Grupo Norte e o 061 impiden o acceso ao recinto da Xunta na folga dos operadores/as telefónicos/as

A CIG estuda presentar denuncia por prevaricación contra a Consellaría de Sanidade por impoñer de novo uns servizos mínimos do 100%
A Estrada - 07 Xan 2020

A dirección do 061 e de Grupo Norte, a empresa que xestiona o centro de chamadas do servizo de urxencias sanitarias, impediron onte o acceso do persoal ás instalacións da Estrada durante o paro de dúas horas convocado ante as ameazas de impago dos salarios.

Diante disto, a CIG denunciará a compañía por vulneración dos dereitos do comité de empresa, xa que o servizo de seguridade contratado pola Xunta tampouco permitiu que os representantes dos traballadores/as puidesen entrar no recinto. Os gardas de seguridade afirmaron que non podían deixar pasar a ninguén, “asegurando que descoñecían a convocatoria de folga”.

Ao mesmo tempo, a central estuda presentar unha denuncia por prevaricación contra os responsábeis da Consellaría de Sanidade, despois de que volvesen decretar uns servizos mínimos do 100% a pesar de que nas dúas folgas anteriores foran anulados pola xustiza ao consideralos abusivos.

En consecuencia, traballadores/as e delegados/as sindicais permaneceron concentrados/as ás portas das instalacións da Estrada, onde despregaron carteis e berraron consignas. A folga desenvolveuse de 19:00 a 21:00 horas e foi convocada despois de que a empresa comunicase que non garante o pago das nóminas. De feito, abonou unicamente parte do salario de decembro (quedaría pendente un plus, que equivalería a unha paga extra) e pon en dúbida que vaia pagar o soldo de xaneiro.

Con esta medida de presión demándase tamén a apertura dunha mesa de negociación “estábel e eficaz” que permita solucionar as cuestións laborais pendentes dende hai meses.

Ameazas e coaccións

Os problemas co pago das nóminas comezaron ao pouco de anunciar a empresa a súa intención de non continuar co servizo, que ten que prestar en situación de prórroga forzosa mentres non se resolva o novo concurso.

Nesta circunstancia, Grupo Norte, “seguindo a liña habitual de ameazas e coaccións”, advertiu que se a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061 non lle abonaba a débeda existente, non estaría en disposición de afrontar o pagamento das nóminas a case un cento de empregados/as. Pero a maiores a empresa comunicou a súa intención de aplicar unha modificación substancial das condicións laborais para eliminar o 'plus destino' (1900 euros anuais) que recibe o persoal en compensación polo cambio das instalacións de Santiago á Estrada, e que se logrou tras dúas convocatorias de folga.

Finalmente, a CIG considera “absolutamente ridículo” o que está a acontecer con este servizo que foi externalizado pola Administración. “Primeiro privatízano, logo a empresa deixa de pagar e a Consellaría obriga o persoal a ter que ir a traballar practicamente gratis ao impoñer uns servizos mínimos do 100%”.