sistema. Asinou o terceiro rescate de Grecia, que durou formalmente até agosto de 2018, e de xeito consistente aplicou as políticas económicas ditadas pola UE e o FMI

 Os resultados das eleccións gregas foron, ante todo, unha vitoria do partido de centrodereita Nova Democracia, que con case o 40 por cento dos votos asegura a maioría absoluta no Parlamento. É a primeira vez desde 2009, cando o PASOK (Movemento Socialista Panhelénico) de centroesquerda gañou por última vez unhas eleccións, que haberá un goberno monocor. Ao longo da meirande parte da crise, Grecia foi gobernada por coalicións, incluíndo o pacto de Syriza con ANEL (Gregos Independentes), de dereita. Pero a vitoria de Nova Democracia puxo formalmente fin a este período. A estabilidade política volveu a Grecia, e as forzas tradicionais volveron ao poder.

 Na práctica, a volta á estabilidade comezou a finais de 2015, cando Syriza se rendeu á Unión Europea e asinou un acordo de rescate cos prestamistas de Grecia. A vitoria de Nova Democracia é ante todo o resultado dos catro anos de austeridade de Syriza seguindo o mandato dos prestamistas, que reduciu os ingresos medios e baixos e recortou a soberanía nacional e popular. A política exterior conservadora de Syriza -que converteu Grecia nun fiel aliado militar e político dos Estados Unidos e Israel no Mediterráneo oriental- foi un factor máis desta derrota, entre outras cousas porque levou a Syriza a un acordo sobre o nome oficial de Macedonia Norte que foi rexeitado por amplos sectores da opinión pública grega.

 Porén, a derrota de Syriza débese principalmente ás políticas económicas e sociais que aplicou despois da súa capitulación ante a UE. Tendo en conta que Syriza prometeu desafiar radicalmente o statu quo grego e europeo, a súa evolución foi toda unha vergoña. Alexis Tsipras e o seu partido son unha lección do que a esquerda radical europea debe evitar nos próximos anos.

 Para Nova Democracia non será doado manter as súas propias promesas. O ríxido marco da política económica imposta a Grecia polos seus prestamistas implica un crecemento débil, baixos ingresos, e unha presión sostida sobre os traballadores e a clase media. É posíbel que o país vire á dereita como reacción ás políticas de Syriza, pero non se dan as condicións para a estabilidade social e política a longo prazo. Do mesmo xeito, aínda que Syriza na oposición tentará converterse no partido alternativa de goberno e restablecer dun novo o sistema bipartidista, a súa tarefa non será nada doada.

 Hai, porén, un problema máis profundo. Os partidos da esquerda radical fixérono moi mal ou demostraron ser pouco fiábeis. O reto é restablecer unha esquerda radical grega conectada coa xente que traballa e articular un programa de cambio que realmente se dirixa aos problemas da sociedade. Neste sentido, Grecia ten aínda ensinanzas que ofrecer, xa que non é tan diferente do resto de Europa.

Cambios electorais

 Para entender a derrota de Syriza, é vital ter en conta algúns datos sobre a evolución electoral dos principais partidos de goberno durante a década de crise. O cadro mostra todas as eleccións parlamentarias nacionais desde outubro de 2009 -redondeei as cifras para que sexa máis doado de comprender-. O electorado grego mantívose estábel ao redor de 10 millóns de votantes ao longo deste período. Hai moi boas razóns para dubidar da exactitude deste número, porque os censos electorais parecen non reflectir a realidade, aínda que neste caso nos centraremos nas cifras absolutas.

 Varias conclusións políticas importantes son inmediatamente evidentes.

 En primeiro lugar, a abstención aumentou de xeito significativo, o que indica que os gregos están fondamente desilusionados coa política parlamentaria. Esta porcentaxe está se cadra moi inflada dada a mala calidade dos censos electorais, mais o aumento é incuestionábel. A tendencia á alza remóntase moi atrás e fíxose máis forte durante a profunda crise da última década. Cando Syriza chegou ao poder en xaneiro de 2015, a abstención foi a menos a medida que o país viraba á esquerda e había un novo entusiasmo pola política. A rendición de Syriza despois do famoso referendo no verán de 2015 destruíu a esperanza e a desilusión regresou. A abstención reduciuse unha vez máis o pasado domingo, pero segue sendo moi alta, e esta vez o xiro é á dereita. O legado real de Syriza á política grega é que se reforzou a apatía e o descrédito da esquerda.

