Grupo Norte utiliza o persoal do 061 para que a Fundación Pública Urxencias Sanitarias pague o que debe

A CIG responsabiliza á Xunta de Galiza de facer o seu traslado á Estrada esquecendo o servizo público

Nacional -

A CIG-Banca de Compostela denuncia os atrasos de Grupo Norte ao persoal operador do 061 no pago das nóminas de novembro, e a ameaza desta subcontrata a facer o mesmo na nómina de decembro. A central sindical acúsaa de utilizar ás traballadoras e traballadores para coaccionar á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061 coa finalidade de conseguir o que este organismo público lle debe, e responsabiliza tamén á propia Xunta de acometer o traslado dos servizos de emerxencia de Galiza ao concello da Estrada deixando en mans de empresas privadas un servizo público esencial.

O pasado mes de xullo, Grupo Norte anunciaba a súa pretensión de non continuar co servizo de atención de chamadas do 061. Porén, mentres non se celebre un novo concurso público, a empresa viuse obrigada a aceptar unha prórroga no mesmo. A partir dese momento empeoraron as relacións laborais até o punto de anunciar (a poucos días de rematar o mes de novembro) que, se a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 non lle abonaba a débeda existente, Grupo Norte non estaría en disposición de afrontar o pagamento das nóminas deste mes a case unha centena de traballadoras e traballadores.

Tras coaccionar, con esta ameaza, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Grupo Norte conseguiu que se lle fixera unha transferencia por un importe aproximado de 100.000 euros, procedendo así a facer o pagamento das nóminas, pero sen incluír os pluses e complementos.

A CIG-Banca denuncia que, a día de hoxe, o persoal operador do 061 segue sen cobrar o resto da nómina e, ademais, alerta da posibilidade de que se repita esta situación no mes de decembro, tal e como anunciou Grupo Norte na última reunión mantida hai uns días, agravada neste caso porque tampouco se pagarían os incentivos.

Ante estos feitos, a CIG-Banca considera que é obrigación da Xunta de Galiza e a empresa Grupo Norte arranxar esta situación de inestabilidade e incerteza para o persoal operador do 061,  e solicita que as traballadoras e traballadores deixen de ser reféns da mala xestión da Administración e da subcontrata.

A CIG-Banca advirte ademais que, de non se dar unha solución satisfactoria para o persoal, valorará xunto coas traballadoras e traballadores a adopción das medidas que consideren pertinentes.

Volver