Hipótese sobre a xénese de certos acontecementos recentes en América Latina

Atilio A. Boron - 14 Mar 2016

O complicado e ameazante taboleiro xeopolítico mundial lanzou a Washington á reconquista de América Latina, por calquera método: “golpes brandos”, como en Honduras e Paraguai; “guerras económicas”, como contra Venezuela; chantaxes vía a demolición do prezo do petróleo, para afundir os principais inimigos do imperio: Rusia, Venezuela e Irán...

 A rexión vive unha conxuntura moi especial: ao anunciado cambio de época proclamado con total acerto polo presidente Rafael Correa hai xa uns cantos anos axéxano ameazas dunha insólita gravidade. Proliferan as voces que pregoan -con indisimulada ledicia algúns na esquerda, con alivio outros na dereita- a “fin de ciclo progresista”, máis unha expresión de desexos que un argumento solidamente fundado. Pero máis aló desta disxuntiva, é indubidábel que o gran impulso ascendente das loitas sociais e as forzas progresistas que desde finais do século pasado conmoveron a rexión ralentizouse.

 A derrota do ALCA en novembro do 2005 aparece agora, en perspectiva histórica, como o cénit dun proceso que logo iría debilitándose paulatinamente. Con todo, a inercia histórica era tan forte que ese auxe de masas fixo posíbel as vitorias de Evo Morales en Bolivia a finais do 2005 e de Rafael Correa en Ecuador tamén a fins do 2006. Non só iso: tamén houbo un impulso suficientemente forte como para desbaratar a tentativa de secesión ensaiada en Bolivia no 2008 e o golpe de estado en Ecuador en setembro do 2010. Pero, posteriormente, ese antigo vigor foi minguando até chegar a unha situación de estancamento e, en certos casos, de aberto retroceso.

 O máis importante, sen dúbida, foi o caso da Arxentina: este é o primeiro, e até o de agora único, país gobernado por unha coalición progresista que foi derrotado nunha elección presidencial. No seu lugar ascendeu ao poder unha heteróclita forza de dereita, que fixo da súa subordinación a Estados Unidos e aos canons do neoliberalismo o principio reitor de todas as súas políticas. En Venezuela o oficialismo sufriu unha durísima derrota nas eleccións da Asemblea Nacional de Decembro do pasado ano mais o chavismo aínda conserva o goberno. No entanto, xorden moitas dúbidas acerca da súa estabilidade a medio prazo e a gobernabilidade da orde democrática venezolana ante o abismo que separa un Executivo acosado por unha chea de problemas de xestión e corrupción e un Lexislativo dominado por unha dereita rabiosa e vengativa, e cuxa lealdade ás regras do xogo da democracia é máis que dubidosa. E apenas hai uns días, a axustada derrota, pero derrota á fin, sufrida polo goberno do presidente Evo Moraés no referendo constitucional vén a completar unha triloxía de fracasos que se torna aínda máis preocupante de se ter en conta que hai poucos meses as forzas de esquerda en Colombia perderon a Alcaldía Maior de Bogotá e a doutras importantes cidades. Engádase ao anterior a dificultosa situación do goberno de Dilma Rousseff en Brasil, cuxa continuidade no cargo parece cada vez máis pender dun delgado fío, para comprender a gravidade do momento actual da política sudamericana.

