Grecia: Un país no precipicio

Rafael Silva - 22 Feb 2017

Asistimos ao colapso silenciado de todo un país, ao secuestro e ao espolio dos seus recursos, ao saqueo da súa riqueza e á condena máis execrábel á miseria de toda a súa poboación. E todo iso, ante o abraiante silencio, ante a criminal complicidade do resto dos países europeos

A situación de Grecia, berce da civilización occidental, do pensamento, da filosofía e da democracia, é hoxe día absolutamente insostíbel. O país diríxese ás alancadas cara a un precipicio que, dá a impresión, nada nin ninguén pode deter, nin a ninguén lle interesa. Tomamos datos e información no que segue dun recente artigo publicado por Martine Orange [pódese ler aquí: “Grecia: o colapso silenciado de todo un país”]. Desde que o goberno de Alexis Tsipras se rendeu escandalosamente e capitulou fronte a unhas esixencias demenciais da Troika, pensadas non soamente para esmagar a disidencia grega, senón para servir de exemplo e escarmento a toda a comunidade da Unión Económica e Monetaria europea, Grecia non deixou de camiñar cara ao precipicio económico e social. Os líderes desta indecente Unión Europea, así como os vasalos do gran capital representados no FMI, lanzáronlle un novo ultimato a Tsipras. Concedéronlle tres semanas para presentar un novo camiño de medidas de austeridade; en caso contrario será de novo intervido nunha nova espiral de privatización, precariedade laboral e desmontaxe do xa case inexistente Estado do Benestar. Podemos afirmar, sen esaxerar ren, que a situación grega xa é unha cuestión de pura supervivencia.

 Xa esgotado, o país está á beira abismo, do colapso financeiro, económico e moral. Os dirixentes de Syriza, agora si, falan sen andrómenas de propor seriamente saír do euro, da moeda única (que non común), xusto o que terían que ter proposto hai dous anos, cando Alexis Tsipras tivo o maioritario respaldo popular. Como tantas veces aseguramos, a covardía dos gobernantes págase cara, ben cara. Máis tarde ou máis cedo as pantasmas volven acudir, ao acoso e derruba, daqueles que se rebelan, que se enfrontan aos designios do máis cruel neoliberalismo, e se non somos capaces de nos enfrontarmos, de elaborarmos alternativas, e de estarmos á altura, o gran capital aproveita, na súa insaciábel carreira, para facernos aínda máis vasalos, máis presos dos seus viles ditados. E iso é exactamente o que ocorreu en Grecia. […] Algunhas figuras destacadas do outrora partido de esquerdas, e hoxe día sumido nas directrices do máis salvaxe capitalismo europeo, xa evocan publicamente a hipótese da saída do euro, e deixan de consideralo como un tema tabú. Máis lles valeu liderar a ofensiva cando tiveron a clara oportunidade, preparando o pobo grego para que asumise que a devandita posibilidade era a única que podía devolverlles a dignidade.

 Se tal hipótese fose formalmente explorada no seu momento (e non faltaron líderes dentro e fóra de Syriza que o propuxeron), hoxe en día Grecia, malia as novas dificultades derivadas da saída da moeda única (Grexit), podería ter unha salvación, unha saída, unha luz ao final do túnel, que supuxese a volta a unha sociedade digna e xusta cos máis desfavorecidos. Pero os consellos non foron escoitados, as formulacións alternativas foron abandonadas (o que provocou que boa parte da militancia e dos dirixentes abandonase o partido e fundase Unidade Popular), e Alexis Tsipras pregouse ás directrices europeas, asinando e acatando un novo memorando moito máis esixente (diriamos absolutamente demencial) que os propostos inicialmente. Desde aquela, a vinganza da Troika é implacábel, inexorábel, fulminante, desapiadada. A inmensa maioría dos grandes recursos públicos que lle quedaban ao país (tanto grandes empresas como recursos naturais moi valiosos) foron cedidos á banca europea e ás grandes empresas transnacionais, nun irracional concurso que está baleirando o país de todo o seu potencial, de todo o seu continxente económico, e de toda a súa forza social. E así, hoxe en día, as persoas e os colectivos sociais están practicamente ao límite da súa resistencia, todo o cal é silenciado por estas macabras institucións europeas, e polos medios de comunicación dominantes, cómplices da situación.