 O estoupido da crise danou gravemente o atractivo electoral de Nova Democracia, que obtivo só 1,19 millóns de votos en maio de 2012, chegando a 1,83 millóns en xuño de 2012, cando formou goberno. Pero en xaneiro de 2015, cando gañou por primeira vez Syriza, os votos de Nova Democracia caeron a 1,72 millóns e despois derrubouse a 1,53 millóns nas eleccións de setembro de 2015, cando Syriza volveu gañar inmediatamente despois da súa capitulación. Este é o punto de referencia para xulgar o rexurdimento de Nova Democracia nas eleccións do domingo: o seu voto saltou a 2,25 millóns, case o mesmo que en outubro de 2009. A razón pola que o centrodereita gañou o domingo cun aparentemente grande 40% é que moita máis xente se abstivo que en 2009. O goberno de Syriza sen dúbida remozou a Nova Democracia, pero é importante non confundir a forza electoral real do centrodereita.

 Syriza emerxeu desde as marxes da política grega en 2012 rendibilizando a vaga masiva de indignación coas políticas de rescate e a humillación de Grecia. O seu apoio electoral aumentou rapidamente, alcanzando un máximo de 2,25 millóns cando formou o seu primeiro goberno en xaneiro de 2015. Syriza surfeou unha tremenda onda de esperanza popular e unha maior participación política. Mesmo despois da súa capitulación no verán de 2015, conseguiu gañar as eleccións en setembro con 1,93 millóns de votos. O electorado quixo dar a Tsipras outra oportunidade malia a súa manifesta falta de honradez. É de salientar que, despois de catro anos máis de goberno, Syriza poida aínda hoxe obter 1,79 millóns de votos. A subida de Nova Democracia non foi acompañada dunha diminución equivalente de Syriza.

 De feito, Grecia parece estar volvendo a un sistema bipartidista, no que Nova Democracia e Syriza -ambos os partidos do sistema- se alternen no poder. Porén, o cadro presenta outro punto crucial: se vai ser un novo sistema bipartidista, ou será unha versión raída do que precedeu á crise. A pesar do dominio de Nova Democracia, a súa forza electoral é case a de 2009. Do mesmo xeito, malia que Syriza se mantivo, é unha versión pálida do PASOK, o partido que pretende substituír. Mesmo en 2009 -xusto antes de que se iniciase o devalar implacábel que finalmente levou á súa marxinación e cambio de nome-, o PASOK podía reunir máis de 3 millóns de votos. Non parece probábel que Syriza teña no futuro semellante apoio.

As causas da derrota

 As sementes da vitoria de Nova Democracia botáronse no verán de 2015, cando Syriza se rendeu aos prestamistas e se converteu nun partido do sistema. Asinou o terceiro rescate de Grecia, que durou formalmente até agosto de 2018, e de xeito consistente aplicou as políticas económicas ditadas pola UE e o FMI. O resultado foi un débil desenvolvemento económico e a alienación de amplas capas da poboación, especialmente as vinculadas ás pequenas e medianas empresas, que seguen sendo o espiñazo da economía grega.

 Syriza aceptou as condicións do rescate, entre elas garantir un monstruoso saldo primario positivo do 3,5 por cento do PIB, co obxectivo de pagar a enorme débeda pública de Grecia. Para iso tivo que impoñer fortes impostos. A cota básica do IRPF elevouse ao 22 por cento e a taxa máxima ao 45 por cento. O IVE tamén aumentou, cunha media do 24 por cento. Os impostos sobre as pequenas e medianas empresas eleváronse ao 29 por cento, aínda que se reduciu recentemente un punto nun desesperado intento de aplacar as reaccións. Incribelmente, as pequenas e medianas empresas foron obrigadas frecuentemente a pagar os impostos cun ano de antelación, esganando así as súas operacións. As taxas de seguridade social tamén aumentaron para facer fronte aos problemas insolúbeis do sistema de pensións, pero impuxéronse de xeito moi desigual entre as empresas. A estas cargas tamén hai que engadir grandes impostos á propiedade, mesmo a casas particulares -impostos que se perciben con razón como os máis inxustos de todos-. Syriza prometera abolir os impostos á propiedade inmobiliaria cando subiu ao poder, pero mantívoos.

