1.840.000 motivos para que todos os xoves sexan os "xoves do naval"

CIG-Industria chama a intensificar as mobilizacións pola carga de traballo e o complexo integral

Ferrol -

A primeira hora da mañá deste mércores, a CIG-Industria fixo un reparto de follas informativas entre os traballadores e traballadoras do naval animándoos a participar na concentración que se vai realizar mañá xoves, ás 10:30 horas, diante das portas dos estaleiros de Ferrol e de Fene para reclamar carga de traballo inmediata e un plan estratéxico a longo prazo que remate coa dependencia da construción militar e a periódica expulsión do persoal das auxiliares ao desemprego.

Na concentración de mañá tamén se votará o calendario de mobilizacións, proposto pola CIG, que avoga por repetir protesta os xoves de cada semana, alternando concentracións con manifestacións en distintos percorridos.

Necesidade de intensificar as mobilizacións

Dende a CIG-Industria insisten na necesidade de apostar por estes "Xoves do Naval" e intensificar as medidas de presión "porque temos 1.840.000 motivos para nos mobilizar". Con esta cifra, a central sindical alude aos metros cadrados que ocupan as instalacións de Navantia en ambas beiras da Ría de Ferrol e que, comparadas con outras infraestruturas empresariais da comarca, superan a superficie que ten, por exemplo, o Polígono de Río do Pozo.

Pero ademais, non cómpre esquecer que estes 1.840.000m2 son de titularidade pública estatal,  e polo tanto, o Goberno español ten unha dobre responsabilidade: a propia de calquera Administración na defensa dos empregos e do tecido industrial e, no caso de Ferrolterra, como principal empresa da comarca. "E isto é algo que non debemos deixar de recordarlle sempre que teñamos ocasión, que non podemos consentir que o Goberno mire para outro lado ou que faga deixamento de responsabilidades", asevera a CIG-Industria.

Neste senso, subliñan que a reivindicación máis urxente é a demanda de carga de traballo para evitar a caída na ocupación que se vai producir en breve. Esta reclamación concrétase, a día de hoxe, nun buque de aprovisionamento para a armada española, ou en evitar que a reparación do Blue Star (o buque que encaiou na ría de Ares) se faga noutro estaleiro (máis tendo en conta que nestes intres está en Carenas Ferrol).

Superar a dependencia da construción militar

Xunto a isto, a CIG defende a necesidade de contar cun plan estratéxico a longo prazo "que remate dunha vez por todas coa dependencia do sector militar, co periódico baleirado de gradas, e coa consecuente e periódica expulsión do persoal da industria auxiliar ao desemprego ou á emigración".

A central nacionalista leva anos advertindo de que esta dependencia pode poñer en risco a propia viabilidade de Navantia como proxecto industrial e demandando a creación dun Complexo Integral da Construción Naval, recuperando actividades como a construción civil e apostando seriamente por fortalecer outras actividades como grandes reparacións, a eólica mariña ou turbinas.

Pero para avanzar neste camiño "é preciso que chamemos a atención do Goberno español e o obriguemos a cambiar a improvisación por planificación a longo prazo; a cambiar as axudas e os plans comarcais, dos que nada máis que se aproveitan empresas como Poligal, por investimentos reais en mellorar os estaleiros; e investimentos en innovación. Temos que obrigalos a cambiar a política de todos estes anos de reducir capacidades por outras dirixidas a recuperar actividades e mercados".

A CIG-Industria entende que só a través da mobilización continuada e da presenza constante nas rúas se conseguirán estes obxectivos "e que os gobernos cumpran coas súas obrigas, convertendo as necesidades da comarca nunha prioridade e dando solucións reais".

Volver