Grupo Norte rexistrou en 2018 máis de 1.400 contratos para o servizo de limpeza do Hospital Clínico

O persoal denuncia a precariedade e a sobrecarga de traballo no SERGAS
Compostela - 07 Feb 2019

O persoal do servizo de limpeza do Hospital Clínico, concesionado ao Grupo Norte, concentrouse esta mañá diante do edificio do Sergas, en San Lázaro, para denunciar os incumprimentos do convenio colectivo; da oferta que a empresa presentou no proceso de licitación desta contrata pública, no ano 2017, e para denunciar tamén a falta de resposta tanto por parte de Grupo Norte, como por parte da Xerencia do CHUS. Un silencio que se mantén malia ser esta a terceira mobilización que realizan no que vai de ano.

Por iso, no decurso da concentración presentaron un escrito no que trasladaron tanto ao conselleiro, como ao Xerente do Sergas, a problemática do servizo e solicitaron unha reunión para que o comité poida explicar, en persoa, esta situación.

Estes incumprimentos están derivando, segundo o representante da CIG, Anxo Noceda, nun deterioro das condicións laborais do persoal, mais tamén no servizo que se presta para as usuarias e usuarios do complexo hospitalario. “O incumprimento da oferta ten como consecuencia que haxa menos persoal fixo de estrutura do que debería haber. Isto está provocando unha elevadísima contratación eventual e, de feito, durante o ano 2018 fixéronse máis de 1.400 contratos”.

Posíbel fraude na contratación

O representante da CIG denuncia ademais, e así foi trasladado á propia Xerencia do Hospital Clínico, que “ese datos poden indicar que hai un fraude na contratación”. Neste sentido sinala que cando se estaban celebrando asembleas de traballadoras e traballadores para debater sobre esta situación e acordar mobilizacións, a empresa, nun intento de desmobilizar, propuxo contratar a 15 persoas máis.

Esta proposta non foi aínda efectivizada e Noceda pregúntase se esas 15 persoas máis “son as que levan faltando –co conseguinte aforro económico para Grupo Norte- desde que esta empresa chegou á contrata”.

Outro dos incumprimentos que sinala é que a empresa oferta exactamente o mesmo número de presenzas todos os días do ano, agás domingos, sábados e festivos. “Iso implica necesariamente que cando alguén está de baixa ou colle un día libre ten que ser cuberto, porque senón, non se están garantindo todas as presenzas”.

Isto deriva nunha sobrecarga de traballo para o persoal e os datos do último estudo de riscos psicosociais, realizado en 2015, así o constataron. “Revelaba unha elevadísima carga de traballo que rondaba o 80%”.

Incumprimentos do convenio colectivo

Esta situación leva parellos tamén incumprimentos do convenio colectivo como a denegación sistemática e constante dos días de asuntos propios, en contra de calquera norma establecida. “A empresa está limitando, de maneira unilateral, a dous os días de asuntos propios que concede por quenda de traballo. Deste xeito, a finais de ano hai un montante enorme de días de asuntos propios que non se puideron gozar. Porén, ao final, as traballadoras e traballadores, non os poden gozar para cando os piden, que para iso son, senón que se ven case obrigadas/os a dispor deles cando a empresa quere”.

Esta sobrecarga de traballo afecta tamén á calidade da limpeza do complexo hospitalario, onde a limpeza é fundamental e deriva nun maior número de incidencias por absentismo laboral derivado desa sobrecarga.

Labores non propios

Noceda apunta tamén o incumprimento do acordo de bolsa de emprego ao que se chegara coa anterior adxudicataria e denuncia que se lle están requirindo ás traballadoras e traballadores toda unha serie de labores que “non son funcións súas, senón doutras categorías profesionais”. Un requirimento que se mantén a pesar de existir unha acta do comité de prevención do mes de xullo que así o di.

O comité sospeita que quen está transmitindo esas instrucións é directamente persoal relacionado coa propia Xerencia do complexo hospitalario. “Se iso se confirmase, sería gravísimo. Máxime cando isto se fai con persoal contratado eventualmente”, denuncia Anxo Noceda.