 Para lograr os enormes obxectivos de superávit, Syriza tamén reduciu sistematicamente o investimento público, debilitando mesmo as infraestruturas e o potencial produtivo gregos. Peor aínda, seguindo os ditados dos prestamistas, fixou como obxectivo principal “o regreso de Grecia aos mercados”. O partido que chegara ao poder contra os “usureiros” dos mercados mundiais chegou a considerar a súa aprobación o sinal definitivo do éxito. Con este fin, Syriza fixo un esforzo extraordinario para construír un “colchón” de protección de case 40.000 millóns de euros que actuaría como unha garantía para os mercados. Polo tanto, mesmo superou a súa meta do 3,5 por cento, alcanzando un superávit do 4,2 por cento en 2017. O colchón construíuse mediante unha enorme presión sobre os traballadores e as súas familias.

 Os mercados, efectivamente, recompensaron a Tsipras pola súa obediencia ao permitir que o seu goberno puidese volver emitir bonos, e mesmo o diferencial dos bonos gregos a dez anos se situou no extraordinario baixo nivel do 2,5 por cento en xullo de 2019. Este é o tipo debedor máis baixo que Grecia foi capaz de obter desde moito antes da crise, e a baixada produciuse malia a situación da débeda pública, situada nun récord de 355.000 millóns de euros, ao redor de 180 por cento do PIB. A aprobación dos mercados supuxo, así e todo, un gran custo social e político.

 Á luz destas políticas, non é de estrañar que a economía grega tivese uns pobres resultados nos anos Syriza, malia terse recuperado das profundidades da xigantesca recesión de 2010-2012. O crecemento foi anémico, apenas chega a un 2 por cento e a causa principal é a débil demanda interna debida ás políticas de rescate.

 O consumo estancouse en gran medida, xa que os ingresos reais non aumentan e o endebedamento dos fogares cos bancos é enorme. O indicador máis revelador da presión usureira sobre os traballadores e as súas familias é a enorme acumulación de impostos non pagos. A suma supera actualmente os 100.000 millóns, ou aproximadamente o 60 por cento do PIB, que deben case 4 millóns de persoas e empresas. Esta enorme débeda acumulouse rapidamente nos últimos anos, aumentando en 3.000 millóns de euros no primeiro trimestre de 2019. E produciuse malia a implacábel política do goberno de secuestrar as contas bancarias privadas e os salarios de máis de 1 millón de persoas. O machado caeu en gran medida sobre os máis pobres, xa que polo menos a metade dos debedores deben sumas triviais de menos de 500 €.

 O investimento privado tamén foi moi débil. Desde o seu pico de 63.000 millóns en 2007, caeu a pouco máis de 18.000 millóns en 2015 na medida en que a recesión destruía a industria grega. O colapso do investimento foi máis pronunciado no sector da construción, que foi devastado, destruíndo centos de miles de postos de traballo. O investimento foi persistentemente débil durante os anos Syriza, apenas superior a 24.000 millóns en 2018. Xunto coa caída do investimento público -imposta por Syriza para alcanzar os obxectivos exorbitantes de superávit primario- a profunda debilidade do investimento privado foi a razón principal do anémico crecemento.

 Os capitalistas gregos non invisten, en parte porque o aforro neto do maltratado país é negativo, o que deixa pouca marxe para o crecemento do investimento. Para facer aínda máis sombrías as perspectivas, os bancos gregos están esencialmente en bancarrota xa que case o 45 por cento dos seus activos son débedas morosas. A crise destruíu os bancos, e Syriza empeorou as cousas mediante a súa venda a fondos de investimento especulativos estranxeiros. A provisión de crédito á economía para o investimento e o consumo foi diminuíndo constantemente desde hai anos.

 O único sinal positivo para a economía foi o crecemento das exportacións, xa que as empresas gregas volveron aos mercados estranxeiros durante a crise. As exportacións de bens aumentaron a máis de 33.000 millóns en 2018, e este crecemento foi proclamado un signo de éxito das políticas de rescate. Con menos frecuencia se menciona que, unha vez que a economía se estabilizou, as importacións comezaron a subir de novo fortemente, alcanzando os 54.000 millóns en 2018. O seu crecemento reflicte a debilidade subxacente da industria grega, que depende en gran medida das importacións. Tamén é un desmentido completo da noción neoliberal -promovida pola UE, o FMI e a elite grega- de que o país podería ser salvado polos mercados mundiais se “se orientaba cara ao exterior”. O déficit comercial de Grecia foi medrando desde 2015 e constitúe un atranco para a estratexia neoliberal. Grecia non pode ser, e non será, salvada vertendo os seus esforzos cara á exportación. Necesita unha gran reestruturación da súa base produtiva e o fortalecemento do consumo interno e o investimento. Isto non será posíbel sen unha intervención pública sistemática.

