Grupo Cándido Hermida despide a 23 traballadores mentres contrata persoal a través de ETT

Os traballadores inician mobilizacións na defensa do emprego e dos dereitos laborais

Narón -

Dende o pasado día 14 de abril, o Grupo Cándido Hermida (con sede en Narón) despediu 23 traballadores, nalgúns casos con máis de 20 anos de antigüidade, alegando causas económicas. Estas rescisións, que afectan ás empresas Grupo Cándido Hermida,  INDUCA, INAVAL e Cándido Hermida Constructora, prodúcense ao tempo que se está a contratar a novos operarios/as a través de ETT.

As organizacións sindicais CIG, UGT e CCOO e o conxunto do persoal rexeitan esta actuación e hoxe fixeron denuncia pública cunha rolda de prensa-concentración diante da nave que Cándido Hermida ten no Polígono de Río do Pozo. As accións de protesta continuarán este venres cunha marcha a pé dende as instalacións até o concello de Narón onde está convocada unha reunión coa Alcaldía e os grupos municipais.

O persoal non acredita nas causas esgrimidas pola empresa

Tanto os sindicatos como o persoal afectado manifestou o seu desacordo coas causas esgrimidas polo grupo empresarial sobre a suposta mala situación económica, pois ao tempo que despide "contrata a novos operarios/as a través de empresas de traballo temporal".  "Tampouco entendemos o despropósito que supón prescindir do persoal máis formado cando ten problemas para substituílo por man de obra cualificada", subliñouse no comunicado lido por un dos traballadores despedidos.

Diante disto a representación sindical mantivo este mércores unha reunión coa dirección para pedirlle explicacións, "pero a empresa non  fixo máis que reafirmarse na decisión tomada" sen dar ningún tipo de explicación a maiores do alegado nas cartas entregadas aos traballadores e traballadoras despedidos.

"A única novidade coa que saímos da xuntanza foi coa revelación de que os 'axustes' ían continuar, que se ían facer máis, pero sen especificar a que tipo de “axustes” se referían", apuntaron.

Ameazas ás condicións de traballo

Neste senso, os sindicatos amosan a súa preocupación non só polo persoal despedido, senón tamén polo persoal que está traballando ao entender que atrás destes movementos Grupo Cándido Hermida busca empeorar aínda máis "as xa maltreitas condicións laborais que teñen os traballadores e traballadoras".

"É claro que a verdadeira intención da empresa é amedrentar o persoal e tentar rebaixar as  condicións laborais, algo que xa pretenderon no  2019 cunha tentativa para desregularizar a xornada laboral ao seu antollo, pero que non foron quen de levar adiante polo rexeite e a  firmeza  do cadro de persoal. Témolo ben claro, as causas económicas son a escusa para desfacerse dun número importante de xente que non traga coa precariedade e o empeoramento das xa malas condicións laborais que se dan nas empresas de Cándido Hermida e  meter medo ao actual cadro de persoal para poder implantar as súas ideas sen contestación", advertiron.

A este respecto, na concentración deste xoves chamouse a atención sobre o feito de que o grupo "non prescindiu de certo persoal con altos salarios que, malia non ter unha ocupación efectiva, non se viu afectado polos ERTE. Iso si, este persoal “imprescindíbel”  para a empresa sempre se caracterizou mais pola súa docilidade  que  pola súa profesionalidade", denuncian.

Mala fe por parte da empresa

Xunto a isto, critican que neste proceso non houbo boa fe por parte da empresa, nin intención ningunha de atopar unha saída negociada. De feito, a dirección nin sequera se puxo en contacto coa representación legal dos traballadores/as até estaren consumados os despedimentos. "Cándido Hermida trábucase se pensa  que nunha comarca cunha situación de desemprego tan grave  imos permitir a persecución dos traballadores e traballadoras que non calan diante dos abusos".

Ante esta actuación, as centrais sindicais pregúntanse onde está a boa fe da que presumía a empresa na negociación dos ERTE, ou onde está a garantía de emprego da que falaba. "Pois esta é a palabra de Cándido Hermida, o grande ferrolán do ano e o grande empresario de referencia. Unha mentira tras doutra".

Dende a representación social esíxenlle á empresa que dea marcha atrás nesta decisión e abra unha mesa de negociación na que tratar a situación do grupo e, se fose preciso, "buscar solucións que non poden pasar por despedimentos nin polo recorte das  condicións laborais".

Volver