Grupo Malasa destrúe emprego en Fene mentres anuncia investimentos millonarios nunhas novas instalacións en México

A FCM-CIG demanda a intervención da Xunta para defender a restitución dos postos de traballo en Noa

Fene -

A Federación de Construción e Madeira da CIG quere denunciar publicamente o Grupo Malasa, propietario de Noa Madera Creativa, por ter despedido a máis de 100 persoas e desmantelar seccións enteiras das súas instalacións en Fene, mentres, como están publicitando por todo o alto, invisten máis de 200 millóns de pesos (máis de 8 millóns de euros) nunhas novas instalacións en Querétaro, México, coa creación de máis de 400 novos postos de traballo.

Nada temos en contra de que este grupo se expanda, pero resúltanos inconcibíbel que teñan a ousadía de alardear de ser un grupo punteiro a nivel mundial, en constante expansión e medre, mentres aínda agardamos a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza pola demanda que presentamos contra os despedimentos en Noa. Con este alarde público de poderío económico queda ben demostrado que estes despedimentos foron inxustificados e que o argumento da suposta mala situación económica da empresa é totalmente falso, algo que na CIG tivemos claro desde o primeiro momento.

Desde que o Grupo Malasa se fixo coa propiedade de Noa manobraron todo canto puideron para despedir os seus traballadores e traballadoras. Persoal que malia levar moitos anos na empresa e estar altamente cualificado, tiña unhas condicións laborais dignas, algo que os propietarios de Malasa non estaban dispostos a tolerar por canto suporía un agravio comparativo co resto da xente que traballa para eles, cunhas condicións moi precarias, con xornadas laborais ilegais, acumulando horas extras que non pagan e polas que non cotizan  e cuns salarios moi por baixo do convenio.

Responsabiliade da Xunta

Hai poucos meses o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, en pleno proceso do ERE, puxo ao grupo Malasa como ”exemplo de compromiso”. Os traballadores e traballadoras de Noa estaban xa daquela loitando para defender os seus postos de traballo e non o entenderon. Agardamos que agora, ao comprobar como esta empresa supostamente tan comprometida, despide en Fene mentres contrata en México, onde as condicións laborais poden ser aínda peores que as que xa impoñen no Grupo Malasa, a Xunta, que dispón das competencias en materia de industria, tome cartas no asunto intervindo para reconducir a actitude deste Grupo e faga o que lle corresponde para defender a restitución dos postos de traballo en Fene.

Volver