 En resumo, a camisa de forza imposta polos prestamistas e aceptado por Syriza estabilizou Grecia a custa de empobrecela e afundila no estancamento. A economía grega non se transformou estruturalmente: ten un sector industrial débil e unha agricultura pouco competitiva, baseándose en gran medida en servizos de baixa produtividade. Non é de estrañar que o sector con maior crecemento nos últimos anos fose o turismo, incluíndo o rápido crecemento de Airbnb. O turismo é un impulso positivo a unha economía devastada pola crise, pero representa un beco sen saída desde o punto de vista do desenvolvemento.

 O resultado inevitábel foi unha persistente e arraigada pobreza. O desemprego diminuíu dun 27 por cento en 2013 a un 18 por cento en 2019, pero os novos postos de traballo foron polo xeral de moi mala calidade, precarios e mal pagos, especialmente para os mozos. A OIT (Organización Internacional do Traballo) sinala que os salarios reais diminuíron significativamente en 2017, e é probábel que caesen de novo en 2018. De feito, en 2018 ao redor dun terzo dos traballadores cobraba menos de 400 € ao mes antes de impostos. Durante os anos Syriza - malia os engados de “axudar a sociedade a se manter en pé”- a explotación no sector privado alcanzou o seu punto culminante.

 A pobreza agravouse aínda máis polas políticas de austeridade e privatización do estado de benestar -saúde, educación, vivenda- aplicadas como parte do rescate por Syriza. Non é de estrañar que o éxodo dos gregos máis cualificados para buscar emprego no estranxeiro, se cadra máis de 400.000 persoas durante a última década, continuou a bo ritmo nos anos Syriza. Nas capitais de Europa -Berlín, Londres, Estocolmo, e outros lugares- abundan os gregos altamente capacitados que traballan como médicos, enxeñeiros, construtores e mecánicos. Grecia está perdendo a súa mocidade formada mentres que a súa taxa de natalidade está colapsando e a súa poboación está avellentando rapidamente. A despoboación, a pobreza, e a decadencia son o resultado da aplicación das políticas impostas pola Unión Europea.

 Ao decatarse das graves consecuencias sociais das súas políticas de rescate, Syriza adoptou unha política de redistribución cara ao final do seu mandato. Unha parte dos excedentes extraordinarios por riba do obxectivo do 3,5 por cento redistribuíronse aos pensionistas, ás familias de baixos ingresos, e outros a través de pequenos subsidios. En efecto, a enorme carga fiscal imposta aos ingresos modestos e as pequenas e medianas empresas utilizouse en parte para afortalar os ingresos baixos ou moi baixos. Esta política tiña moi pouco que ver cunha redistribución socialista, que tería como obxectivo reequilibrar a proporción do ingreso nacional en favor do traballo contra o capital e buscaría principalmente redistribuír unha crecente renda nacional, na medida en que a economía crecese. Syriza redistribuíu de xeito efectivo a pobreza nunha economía estancada, coa esperanza de manter a súa influencia electoral.

 Nunha liña similar, despois da finalización formal do terceiro rescate en agosto de 2018, Syriza decidiu aumentar o salario mínimo. Até 2012, o salario mínimo do país situouse en 751 euros ao mes, pero reduciuse a 586 € para os maiores de vinte e cinco anos e a 510 € para os menores de vinte e cinco (o “submínimo”). Con efecto a partir de febreiro de 2019, o salario mínimo elevouse a 650 € e o submínimo foi abolido. Preto de 1 millón de traballadores víronse afectados por estes cambios. Ao mesmo tempo, o goberno comezou a dar algúns pasos para volver regular o mercado de traballo. Os convenios colectivos fixéronse xeralmente vinculantes e os beneficios foron sentidos polos traballadores en varios sectores, como a banca, o turismo e a minaría. Estas medidas tardías foron importantes para evitar unha forte caída de Syriza nas recentes eleccións.

Que nos vén?