Autocrítica e debate: a gran ausencia

 Unha conxuntura como esta, descrita a grandes liñas dado que é por todos coñecida, esixe levar a cabo unha análise en profundidade das causas que a explican. Para iso é necesario exercer, como punto de partida, unha sa e fonda autocrítica, fuxindo dos discursos autocelebratorios que por demasiado tempo prosperaron na rexión. Gustaría de sinalar que hai nos nosos países unha resistencia enorme á autocrítica, tanto na esquerda “de abaixo”, renuente a examinar as causas da súa ineficacia e da súa inoperancia históricas como forza política, como na “esquerda gobernante”, que se resiste a revisar criticamente o feito e a tratar de entender a xénese da súa desventura actual.[1] Tal como manifestara no seu momento o ex presidente Raúl Alfonsín ao autor destas liñas: “nos nosos países a autocrítica vai velozmente cara á antropofaxia, coas desastrosas consecuencias que se desprenden de iso”. No caso arxentino logo da inesperada (para o contorno presidencial) derrota do kirchnerismo representado na candidatura de Daniel Scioli xurdiron algunhas voces reclamando que se explicase o que parecía ser inexplicábel. Pero a tres meses de producida a debacle do 22 de novembro do 2015 nin un só dos dirixentes da Frente para la Victoria, comezando pola ex presidenta Cristina Fernández de Kirchner, dixo unha palabra acerca do asunto, e iso que moitos cadros medios do kirchnerismo e algúns analistas independentes, como o autor destas liñas, viñeron reclamando insistentemente, e en balde, unha autocrítica. A resposta foi o máis absoluto silencio.[2] Coido que sen abandonar esta actitude vai ser moi pouco probábel que as forzas de esquerda e progresistas recuperen o papel protagónico que souberon ter no pasado. Estas liñas pretenden facer unha pequena achega nesa dirección.

O papel dos medios hexemónicos

 Avanzando nesta liña primeiro que nada gustaría de desbotar un tranquilizador argumento utilizado até o cansazo nos últimos tempos e segundo o cal a causa deste retroceso obedece á perversidade dos medios concentrados que dispararon toda a súa artillería en contra dos gobernos populares e manipularon eficazmente á opinión pública. Sen dúbida que iso foi o que fixeron, e dun xeito brutal. Pero antes tamén o fixeron: ou acaso non gañaron Evo, Correa, o propio Chávez, Cristina, Lula, en contra da presión dos medios hexemónicos? Por que daquela a súa prédica non produciu efectos tan nocivos como os que demostran ao día de hoxe? Que foi o que potenciou a súa gravidade? Que houbo no medio? Repasemos: Unha xestión de goberno, cos seus acertos e erros[3]; unha campaña electoral, pobre e mal concibida en Arxentina, Bolivia e Venezuela, a contrafío dos avances rexistrados nesa materia; a personalidade dos líderes, sempre sometida a intensas presións, que poden provocar reaccións desafortunadas ou extemporáneas; o counseling da “Embaixada” asesorando a través das súas redes de ONGs á oposición na elaboración do discurso político, a presentación dos candidatos, a axenda a executar, etcétera, todo o cal constitúe o marketing político cuxa importancia non fai senón crecer da man, como o subliña unha e outra vez Noam Chomsky, dos avances nos estudos da psicoloxía do consumidor; as “campañas sucias” desacreditando os candidatos progresistas que aínda que xuridicamente quedan na nada inciden na opinión dunha porción do electorado; o terrorismo mediático, amedrentando a poboación sobre os males que sobreveirán ante a insistencia de proseguir marchando polo “rumbo equivocado” á vez que se axigantan os problemas actuais e se agochan os logros deses gobernos; a “guerra económica”, da cal Venezuela é a principal aínda que non a única vítima, e que xera desabastecemento, longas ringleiras dos consumidores para adquirir produtos de primeira necesidade e ataques especulativos contra a moeda entre outras cuestións; o esgotamento do boom das commodities producido pola persistencia da crise xeral do capitalismo e, para rematar, a fatiga política... de sociedades cada vez máis partidarias do cambio e a renovación de caras, programas, estilos de goberno.

