Grupos de docentes péchanse na Coruña, Vigo, Pontevedra e Monforte para demandar melloras no ensino público
Ás seis da tarde deste martes deron comezo 4 dos 15 peches reivindicativos que a CIG-Ensino e STEG, organizacións que representan unha ampla maioría do profesorado, organizan durante as próximas dúas semanas para descentralizar o conflito laboral que manteñen coa Consellaría nos propios centros educativos. Esta iniciativa ten como obxectivo chamar a atención do conselleiro Román Rodríguez que, cinco xornadas de folga despois, négase a sentar a negociar melloras tanto nas condicións de traballo docentes como no ensino público en xeral.
Asemblea aberta, debate sobre a folla de ruta a seguir, elaboración de material reivindicativo, posta en común con representación das familias e alumnado... Son algunhas das actividades propostas que tiveron lugar na tarde do martes no CEIP Concepción Arenal da Coruña, o IES Politécnico de Vigo, o IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra e o IES Daviña Rey de Monforte convertidos nalgo máis que centros educativos.
Despois de que no primeiro trimestre as organizacións convocantes das mobilizacións que levaron á convocatoria de 5 días de folga, marchas fúnebres, manifestacións e o enterro simbólico do ensino público realizaran seis peches con moi bo resultado de afluencia e de repercusión, amplíase esta iniciativa e espállase polo territorio galego nunha estratexia de descentralizar o conflito até o máximo nos centros de ensino. Así, os centros convértense en espazo de confluencia entre toda a comunidade educativa e de posta en común das necesidades converxentes de profesorado e alumnado.
Resposta ao desprezo da Consellaría
A secretaria comarcal da CIG-Ensino, Laura Arroxo, que estivo no peche da Coruña, explica que “o obxectivo desta medida é chamar a atención ante o desprezo da Consellaría que segue sen atender a voz maioritaria do profesorado galego, representada polas dúas organizacións sindicais que lideran as mobilizacións desde comezos de curso”.
“O noso obxectivo neste momento é sumar ás familias e ao alumnado á que é a causa de todo o ensino público -engade-, porque cando estamos falando de que non hai profesorado de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe ou persoal orientador suficiente estamos evidenciando a gran carencia nestes momentos no sistema educativo galego que obriga aos centros a decidir que alumnado se atende e cal non".
Arroxo incide en que "cando non se autorizan desdobres nin se cumpren as raquíticas medidas incluídas no acordo de melloras, ampliando as ratios por riba do permitido ou agrupando varios niveis por riba do incluído tamén no acordo de agrupamentos, o que sae perdendo é alumnado máis vulnerábel, a igualdade de oportunidades e unha sociedade máis xusta. Estamos aquí para evidenciar que a atención á diversidade é unha prioridade”.
Este tema, xunto coa redución de ratios, a eliminación da burocracia e a aposta pola oferta pública en todas as etapas educativas e o rexeitamento á cada vez maior penetración do sector privado na educación son os puntos en común que se están a abordar coa representación das familias e do alumnado. A Confederación Anpas Galegas e o sindicato estudantil Erguer apoiaron esta medida.
Os peches continúan esta semana
Despois de pasar a noite, mañá a primeira hora tivo unha concentración coincidindo co inicio da actividade lectiva nos catro centros nos que se fixeron estes peches á que CIG-Ensino e STEG animan a unirse a toda a comunidade educativa para visibilizar estas carencias e esixirlle á administración que atenda o clamor de familias, profesorado e alumnado.
A medida repetirase esta tarde no IES Julio Prieto Nespereira de Ourense e o xoves día 29 haberá peches no CEIP Monte dos Postes de Compostela, no CEIP San Xoán de Filgueira de Ferrol, no IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa, e no CEIP de Covas en Viveiro.