H&M cede á presión: non pechará a tenda de Ourense e recolocará o persoal de Príncipe en Vigo

A CIG valora moi positivamente a loita das traballadoras/es da trasnacional téxtil sueca

Vigo - Ourense -

A dirección da empresa sueca do sector téxtil H&M cedeu finalmente á presión do seu cadro de persoal e decidiu dar marcha atrás na súa intención de pechar a tenda de Ourense, mentres que no caso de Vigo optará por recolocar as empregadas/os do establecemento de Príncipe. Dende a CIG valoran moi positivamente a loita “valente a incansábel” das traballadoras/es, especialmente no caso ourensán, xa que foron as primeiras/os en botarse á rúa e en convocar folga na defensa dos seus empregos.

Segundo explicou hoxe o secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo, durante a rolda de prensa celebrada diante da tenda da rúa do Paseo, as mobilizacións desenvolvidas en Galiza e noutras zonas do Estado serviron tanto para rebaixar o número de persoas afectadas polo ERE como para mellorar as condicións das que si se verán afectadas, pasando das 1100 iniciais a 350 en todo o territorio estatal.

Ademais, durante as negociacións a nivel estatal -nas que a CIG non puido participar polo veto de CCOO e UGT a pesar de que a central sindical conta con representación nas catro provincias galegas- tamén se logrou elevar as indemnizacións por despedimento até os 45 días por ano traballado para o persoal contratado antes de febreiro de 2012 e até os 33 días por ano a partir desa data. “Estivemos informados/as de todo o proceso grazas ao sindicato vasco ELA, que si puido participar nas negociacións ao contar con máis representación”, indicou Carballo.

O responsábel sindical celebrou que finalmente se conseguise manter aberto o establecemento ourensán e o que o persoal da tenda da rúa Príncipe de Vigo vaia a ser recolocado. “As 21 empregadas/os irán a un ERTE mentres non abren outro centro de traballo”, detallou. Ademais, deixouse sen efecto a modificación substancial das condicións laborais que a compañía pretendía aplicar nos establecementos que permanecerán abertos, “polo que o cadro de persoal non verá recortados os seus dereitos”.

Finalmente, fixo unha mención especial para a loita que levaron a cabo as traballadoras/es galegas/os de H&M, salientando en particular a do persoal ourensán, que foi o primeiro en botarse á rúa e en convocar folga en defensa dos seus postos de traballo e dos seus dereitos laborais. “Fixeron unha labor moi meritoria, en especial a delegada de persoal, Paula Fernández Estévez, e detrás delas viñeron o resto de empregadas/os, que se sumaron na segunda xornada de folga”.

Volver