 En suma: non se trata de negar o importantísimo papel dos medios pero sería un exercicio de autocompracencia quedar aí e non ver o cúmulo doutros factores intervenientes, entre eles nosos propios erros, que no caso arxentino foron de tal gravidade que botaron pola borda doce anos de goberno e beneficiaron a un político, Mauricio Macri, que menos dun ano antes non tiña posibilidade ningunha de saír vitorioso en calquera contenda electoral que tivese lugar fóra da cidade de Bos Aires. Non sería esaxerado aventurar que neste terreo o erro principal -cometido non só na Arxentina senón en todos os países xa mencionados- foi carecer dunha correcta política de comunicación; non comprender os gobernos populares que a comunicación política é unha arte e unha ciencia, que foi cultivada con esmero pola dereita baixo a asesoría dos seus mentores norteamericanos e que as nosas respostas foron simplemente instintivas, intuitivas, amadoras en máis dun sentido. Non soubemos contrarrestar esa ofensiva, nin nos medios nin nas redes sociais. Estas últimas, sobre todo, poderían ser aproveitadas de xeito moito máis eficaz para a nosa causa e non o foron. E sen unha axeitada comunicación política o moito e bo que fixeron estes gobernos quedou sepultado baixo unha campaña de mentiras, terxiversacións e descualificacións argallada polos oligopolios mediáticos, manipulando o sentir e a percepción de grandes sectores da opinión pública. Encarar seriamente o desafío do tema comunicativo é unha das materias pendentes máis decisivas que enfrontarán os gobernos e as forzas progresistas e de esquerda nos próximos meses. Hai tempo que somos varios os que vimos insistindo neste tema, sen que até o de agora os nosos chamados sexan tidos en conta. A realidade actual obríganos, neste terreo, a pegar aquel “golpe de leme” -por usar unha expresión lanzada por Hugo Chávez- para elaborar, de conxunto, unha estratexia continental de comunicación para librar en mellores condicións a batalla de ideas, que é o núcleo fundamental da batalla política. A dereita ten unha estratexia continental; nós non, e nin sequera temos adecuadas estratexias comunicativas a nivel nacional. Isto debe ser solucionado sen máis demora.

O cambio cultural e o impacto do “vulgo-republicanismo”

 Dito o anterior e desbotada a utilidade heurística e práctica da unicausalidade mediática queremos chamar a atención a unha segunda cuestión, moi importante e moi pouco estudada: o fenómeno do cambio cultural que ocorreu nos países latinoamericanos nos últimos quince anos e que modificou en gran medida a arquitectura de valores, actitudes e crenzas das clases e camadas populares. Esta é unha dimensión que desgraciadamente non foi até o de agora tida en conta nas análises da esquerda e do progresismo, máis centrados en torno aos compoñentes máis crematísticos da loita de clases: salarios, ingresos, ganancias, plusvalías, desemprego, inflación. Estas dimensións económicas son cruciais, pero desgraciadamente non son as únicas que contan porque todos os procesos vinculados a elas están mediados pola ideoloxía, a linguaxe e a cultura.

 A partir desa premisa gustaría de suxerir que hai un elemento novo na cultura das clases e camadas populares que permite formular algunhas conxecturas acerca das razóns polas cales tres gobernos que levaron a cabo ambiciosos programas de política social, que redistribuíron ingresos, incluíron a poboacións secularmente oprimidas e excluídas, repartiron vivendas, abriron as universidades ao pobo, protexeron minorías (ou, en Bolivia, maiorías secularmente marxinadas) foron derrotados polos voceiros do neoliberalismo que representaban a perpetuación daquelas condicións de opresión e explotación. Como explicar este disparate?

