• Nova

HOTUSA afonda na súa política antisindical e despide de maneira selectiva a oito traballadoras en menos dun mes

A maioría das afectadas son persoas que a empresa vincula coa CIG
Chantada - 06 Mar 2020

A cadea HOTUSA, un dos principais consorcios hoteleiros do estado, segue coa súa política de persecución sindical e no último mes despediu a oito traballadoras e traballadores das oficinas que RESTEL (a súa central de reservas) ten en Chantada. En cinco destes despedimentos, a empresa pon como escusa a baixada nas reservas e as cancelacións que está a provocar a expansión do COVID-19.

Para a CIG esta non é máis que unha escusa, porque na realidade HOTUSA está a aproveitar esta supostas causas obxectivas para aplicar despedimento moi selectivos, xa que se afectan a persoas que a empresa vincula coa CIG. Non hai que esquecer que o pasado ano o grupo promoveu unha asemblea entre o persoal para revogar as tres delegadas da CIG, xusto o día despois de saíren elixidas. Esta actuación antisindical foi denunciada e o Xulgado do Social anulou tanto a asemblea como a revogación das compañeiras ao atopar numerosas irregularidades no proceso.

Agora, HOTUSA pretende dar un paso máis nas súas prácticas represivas revestindo de obxectividade un despedimentos que claramente teñen a finalidade de desfacerse das traballadoras e dos traballadores que lle resultan máis molestos e dar un escarmento ao resto de compañeiras.

A empresa válese das facilidades da reforma laboral

Neste senso, o secretario comarcal da CIG da Lugo-A Mariña, Antonio Niño, denuncia que as empresas poden seguir aproveitándose das facilidades introducidas pola reforma laboral para aplicar este tipo de despedimentos, xa que, a pesar das promesas electorais, a día de hoxe o Goberno español de coalición segue manténdoa e sen vontade de aplicar unha derrogación íntegra do texto.

"O Ministerio de Traballo apúrase en sacar un protocolo de actuación ante o coronavirus pero non ten présa ningunha para botar abaixo unha reforma que facilita a destrución de emprego e o recorte dos dereitos laborais".

Co gallo da feira do viño que estes días ten lugar en Chantada, as delegadas da CIG están a facer unha pegada de carteis pola vila para denunciar publicamente os despedimentos na oficina de RESTEL, os incumprimentos sistemáticos do convenio colectivo e na defensa da liberdade sindical e dos dereitos laborais.