 Syriza pagou o prezo por capitular ante a UE e os prestamistas de Grecia. As capas da clase media volvéronse contra ela, especialmente as vinculadas ás pequenas e medianas empresas que sofren os aumentos fiscais e o estancamento económico. E están detrás do aumento de resultados de Nova Democracia. Syriza, así e todo, tivo éxito á hora de manter o apoio dos barrios traballadores de Atenas, Pireo, Tesalónica, e outras partes de Grecia. Estas eran áreas tradicionais do PASOK, aínda que agora Syriza obtén moitos menos votos que ese partido no pasado.

 Non hai dúbida de que a iniciativa política tena agora a remozada Nova Democracia. O seu novo líder, Kyriakos Mitsotakis, provén dunha rica e vella familia política -o seu propio pai foi primeiro ministro -e a súa contorna son descendentes de familias políticas moi coñecidas. Eles son o núcleo da elite que levou a Grecia á creba hai unha década. Agora, Syriza deulles paso outra vez.

 Mitsotakis parece aprender algunhas leccións da crise e a conmoción electoral que supuxo para Nova Democracia. Rodeouse de tecnócratas –normalmente, xente das empresas e os mercados financeiros- que tratan de transmitir unha sensación de eficiencia, modernidade e progreso. Prometeu reducir os impostos, apelando directamente ás capas afectadas por Syriza, á vez que promete impulsar o investimento coa esperanza de acelerar o crecemento e proporcionar bos empregos. O seu programa e visión son puramente neoliberais, co obxectivo de reducir e modernizar o sector público, presumibelmente co fin de impulsar o sector privado e a “creación de riqueza”. A súa mensaxe tivo certo eco, mesmo entre a xente nova, que asocia o sector público coa corrupción, a ineficiencia e o nepotismo, mesmo durante os anos Syriza.

 Nova Democracia non o terá doado para cumprir as súas promesas. A camisa de forza imposta polos prestamistas en Grecia deixa moi pouca marxe de manobra. Será imposíbel reducir substancialmente a carga dos impostos sen negociar unha redución do obxectivo do 3,5 por cento de superávit primario, e non hai sinais de que a UE vaia estar de acordo. Tamén será moi difícil aumentar o investimento durante varios anos tendo en conta o aforro neto negativo e o lamentábel estado do sector bancario, mesmo se hai un repunte temporal do investimento grazas aos capitalistas privados que se senten máis animados polo cambio de goberno.

 A idea de atraer sistematicamente o investimento estranxeiro directo (IED) é só unha cortina de fume dos conservadores gregos e os “analistas” económicos nos medios de comunicación. Grecia non ten unha tradición de forte IED, e o déficit de investimento ao que se enfronta na reconstrución da súa economía é demasiado grande para ser cuberto polos capitalistas estranxeiros. As realidades subxacentes da economía grega, especialmente a súa tendencia ao estancamento polas políticas impostas polos prestamistas, contradí as ambicións de Mitsotakis.

A reconstrución da esquerda

 Pola súa banda, Tsipras tratará de reestruturar Syriza como un partido de centroesquerda de goberno, unha versión contemporánea pobre do PASOK. Desde logo, pode partir do apoio electoral que Syriza conservou. Moito máis difícil é a construción de algo con vínculos orgánicos coas comunidades locais, os sindicatos e outros organismos sociais que o PASOK tiña no seu momento. Syriza ten unhas raíces mínimas nos sindicatos ou as comunidades locais, malia case cinco anos no goberno. Nas eleccións locais de maio, conseguiu menos de dez alcaldías importantes, dun total de 332.

 Tsipras tamén terá dificultades para dar a Syriza a columna vertebral ideolóxica e organizativa esencial para un partido de goberno. Ten menos de 30.000 membros, e gran parte dos seus cadros foron integrados no aparello do estado durante o seu goberno. As súas débiles estruturas partidarias é pouco probábel que toleren a reestruturación que sería necesaria para establecer vínculos orgánicos coa sociedade. Tampouco será fácil de aumentar a afiliación, dada a desilusión coa política que arraigou nos últimos anos. Calquera intento de definir un novo horizonte ideolóxico para Syriza baterá ademais coa merecida fama de Tsipras de falta de credibilidade.