 Coido, en primeiro lugar, que certos compoñentes do discurso do “vulgo-republicanismo”, menosprezados pola esquerda, penetraron moi profundamente no pobo. Por aquel debe entenderse un discurso que exalta as virtudes da alternancia dos gobernantes como o test acedo de calquera réxime democrático e, por conseguinte, a perversidade de calquera proposta política que pretenda abrir o camiño á perpetuación no poder dun líder ou dunha forza política, por máis popular que sexa. Outro compoñente daquel discurso exalta as bondades do cambio, non importa en que dirección nin para facer que ou en beneficio de quen. O mundo está en constante mutación; a vertixe do progreso tecnolóxico hoxe experiméntaa calquera que acceda a un teléfono móbil, cousa que non ocorría no pasado. E se o mundo cambia así de rápido na esfera da tecnoloxía da vida cotiá, e nos usos e costumes da sociedade, por que non debería tamén cambiar na política? O importante é cambiar. O que está, estivo, e debe ser deixado atrás, hai que ir para adiante, confiando no rumbo que sinala o progreso técnico. O macrismo na Arxentina captou con moita astucia este novo estado de ánimo cultural arraigado fortemente na sociedade arxentina, até o punto de que a coalición que encabezou se denominou Cambiemos. E teño para min que un fenómeno non moi distinto estase experimentando en case todos os nosos países, incluíndo Cuba.[4]

 Outro compoñente moi forte do “vulgo-republicanismo” é a idea de que existe unha prensa independente, que di a verdade e que os gobernos progresistas queren acalar apelando ás máis escuras estrataxemas: asfixiándoas negándolles a publicidade oficial, impedindo a súa libre circulación, ameazando xornalistas, etcétera. Tanto penetrou esta idea que moitas xentes dos sectores populares, polo menos na Arxentina, se sentían representados e interpretados polo que a oligarquía mediática dicía ou emitía por radio ou televisión. A prensa oficialista, ou oficiosa, prestou un inestimábel servizo á dereita ao presentar imaxes idílicas da realidade, aumentando dese xeito o repudio de amplos sectores sociais ao goberno que, segundo os medios hexemónicos, “mentía” ao pobo. Por exemplo, soster que a inflación anual era dun díxito cando o mesmo goberno homologaba convenios colectivos dos traballadores con aumentos do 28 ou o 30 por cento; ou admitindo que o nivel de pobreza da Arxentina era equivalente ao de Alemaña, o cal provocou non só o rexeitamento senón o anoxo dos sectores populares que sentían que estaban sendo obxecto de burlas por parte do goberno nacional. O único que se logrou con esa actitude foi que a sociedade perdese totalmente confianza no que dicía o goberno. O poder mediático nin sequera necesitaba mentir: simplemente poñía a noticia dos índices oficiais de inflación en primeira plana, con resultados devastadores porque os asalariados sentían nos seus petos cal era a dimensión real dese castigo.

A percepción das políticas sociais e os dereitos sociais

 Máis aló dos estragos do “vulgo-republicanismo”, penso tamén que os receptores populares das políticas sociais xa non teñen a resposta de outrora ante estas. Con aquelas políticas, precozmente implementada nos anos corenta e cincuenta o peronismo, sen ir máis lonxe, conquistou a lealdade do pobo durante tres xeracións. Non ocorreu o mesmo co kirchnerismo.[5] O que podo percibir, en función de observacións dispersas pero en profundidade, é unha sorte de fatiga ante o asistencialismo e ante a inefectividade, socialmente percibida, das políticas sociais que non extraen os seus beneficiarios da pobreza. Xentes do “conurbano profundo” da Arxentina, “targets” preferenciais de múltiples programas sociais do kirchnerismo, confiábanme días antes das eleccións que votarían a Macri porque estaban fartos do clientelismo, de que os intendentes os levesen de aquí para alá para vitorear a Cristina ou a algún candidato, de ter que recibir unha dádiva. E ademais, sinalaban moitos, “seguimos sendo pobres, moi pobres. Queremos traballo xenuíno, e para iso teñen que vir investimentos. E Macri pode traelos”. A esixencia de “traballo xenuíno” e a desconfianza en relación aos programas sociais aparecen como elementos novos na escena popular arxentina, sobre todo a segunda, cando tales programas eran antes vistos como un dereito lexítimo e suficiente. Pode ser que a superación do abismal desamparo social dos anos noventa contribúa a “naturalizar” programas tales como a asignación universal por fillo e embarazo, a formalización do emprego doméstico acabando coas contratacións non rexistradas (“en negro”) para as traballadoras do fogar e a universalización da xubilación e que agora os seus beneficiarios, con toda razón, esixan novos dereitos. O paradoxal é que o fagan apelando a unha forza conservadora que endexamais se preocupou polo benestar das clases e capas populares. En todo caso, e sen abundar tanto en detalles, o “traballo xenuíno” aparece como unha reivindicación de primeira orde. O asistencialismo está ben por un tempo pero cando en función disto “a miña familia hai tres xeracións que non traballa e vive de plans sociais e os meus irmáns terminan vendendo droga”, como me dixo un mozo de José C. Paz, un distrito moi pobre do Gran Bos Aires, a demanda diríxese a outro lado: a un traballo estábel, formal, rexistrado, rompendo a dependencia de intendentes e xefes políticos.