 Unhas institucións europeas que están procurando enterrar o tema grego, para que non se coñezan os perversos efectos que producen as súas políticas, e para que non volvan discutirse as directrices dos seus tratados, nunha palabra, para que non se volva erguer a bandeira da democracia sobre as cláusulas deste perverso "club europeo". Os líderes europeos non están interesados en que o tema de Grecia volva á palestra, sobre todo á espera de próximas eleccións este ano nos Países Baixos, Francia e Alemaña. Xa que logo, a extrema crise grega está sendo cruel e interesadamente silenciada, e os seus efectos intencionalmente ocultados. Con cada desembolso de fondos adicionais, en obediencia aos plans de rescate asumidos, os acredores vólvense máis esixentes. Cada vez queren máis. Absolutamente insensíbeis ao sufrimento do pobo grego, continúan arrebatando a riqueza ao país, e transferindo cara ao gran capital os recursos do pobo grego. Estamos non xa ante un acoso declarado, senón ante un macabro plan de exterminio e aniquilación de todo un país, ante unha destrución e un caos de proporcións imprevisíbeis. Como nos conta Martine Orange, a última reunión do Eurogrupo, celebrada o 26 de xaneiro, en presenza de funcionarios do FMI, só confirmou unha vez máis o insaciábel acoso que sofre a poboación grega. Mentres Atenas espera a liberación dos fondos europeos para axudar a refinanciar ao redor de 6.000 millóns de euros de débeda en xullo, a discusión repetiu os mantras habituais, que tanto gustan aos responsábeis da Unión Europea como expresión da súa eufemística linguaxe: "manter os compromisos", "aplicar as reformas", "reducir o déficit", "recuperar o crecemento económico", etc. Unha linguaxe que constitúe hoxe en día o máis feroz ataque á soberanía e á dignidade dos pobos, e que non necesita bombas nin canóns para sometelos.

 Un novo plan de "austeridade" debe ser presentado por Tsipras na reunión do 22 de febreiro, cando a verdade é que xa chove sobre unha inundación. Mentres que o goberno grego logrou, cun esforzo fiscal sobrehumano (levantado sobre as costas da cidadanía), alcanzar un superávit orzamentario (antes do pagamento da débeda e gastos financeiros) do 1,5% no ano 2016, as autoridades europeas están condicionando as novas axudas a partir de xullo a un superávit primario do 3,5% e durante polo menos 20 anos, unha situación de xeito evidente inviábel. Mesmo o propio FMI recoñeceu que este superávit era irreal, incluso contraproducente. Pero as autoridades europeas din que isto é o que hai, e aínda esixen máis garantías, condicionando o seu apoio ao plan de rescate á adopción preventiva por parte do goberno grego de novas medidas de austeridade adicionais, que se sumen ás xa previstas no propio plan de rescate. Algo inaudito, irracional, escandaloso, inhumano. Pola súa banda, o goberno grego xa subiu o IVE ao 24%, recortou nun 40% as pensións, aumentou os impostos, creou novos impostos sobre os automóbiles, as telecomunicacións, a gasolina, o tabaco, o café, a cervexa, anunciou novos recortes de 5.600 millóns de euros en salarios públicos, e outras moitas barbaridades para contentar a insensibel Comisión Europea. Pois aínda semella que non é dabondo.