 Moito dependerá tamén dos outros partidos. Á dereita de Nova Democracia, a boa noticia foi a desaparición do fascista Amencer Dourado. Un novo partido de extrema dereita, Solución Grega, xurdiu para encher o baleiro, pero non se pode comparar en termos de organización e coherencia ideolóxica. En canto aos restos do PASOK, reagrupados como KINAL (Movemento para o Cambio), conseguiron apenas 0,46 millóns de votos. KINAL carece dun liderado dinámico e unha mensaxe clara, pero conserva algúns dos vellos aparellos locais e sindical do PASOK. Queda por ver como desenvolverá a súa relación con Syriza. En canto ao Partido Comunista de Grecia (KKE), tamén obtivo un rendemento mediocre con só 0,3 millóns de votos, o que confirma a súa incapacidade para responder ás necesidades e reivindicacións da clase obreira e as camadas máis pobres da sociedade grega.

 Pero as preguntas máis urxentes -e difíciles- son as relativas á esquerda radical. Sobre ela recae a responsabilidade de reactivar a política socialista cun contido de clase e conectada coa sociedade. Porén, a súa evolución vai de problemática a desastrosa.

 O compoñente máis dinámico desta parte do espectro político é MERA25, a sección grega de DiEM25 do ex ministro de Finanzas de Syriza Yanis Varoufakis. Obtivo case 200.000 votos e logrou entrar no Parlamento (con 9 de 300 deputados), o que o dota de medios para chegar a camadas máis amplas da sociedade. Pero o partido sofre todas as debilidades do propio DiEM25. O seu programa é esencialmente unha variante do que Syriza intentou en 2015, prometendo un cambio radical da economía grega e a sociedade, incluso unha ruptura cos prestamistas, pero sen tratar de saír da UE. Isto é, por suposto, unha tarefa irremediabelmente contraditoria, como o mesmo Varoufakis demostrou cando era ministro de Finanzas de Tsipras. A súa estratexia foi incapaz de resistir incluso un mes de confrontación cos prestamistas, o que levou a unha abxecta rendición. Non hai moito que a esquerda radical poida esperar de MERA25.

 Se Varoufakis é problemático, o resto da esquerda radical foi desastrosa. Vía da Liberdade, o partido de Zoe Konstantopoulou -presidenta do Parlamento grego no primeiro goberno de Syriza- vira en torno á súa forte personalidade e carece dun programa claro. O seu intento de apelar ao sentimento nacionalista non foi suficiente para entrar no Parlamento. Unidade Popular -quizais a máis prometedora das escisións de Syriza despois da súa capitulación en 2015, que contaba entón con vinte e cinco parlamentarios- converteuse nunha estrutura burocrática osificada ao redor do seu líder, Panagiotis Lafazanis, tamén ministro no primeiro goberno de Syriza. Unidade Popular tratou de xeito similar de nadar en augas nacionalistas e practicamente desapareceu. Para rematar, Antarsya, unha coalición de forzas de extrema esquerda exterior a Syriza, caeu nun sectarismo patolóxico e é electoralmente insignificante (só obtivo 23.191 votos e Unidade Popular 15.930).

 O camiño será difícil para a esquerda radical de Grecia. Terá que participar nunha longa e paciente loita de refundación da esquerda como unha forza viábel e confiábel na política grega. Isto requirirá a formulación sistemática dun programa económico transformador a partir dos intereses dos traballadores e os pobres. As propostas da esquerda deben facer fronte aos problemas prementes da sociedade grega orientándoos cara ao socialismo. Isto require un novo enfoque da propiedade estatal e pública, así como unha nova relación co sector privado. Xunto a estas medidas, a esquerda radical debe reformular a súa visión da democracia, a soberanía popular e a independencia nacional.

 Todas estas cuestións implican enfrontarse aos prestamistas de Grecia até o punto de romper coa UE. O que tamén significa confrontar os medos e as preocupacións dos traballadores e outras camadas sociais sobre tal ruptura. Isto demostrou ser unha das cuestións máis difíciles para a esquerda ao longo da crise, e non só en Grecia. A esquerda radical careceu dunha resposta ideolóxica persuasiva ante o xeneralizado “europeísmo”, e hai necesidade urxente de identificar as razóns diso. Pero quizais o aspecto máis importante da refundación da esquerda é volver conectar coas loitas dos traballadores e os movementos locais, recuperando paulatinamente a credibilidade e a confianza. Isto necesariamente debe basearse en novas formas de organización que permitan a democracia interna e atraian a xente nova. Todas as vellas fórmulas fracasaron. O camiño será longo, pero hai que dar os primeiros pasos canto antes.

 

[Artigo tirado do sitio web Sin Permiso, do 13 de xullo de 2019]