 Coido que algo similar ocorreu en Bolivia, aínda que hai aspectos que emparentan máis este caso co de Venezuela. En efecto, nestes dous países a clase media como grupo de referencia, que non de pertenza, irrompeu con forza no imaxinario popular. Dado que “o Comandante Chávez nos deunos esta casa” -dicía un caraqueño que participaba nun acto de Henrique Capriles coa súa camisola “vermella” distintiva do chavismo- “agora somos clase media e temos que coidar o que é noso. Chávez seguirá protexendo os máis pobres, pero nós, como clase media, temos a obriga de coidar o que é noso. E para iso nada mellor que Capriles”. Este fenómeno coido que tamén se reproduciu en certo grao tamén en Bolivia.

 Noutras palabras, e sintetizando un razoamento que podería ser moi longo, a tese que gustariamos de compartir aquí é que, en ausencia dun intenso labor de educación política e concienciación ao estilo freiriano a expansión do consumo popular ou o acceso a certos bens e servizos non crea lealdades políticas duradoiras nin é material fiábel para a construción de hexemonía política a medio prazo. O caso de Brasil demostra máis ou menos o mesmo, e a matriz profunda creo que está precisamente nese cambio cultural que non soubemos interpretar en toda a súa significación. Cambio que tornou as clases e camadas populares máis receptivas a interpelacións “vulgo-republicanas” e á sedución do consumismo e os valores mesocráticos, ou de clase media, e polo tanto, máis contrarias a aceptar as propostas de gobernos que exaltan as virtudes da solidariedade, os dereitos colectivos, a cooperación e a xustiza social. Isto, abofé, constitúe un enorme desafío cara ao futuro.

A problemática da organización

 Un tema que tampouco se pode deixar de lado é a cuestión da organización. Non é un dato menor que a densidade organizativa dos países que estamos analizando se debilitase significativamente. No caso da Arxentina nin a Frente para la Victoria, nin La Cámpora, nin Unidos y Organizados lograron plasmar estruturas organizativas dotadas dun mínimo de eficacia militante. Foron creacións burocráticas que non chegaron a calar na profundidade do pobo. O debilitamento de quen outrora fora o maior partido de masas de Occidente, o PT brasileiro, salta á vista, e deixou tanto o presidente Lula como, sobre todo, a presidenta Dilma Rousseff indefensos ante os viciosos ataques dos seus inimigos. En Bolivia tamén é fácil de observar o enfraquecemento dos movementos sociais, sucados por divisionismos, denuncias e ambicións personalistas de todo tipo. E outro tanto cabe dicir se se examina a experiencia de Alianza País en Ecuador. Non estes catro casos son iguais, hai matices, hai sumas e restas, pero o común denominador apunta cara aos problemas do enfraquecemento e anemia das estruturas organizativas, acompañadas pola deserción de importantes aliados, unha perda da mística militante e o impulso utópico doutros anos. Tamén, pola incapacidade para neutralizar o labor de socavamento interno realizado por numerosas ONGs norteamericanas e europeas cuxa función real é introducir divisións nos movementos populares e fomentar o enfrontamento coas autoridades gobernamentais. Talvez o PSUV venezolano poida representar un caso máis atenuado, pero igualmente inscrito na mesma liña.

