Guerra no Sahara Occidental

Ali Salem Iselmu - 18 Nov 2020

Quen pensaba que o tempo era o mellor aliado de Marrocos, errou. Outra xeración empuñará as armas, decidida a escribir outra páxina da longa historia de resistencia do pobo saharauí. Unha historia de loita constante pola liberdade e a fin do colonialismo

 Desencadeouse a guerra no Sahara Occidental, despois da violación flagrante do exército marroquí do cesamento do fogo a pasada madrugada do 13 de novembro. Unha acción que ocorreu na febda ilegal do Guerguerat, cando Marrocos irrompeu de forma desesperada desde o muro, para romper o bloqueo que levaban a cabo os civís saharauís.

 Vinte e nove anos despois daquel 6 de setembro de 1991 e a promesa dun referendo de autodeterminación, a ONU e a súa misión de paz toleraron a violación do acordo militar número un, ao permitir a Marrocos invadir as zonas liberadas da República Árabe Saharauí Democrática e cambiar, pola forza, a situación que permanecera sen ningún cambio significativo até hoxe.

 A Fronte Polisario e o Exército de Liberación Popular Saharauí responderon á provocación marroquí, atacando as súas unidades militares e impedindo a ocupación da zona que separa Mauritania do Sahara Occidental.

 Ao longo destes anos, o conflito do Sahara Occidental ficou inerte e a ONU deulle a Marrocos argumentos dabondo para se desentender do Plan de Paz, asinado entre as partes, co obxectivo de pechar a descolonización inconclusa e permitir ao pobo saharauí expresarse a través das urnas.

 O dereito de veto de Francia e a actitude pusilánime do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, permitiu a Marrocos rexeitar calquera solución e impoñer a súa ocupación como feito consumado á comunidade internacional. Os saharauís seguiron todo este proceso de decepción en decepción. Cada resolución do Consello de Seguridade é unha prórroga técnica dun ano, sen ningún tipo de resultado tanxíbel. Baker, Ros, Van Walsum e Kohler todos renunciaron sen conseguir mover a posición de Marrocos, unha posición de ocupación e violación constante dos dereitos humanos.

 O Estado español, a potencia colonizadora do Sahara Occidental, tentouse aproximar ás teses marroquís sen esixir a celebración do referendo pactado e obrigando a Fronte Polisario a involucrarse nunha solución política que Marrocos usa para gañar tempo e desgastar calquera intento de negociación.

 Estados Unidos, tivo un papel dubitativo ao non impor unha solución baseada no dereito internacional e permitir a Marrocos afianzar a súa ocupación do territorio. Os saharauís non poden permitir seren desposuídos da súa terra, convertidos en eternos apátridas. Cando a súa terra e mar, acubillan un dos caladoiros de pesca máis ricos do mundo, xunto ás minas de fosfato. O paso constante de camións, cheos de todo tipo de mercadorías cara a Mauritania e o resto de África polo Sahara Occidental. Era unha violación evidente e un paso para consolidar a situación actual. Miles de colonos marroquís ocupan hoxe as cidades de Smara, El Aaiún e Dajla, mentres os saharauís esmorecen nos campamentos de refuxiados e o exilio. Unha situación inxusta que a longo prazo ía derivar nunha guerra.

 Nada está dito, a última palabra será dos saharauís, aínda que a ONU se sitúe cunha linguaxe morna e incoherente, afastada do sufrimento e a desesperación que provocou esta paz agónica. Unha paz alicerzada sobre a forza e o desafío constante de Marrocos. Os saharauís son un pobo teimoso, a historia dinos que nunca aceptaron a negación dos seus dereitos nunha mesa de negociación.

 Quen pensaba que o tempo era o mellor aliado de Marrocos, errou. Outra xeración empuñará as armas, decidida a escribir outra páxina da longa historia de resistencia do pobo saharauí. Unha historia de loita constante pola liberdade e a fin do colonialismo.

 Marrocos sabe de cada batalla militar, sabe de cada prisioneiro de guerra, sabe de cada bala saharauí. Os homes e mulleres do Sahara nunca deixarán o seu destino en mans dun grupo de países que exercen o dereito de veto en función dos seus intereses. Un conflito mal resolto e unha razón que permanece viva, son as armas máis poderosas ao alcance do pobo saharauí.

 A historia dun Territorio non Autónomo que sufriu a guerra, a ocupación e a violación dos seus dereitos desde aquela Marcha Verde marroquí, até hoxe. Esta é unha ferida profunda que queda aberta na loita pola autodeterminación e a liberdade da última colonia africana.

 

[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 16 de novembro de 2020]