 A soberanía do pobo grego foi completa, total e absolutamente intervida. As súas decisións e plans políticos, sociais e económicos non teñen ningunha validez sen o visto e prace das autoridades europeas. Non só é que os plans de rescate sexan antidemocráticos, senón que son absurdos e kamikazes, tendo sentido unicamente se se quere aniquilar socialmente un país, deixándoo como en situación de posguerra. E aínda que pareza un pesadelo incomprensíbel, todos os países europeos (o Estado español incluído, por suposto, co goberno do PP como alumno avantaxado e exemplar) están aliñados coa postura alemá, defensora sen concesións do plan de rescate. Grecia posúe unha débeda pública cualificada de "explosiva" polo propio FMI. De acordo cos seus cálculos máis recentes, ascendería ao 260% do PIB para o ano 2060 (agora está no 180%), recoñecendo que é insostíbel, e que Atenas necesita un alivio substancial da débeda por parte dos seus socios europeos. En realidade, a débeda pública grega é insostíbel desde hai moito tempo. O CADTM patrocinou un Comité de Auditoría da Débeda grega, e asesorou o goberno sobre os pasos que deberían darse en prol do control sobre esta, pero de novo, o goberno de Alexis Tsipras non fixo caso. E así lles vai. Pero as autoridades europeas seguen negando a maior. Nun comunicado recente do Mecanismo Europeo de Estabilidade, asegúrase que "non hai ningunha razón para tales alarmas acerca da situación da débeda grega". Non hai máis cego que o que non quere ver.

 Durante os últimos 7 anos, o PIB de Grecia reduciuse nun terzo. O desemprego afecta ao 25% da poboación e ao 40% dos mozos entre 15 e 25 anos. Un terzo das empresas desapareceron nos últimos cinco anos. Moitas escolas tiveron que pechar por falta de fondos, deixando na inactividade a miles de escolares. O gasto per cápita en sanidade diminuíu nun terzo desde o ano 2009, e máis de 25.000 médicos foron despedidos. Os hospitais foron desmantelados, carecen de medios, de persoal, de instalacións, de medicamentos. As cifras son alarmantes, arrepiantes. Unha quinta parte da poboación vive sen calefacción nin teléfono. O 15% da poboación caeu xa na pobreza extrema. E ante esta crúa realidade, o declive emocional da poboación disparouse, pois xa non atopan sentido ás súas vidas, nin ven saída posíbel a esta situación tan desesperada. Pero con todo, este custo humano e social da austeridade non aparece nas follas Excel do Eurogrupo, que se limitan fríamente a implantar os seus fanáticos dogmas. Segundo datos do propio Banco de Grecia, o 13% da poboación está excluída de calquera tipo de atención médica, o 11,5% non pode comprar as medicinas prescritas e un 24% padece problemas de saúde crónicos. Os suicidios, as depresións ou as enfermidades mentais, rexistraron incrementos exponenciais. E mentres que a taxa de natalidade diminuíu un 22% desde o inicio da crise, a taxa de mortalidade infantil case se duplicou nos últimos anos, até alcanzar o 3,75% en 2014.

 E cando os vexamos en roldas de prensa, continuarán asegurando con ese pasmoso cinismo que caracteriza os dirixentes europeos que o seu plan de rescate funciona, continuaranse felicitando pola recuperación de Grecia, e animarán os seus gobernantes a continuar por esa senda, que é en realidade a senda da destrución. Porque o país está exhausto, esgotado, ao límite das súas forzas e dos seus recursos. Ningunha institución, por poderosa que sexa, ten dereito a maltratar desta forma un país, a ningunear a súa soberanía, a súa independencia e a súa dignidade. Asistimos ao colapso silenciado de todo un país, ao secuestro e ao espolio dos seus recursos, ao saqueo da súa riqueza e á condena máis execrábel á miseria de toda a súa poboación. E todo iso, ante o abraiante silencio, ante a cómplice e criminal complicidade do resto dos países europeos, que non se inmutan ante tanta crueldade. Despois do que están facendo co pobo grego... asombrámonos do que son capaces de facer cos refuxiados? Todo forma parte do mesmo plan, todo obedece a unha mesma estratexia, a un mesmo fin, que non é outro que a supremacía do gran capital, o abandono das clases máis desfavorecidas e a creación de colonias en torno á gran banca e ás empresas transnacionais europeas, que son as que mandan en todo este indecente asunto. A saída do euro é a única solución que lle queda a este pequeno país, e para o resto de países, unha pregunta... aprenderíamos a lección?

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 22 de febreiro de 2017]