 Do anterior despréndese a enorme importancia práctica, e a urxencia, por reconstruír as estruturas organizativas do campo popular. Para gobernos que pretenden cambiar un estado de cousas inxusto na rexión máis inxusta do planeta a organización do que Maquiavelo chamaba “a rúa” é dunha enorme importancia estratéxica. Non abonda con ocupar as “alturas do Estado”, como recordaba Nicos Poulantzas, para levar adiante un programa sequera moderadamente reformista. A inercia conservadora do estado, de todos os estados, calquera que sexa o signo político do goberno, acabará por frustrar a posibilidade dun cambio. Para que este sexa posíbel é preciso que o pobo, “a rúa”, se organice eficazmente. Desgraciadamente hai unha tentación que reaparece unha e outra vez nos gobernos e que os leva a desestimar a importancia disto último: a “tentación tecnocrática”, pensar que hai quen sabe máis e sabe mellor, e que se se deixa que actúe sen os ruídos e as molestias da rúa gobernarán mellor. Craso erro. Illado dun pobo organizado e militante, o goberno máis radical é fácil presa dos seus inimigos. Estes teñen baixo o seu control gran parte do persoal da administración pública, das forzas armadas, das policías, da xudicatura, do Congreso e separadamente contan co apoio dos medios hexemónicos, do gran capital, dos poderes internacionais, comezando pola “Embaixada”. Ademais, estes grupos de poder poden mobilizar a amplos sectores populares en contra dos gobernos a través de campañas de terror ou das súas fábricas de mentiras. O ocorrido en Ecuador en relación ás leis de herdanza e plusvalía é dunha elocuencia que aforra maiores palabras. En suma, unha correlación de forzas extraordinariamente desfavorábel, aínda que as aparencias electorais sinalen o contrario. Pero a correlación de forzas non se mide só polo veredicto das urnas. E para iso requírese investir grandes esforzos para desenvolver novas estruturas de organización do campo popular: máis autónomas e plurais, menos verticalistas e personalistas, e diversas aínda que non dispersas. Isto sen caer nun “basismo” paralizante a forza de pura catarse, capaces de exercer a crítica dos seus propios gobernos e, ao mesmo tempo, gañar a rúa para defendelo dos seus inimigos de clase. Estruturas, para rematar, que cumpran unha crucial función de “dirección intelectual e moral”, como dicía Antonio Gramsci, e que sexan a sementeira de novos liderados para as contendas electorais, sindicais, universitarias. Pola contra seguiremos a recoller derrotas.

