Histórica folga na Inspección de Traballo pola aplicación urxente das medidas para evitar o colapso do organismo

Nacional - 21 Dec 2022

Persoal da Inspección de Traballo está secundando este mércores a primeira das tres xornadas de folga convocadas para exixirlle ao Goberno español que aplique de inmediato o paquete de medidas recollidas no acordo asinado hai xa ano e medio. As organizacións convocantes cualifican a xornada de “histórica” xa que é a primeira vez que todos os colectivos que compoñen a ITSS (persoal inspector, subinspector e administrativo) conflúen nunha convocatoria de folga “e iso debería obrigar a este Goberno a revisar as decisións que até a data foi impoñendo”.

Para as organizacións sindicais convocantes (CIG, CCOO, USSES, SITSS e SISLASS) o seguimento maioritario que está rexistrando a folga debería levar os ministerios implicados (Traballo e Facenda) “a superar os bloqueos ás medidas correctoras para a Inspección de Traballo e Seguridade Social”. Neste senso, José Juan Fernández, representante da CIG, subliña que con esta folga estase defendendo o cumprimento do acordo asinado xa o 7 de xullo de 2021, que actualmente continúa paralizado en Función Pública.

Despois de 18 meses, apunta, “non temos ningún tipo de resposta máis alá de que están traballando nel”. “Queremos unha Inspección de Traballo do século XXI, demandamos máis persoal e medios técnicos para poder dar a inspección de calidade que precisa a cidadanía: eficaz, eficiente e rápida na resolución dos problemas”.

O mesmo cadro de persoal de hai 20 anos

Pero para cumprir estes principios, reitera Fernández, precísase dun cadro de persoal ben dimensionado, pois non cómpre que perder de vista que, malia o incremento de funcións e actividades atribuídas a ITSS coa evolución da lexislación laboral, o cadro de persoal segue a ser o mesmo de hai 20 anos, chegando no conxunto do Estado a superan apenas as 3000 persoas traballadoras. “Incluso nalgúns casos temos menos efectivos que hai 20 anos porque os cadros de persoal se foron amortizando”, advirte. O representante da CIG matiza que o único persoal que se foi repondo é o inspector e subinspector, "mais segue a ser insuficiente para dar saída a todo o volume de traballo".

Por iso, as organizacións convocantes (agrupadas nunha plataforma que representa á maioría do persoal das ITSS) reclaman unha reposta inmediata do Ministerio de Facenda ao acordo asinado. “Está aprobado e publicado o Plan Director e hai dispoñibilidade orzamentaria dende o pasado ano, que eran os dous requisitos que impuña o Ministerio para dar o visto bo. Por iso non entendemos este bloqueo e esta falta de información clara por parte do Goberno”, critica.

Sobre o emprazamento do Goberno español a agardar até o 31 de decembro, Fernández indicou que descoñecen que pode acontecer nesa data, xa que non foi acordada en ningún momento e na mesa de seguimento do acordo non se mencionou ese prazo.

Está en cuestión o funcionamento da Inspección de Traballo

As organizacións convocantes advirten que deixar sen efecto o acordo suporía “apostar por poñer en cuestión a capacidade da Inspección de Traballo e Seguridade Social para responder os requirimentos da cidadanía que recaen sobre a mesma”. E chaman a “deixar os discursos ocos, os encomios ao papel da Inspección e ao traballo de quen desempeñamos a nosa función neste organismo, e centrarse en superar todas as carencias que soporta esta institución e que ameazan con lastrar o seu funcionamento até facela fracasar”.

Conclúen que o traballo de diagnóstico da situación na Inspección de Traballo e Seguridade Social está realizado e o deseño das solucións que se requiren para dar un primeiro paso que coloque o organismo en claves dun funcionamento satisfactorio está recollido no acordo do 7 de xullo de 2021 “e non existe ningún obstáculo orzamentario, técnico ou legal que impida que o devandito acordo entre en vigor”.

Pero de continuar sen aplicarse, as centrais sindicais xa teñen convocadas novas xornadas de folga para o 25 de xaneiro e o 22 de febreiro en todas as delegacións da Inspección.