Fene, Compostela e Dodro acollen homenaxes a Moncho Reboiras no aniversario do seu asasinato pola ditadura franquista

Está previsto un programa de actos para os días 11 e 12 de agosto para lembrar a figura do militante nacionalista e sindicalista
Nacional - 04 Ago 2026

A Fundación Moncho Reboiras, a Fundación Terra e Tempo, a Fundación Galiza Sempre, a CIG, xunto cos concellos de Fene e Dodro e a Comisión Organizadora dos actos do 50 aniversario, desenvolverán os días 11 e 12 de agosto un amplo programa de actividades para render homenaxe a Xosé Ramón "Moncho" Reboiras Noia, coincidindo coa data na que, cada ano, se lembra o seu asasinato a mans da ditadura franquista.

Os actos comezarán o luns 11 de agosto en Fene, ás 13.00 horas, no Paseo Marítimo de San Valentín, coa inauguración do monólito dedicado a Moncho Reboiras. No acto intervirán Suso Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras; Francisco Rodríguez, presidente da Fundación Terra e Tempo; e Sandra Permui, alcaldesa de Fene.

Xa pola tarde, ás 19.00 horas, terá lugar en Compostela, na Carreira do Conde, unha homenaxe a Moncho Reboiras, coa participación do historiador e profesor da UDC Uxío-Breogán Diéguez, da profesora de Historia xubilada Encarna Otero, do secretario xeral da CIG Paulo Carril e da concelleira de Cultura, Turismo, Educación e Memoria Histórica Míriam Louzao.

O programa continuará o martes 12 de agosto en Dodro. Ás 12.00 horas, no cemiterio de Imo, celebrarase unha ofrenda floral, na que intervirá Suso Seixo en representación da Comisión Organizadora dos actos do 50 aniversario. A continuación, ás 13.00 horas, na Eira da Lavandeira, desenvolverase o acto institucional de entrega á familia de Reboiras do título que recoñece a Xosé Ramón Reboiras Noia como Fillo Predilecto do Concello de Dodro, organizado polo propio Concello.

Asasinado polo franquismo

Moncho Reboiras ocupa un lugar central na historia do nacionalismo galego contemporáneo e do movemento obreiro do país. Alén da súa comprometida militancia en diferentes ámbitos do nacionalismo popular, destacou polo seu papel nos primeiros xermolos de organización obreira que acabarían dando lugar ao actual sindicalismo nacionalista.

Foi o impulsor e coordinador da Fronte Obreira da UPG, un traballo que favoreceu a creación de boletíns e organizacións de base en distintas cidades galegas. Daquel labor organizativo nacería en 1975 o Sindicato Obreiro Galego (SOG), iniciando un proceso de construción sindical que décadas despois desembocaría na creación da Confederación Intersindical Galega (CIG).

Na madrugada do 12 de agosto de 1975, máis de 300 axentes dos corpos represivos da ditadura franquista rodearon o edificio da Rúa da Terra, en Ferrol, no que se atopaba Reboiras. Ao pé do portal foi acribillado a tiros, converténdose nun dos símbolos da loita pola liberdade nacional e polos dereitos da clase traballadora galega.

Décadas despois, o 12 de agosto de 2009, nun acto oficial celebrado na Delegación do Goberno na Coruña, o Estado recoñeceu que o motivo da persecución sufrida por Moncho Reboiras fora a súa "defensa do movemento sindical e a súa militancia nacionalista". En aplicación da Lei de Memoria Histórica, a súa familia recibiu o certificado oficial de "reparación e recoñecemento persoal".

Ataques á súa figura

As entidades organizadoras fan un chamamento á participación nos distintos actos previstos en Fene, Compostela e Dodro para manter viva a memoria de Moncho Reboiras e reivindicar o seu legado político, sindical e humano como unha das figuras fundamentais da historia recente de Galiza. Máis nun momento no que desde a dereita reaccionaria se ten iniciado unha ofensiva política, de que destacados cargos do PP o cualificasen como delincuente, nun intento inaceptábel de criminalizar a súa figura e mesmo de que se vandalizara a escultura levantada en Compostela na súa memoria.

Unha ofensiva que responde ao malestar que lles produce que se honre publicamente a todas aquelas persoas antifascistas, que se enfrontaron con valentía á barbarie que representaba a ditadura de Franco, en defensa da democracia, da mellora da calidade de vida das clases populares, e no caso do Moncho Reboiras tamén en defensa dos dereitos nacionais de Galiza.