Saír do neoliberalismo, saír do capitalismo

 Outro tema relacionado co anterior é a subestimación na que incorreron as máis diversas (e encontradas) correntes da esquerda e o pensamento crítico das enormes dificultades que se interpoñen á construción dunha orde non só posneoliberal senón tamén poscapitalista. O que os datos da experiencia demostran irrefutabelmente é que a soa tarefa de deixar atrás a gravosa herdanza do neoliberalismo constitúe case unha fazaña e que, precisamente por iso, nada podería ser máis daniño que a alegre e compracente celebración da presunta chegada do posneoliberalismo ás nosas praias. Formulación este que parece ignorar que aínda hoxe a liberalización financeira, a desregulación dos mercados, a privatización, a precarización laboral, a desindustrialización, a especialización produtiva seguen tendo unha presenza definitoria en case todos os gobernos progresistas e de esquerda da rexión e que estes aínda se atopan mergullados no neoliberalismo e lonxe das promisorias augas do posneoliberalismo. Así como Marx e Engels, e despois Lenin, Trotsky e Rosa Luxemburg subestimaron a resiliencia do capitalismo como sistema e a súa formidábel capacidade para absorber desafíos de todo tipo, o pensamento crítico latinoamericano e as forzas de esquerda foron tamén elas vítimas da mesma ilusión. Non era tan fácil derrotar o neoliberalismo e moito menos iniciar o tránsito cara ao poscapitalismo. Este recoñecemento de ningún xeito é unha concesión derrotista ou unha exhortación a abandonar a tarefa ante a suposta inexpugnabilidade do sistema senón que pretende enfatizar a necesidade de mellorar o noso coñecemento do capitalismo como sistema mundial e nas súas diversas concrecións nacionais. Quen non coñece non pode cambiar o descoñecido. Por iso recordaba Lenin que “nada hai máis práctico que unha boa teoría”. A tarefa, por suposto, é moito máis dura do que se pensaba porque o ataque a unha cidadela capitalista na periferia -digamos Arxentina, Brasil, Bolivia, Ecuador, Venezuela- non só é repelido por unha vigorosa, multifacética e policlasista coalición interna senón que pon en funcionamento as redes globais de defensa do sistema: as normas e institucións internacionais (capitalistas até os miolos) que regulan o funcionamento da economía mundial e que acoden rapidamente a socorrer á fortaleza sitiada polas forzas anticapitalistas. O caso dos “fondos voitre” en Arxentina ilustra con extraordinaria nitidez os nefastos alcances desta arquitectura capitalista mundial que cancela a soberanía dalgúns estados nacionais; a arbitrariedade con que a lexislación internacional penaliza a países da periferia (Ecuador, co da Chevron; Arxentina, cos “fondos voitre”, e así sucesivamente; o papel do Departamento do Tesouro de Estados Unidos ao penalizar os bancos que viabilizan o comercio exterior de Cuba é outro exemplo do mesmo, así como as regras da OMC, a perniciosa influencia do CIADI do Banco Mundial ou as regulacións non arancelarias que descaradamente protexen as economías dos gobernos autoproclamados como voceiros dunha economía mundial rexida pola liberdade de comercio. Se ao anterior sumamos, para seguir con esta metáfora gramsciana das trincheiras, fortificacións e casamatas, o crucial papel dos medios de comunicación, controlados pola burguesía imperial e os seus aliados locais (que crearon unha sorte de “Plan Cóndor da Información” para desaparecer a verdade) así como a súa vitoria na batalla de ideas comprobaremos que a superación do capitalismo é unha tarefa bastante máis complicada do pensado.

Sobre a “fin do ciclo progresista”

 O complicado e ameazante taboleiro xeopolítico mundial lanzou a Washington á reconquista de América Latina, por calquera método: “golpes brandos”, como en Honduras e Paraguai (que de brandos non teñen absolutamente nada); “guerras económicas”, como contra Venezuela; chantaxes vía a demolición do prezo do petróleo, para afundir os principais inimigos do imperio: Rusia, Venezuela e Irán. “Desestabilizacións continuas e acosos permanentes” aos gobernos populares da rexión, e así sucesivamente. É que Estados Unidos necesita dunha América Latina subordinada por completo, sen fendas, para poder arremeter contra os seus inimigos extracontinentais en Oriente Medio, Ucraína e o Mar do Sur da China. Compréndese entón a desesperación da reacción imperial, desde o Tea Party até os exabruptos de Donald Trump e a urxencia de Barack Obama por “normalizar” as relacións con Cuba, obstáculo fundamental para avanzar na construción dun novo consenso imperialista no hemisferio.

 Compréndese tamén a présa por redebuxar o mapa sociopolítico da rexión, para volver a unha Latinoamérica tamén “normal”, é dicir, acorde coa vella historia na cal os gobernos da área se situaban sen chistar detrás das posturas de Washington. Noutras palabras, regresar á situación imperante até a noide do 31 de decembro de 1958, véspera da Revolución Cubana. Tal intento está destinado ao fracaso, pero iso non quere dicir que o imperio vaia desistir dos seus propósitos. Por iso os países de América Latina e o Caribe entraron nunha zona de fortes turbulencias. Algúns apresúranse a profetizar unha suposta “fin de ciclo” dos gobernos progresistas e de esquerda, pero os datos duros da experiencia non avalan ese prognóstico.[6] Son gobernos acosados e hostilizados e, no caso da Arxentina, sufriuse unha lamentábel -e innecesaria, gratuíta- derrota. O panorama venezolano non é alentador pero nada leva a pensar na inminencia dun recambio constitucional do Executivo a favor da MUD. Nas eleccións parlamentarias do 6 de decembro do 2015 houbo máis de dous millóns de chavistas que, anoxados pola ineficacia oficial para controlar a situación económica, non acudiron ás urnas, pero sería pouco sensato pensar que nunha futura elección presidencial vaian votar pola dereita. En suma: estamos transitando unha nova fase económica (esgotamiento do boom das commodities latinoamericanas) e estancamento ou retrocesos da mobilización social e política, fase que suscita novas contradicións e renovadas tensións creativas, como recorda Álvaro García Linera.[7] Pero sería imprudente desbotar ab initio a posibilidade dunha recuperación do impulso ascendente de masas movido pola continuación da crise xeral do capitalismo e as penurias que este verte sobre a periferia, potenciadas pola brutalidade dos axustes neoliberais como os que se puxeron en marcha na Arxentina e, en menor medida, en Brasil. Unha periferia, digámolo brevemente, que non só experimentou un avance social e político sen precedentes nos últimos quince anos, reducindo as enormes fendas de desigualdade de outrora e adquirindo unha ampla gama de dereitos cidadáns que dificilmente van poder ser conculcados sen desencadear enormes resistencias. Máis importante aínda, se algo ocorreu en América Latina e o Caribe, á calor das grandes loitas en contra do ALCA e en prol das transformacións que modificaron significativamente a paisaxe económica, social e político dos países da rexión, foi o nacemento dunha difusa conciencia política antiimperialista e anticapitalista -intuída máis que intelectualmente elaborada- talvez confusamente expresada pero aínda así dotada do suficiente vigor como para se erixir nun obstáculo nada desbotábel para os proxectos restauradores patrocinados polo imperio na rexión.

 De acordo co expresado máis arriba poderíase aventurar que máis que a redistribución de bens materiais o legado máis significativo destes anos tamén foi un significativo cambio na conciencia das clases e camadas populares, acompañando a expansión dos dereitos cidadáns e a construción de estados democráticos baseados no seu activo protagonismo. Para os gobernos neoliberais seguramente que será máis sinxelo reconcentrar os ingresos que abolir novos dereitos recentemente conquistados e descidadanizar a camadas e grupos sociais que con estes procesos adquiriron por primeira vez a súa condición de membros da comunidade política e interiorizaron, aínda que de xeito difuso, o ideario emancipatorio e latinoamericanista do bolivarianismo. Por outra banda, non estaría de máis preguntarse se as condicións internacionais facilitarían un retorno ao pasado, ao tipo de ordenamento hemisférico que esta parte do mundo coñecía cando se produciu a caída da Unión Soviética e os estrategos norteamericanos se enganaban cun “novo século americano”. A resposta é obvia, o que nos leva a preguntarnos se sería concíbibel falar dunha “fin de ciclo” a partir só da análise do momento económico dunha formación social? Non nos parece convincente nin razoábel. Todo prognóstico ten unha marxe de erro máis ou menos grande e non será este autor quen incorra en temerarias profecías. Digo si, porén, que a historia segue o seu curso, e mentres discorremos en torno a estas posibilidades a vella toupa segue facendo o seu traballo. En suma, son cuestións abertas que precisan dun exame polo miúdo que apenas se esbozamos aquí.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘América Latina en Movimiento’, do 2 de marzo de 2016]