1º de Maio de 1977, o sindicalismo nacionalista colle pulo

Manuel Mera - 22 Abr 2021

O Primeiro de Maio do ano 1977 houbo mobilizacións en todas as cidades galegas, nas que se manifestou a xente máis comprometida na loita contra a ditadura franquista, aínda esta data non era unha mobilización masiva. Os xornais destacaban que os participantes eran sobre todo xente moza e tamén que houbo unha dura represión

 

 Morrera Franco, xa estaba a gobernar Adolfo Suárez, mais non todo se converteu axiña en dereitos e liberdades. Un xornal, daquela progresista, titulaba a información encol do acontecido o Día Internacional da Clase Traballadora de 1977 do seguinte xeito: “Máis de medio cento de detidos, manifestacións na rúa, mitins e festas”. O Primeiro de Maio dese ano foi domingo e os xornais do martes salientaban os principais feitos xa que o luns só se publicaba a Hoja del lunes. Destacaban que en Vigo houbera 8 detidos e numerosos mallados pola policía, mentres que na Coruña foron 30 as persoas que pasaran pola comisaria e en Compostela foran 8 os detidos, entre eles Elvira Souto Presedo (secretaria xeral da UPG e que tivo un importante papel na formación dos xermolos sindicais), Daniel López Bispo e Anxel Corral Villar. En Ferrol serían 5 os que pasaron pola comisaria. Habería que esperar até o ano 1978 para poder conmemorar esta data con normalidade.

 Deteñámonos un chisco no contexto no que se celebraba a o Primeiro de Maio para o nacionalismo. O Sindicato Obreiro Galego dera un pulo aprobando desvincularse da AN-PG, deixando polo tanto de ser unha fronte sectorial para se converter no eixo dunha central sindical, a Intersindical Nacional Galega (ING), que integraba todos os xermolos que se foran desenvolvendo desde 1974.

 A ING naceu no mes de marzo dese ano, e días despois da conmemoración do Día Internacional da Clase Traballadora, o 5 de maio, presentábanse os estatutos para legalización, ao abeiro da Lei do 1 de abril de 1977 e do Real Decreto do 22 de abril de 1977. Estatutos que foron substituídos o 13 de maio do mesmo mes por outros de nova redacción. Ese mesmo día presentáronse tamén os estatutos dos seguintes sindicatos de sector, algo necesario xa que era unha esixencia para legalizar o SOG e a ING, que eran respectivamente unha federación e unha confederación de sindicatos. Apareceron publicados no BOE do 20 de maio.

Unión de Traballadores do Ensino de Galiza (UTEG): Xosé Moa Cerdeira e Pilar Allegue Aguete.

Sindicato Galego de Traballadores do Mar (SGTM): Xosé Bernardo Sánchez Miniño e Xosé Montenegro Villanueva. Presentouse o 13 de maio.

Unión de Traballadores da Banca de Galicia (UTBG): Vicente Vázquez Diéguez e Xosé María González Salgado.

Unión de Traballadores da Sanidade de Galiza (UTSG): María Esther Cabanelas Ferrín e María Dolores Rodríguez Martínez.

Sindicato Obreiro Galego (SOG): Francisco Domingo García Montes e Xosé Manuel Fernández Vázquez.

Unión de Seguros e Reaseguros da federación do SOG: Xosé Manuel Fernández Vázquez e Lino Castillo Santiago.

Unión do Metal do SOG:Francisco García Montes e Francisco Xavier Alonso Pérez.

Unión da Construción do SOG: Anxel Mosteirín Turia e Secundino Gómez Pajaro.

Unión do Transporte do SOG: Esteban Fondo Leis e Ismael Otero Reboredo.

Unión do Comercio do SOG: Eladio Pérez González e Emilio García Crego.

Unión de Oficinas e Despachos do SOG: Francisco Lores Santacecilia e Antonio Dasilva Figueroa. (Puídose legalizar algún sindicato máis de sector, aínda que non atopei constancia documental de que así fose).

 En todas estas solicitudes de legalización aparece como enderezo o local da ING en Monforte, xa que aínda a actividade sindical funcionaba en locais que foran alugados con outra finalidade, dada a ilegalidade destas, por exemplo en Vigo na Asociación Cultural de Vigo. Aínda que a única lingua que se usaba na ING e en todas as organizacións do movemento nacional popular galego era exclusivamente o galego, non figura nos Estatutos que esta é era lingua oficial; habería que esperar até 1979 para que esta realidade fose legal.

No que atinxe ás convocatorias de manifestacións do 1º de Maio no ano 1977 nos xornais do 22 de abril saía unha nota na que se dicía que en Vigo fora pedida unha manifestación para ese día por CSUT, ING e CCOO ao Goberno civil. En Ferrol as xestións para facer unha marcha foron realizadas por CCOO e USO. Pola súa banda a ING nun comunicado dicía que centraba a campaña do 1º de Maio no desmantelamento do CSN (sindicato vertical) e na amnistía laboral e política; e que nesa data ía facer mitins en Lugo, Carballo, Carballiño, As Pontes e Vigo.

 O 3 de maio os xornais facían mención aos actos e incidentes do Día Internacional da Clase Traballadora (lembremos que os luns non se publicaba máis que a Hoja del Lunes). Destacaban que en Vigo 300 persoas realizaban un salto xunto á Igrexa dos Picos, no Calvario, e despois no cruce da Dobrada e Urzaiz (daquela José Antonio). O xornal elevaba a mil os que estaban concentrados no lugar. A policía tiña alí numerosos efectivos, e cargou contra calquera intento de manifestación. Os incidentes no Calvario duraron unha hora, e repetíronse despois á altura da rúa Lepanto. Indicaba La Voz de Galicia que á unha da tarde no Toural, en Teis, un comando da UPG colocou barricadas aproveitando materiais dunha obra en construción. Di, o mesmo xornal, que durante as varias mobilizacións foron retidos algúns manifestantes que eran conducidos aos jeeps da policía, mallados, e despois deixados en liberdade, mentres que outros foron levados á comisaría. Desta mobilización persoalmente lembro a dureza da represión, e que as distintas células do SOG estaban presentes nos saltos.

 En Ourense faise mención nos medios de comunicación a que houbo unha concentración de 30 persoas e que un vehículo da policía armada patrullou o lugar. En Lugo a data non tivo moito eco xa que só se instalaron dous puntos de venda de propaganda, un deles do SOG e o outro da “FE de las Jons auténtica”. En Compostela os xornais estiman en máis de cen persoas os que se manifestaron na Praza do Toural convocados pola ING, no acto falou Xan Carballo. Interveu a policía e foron detidos varios dos participantes. Polo serán houbo novas manifestacións e saltos (concentracións moi rápidas para evitar a represión policial).

 En Ferrol realizouse un intento de manifestación ao mediodía. Mentres, en Pontevedra xuntáronse ás 12 da mañá unhas 200 persoas na Praza de Galicia, que despois iniciaban unha marcha polas rúas do centro da cidade; cargou a policía e os manifestantes fixeron unha nova concentración na Praza de Barcelos. Na Coruña a policía detivo a unhas 30 persoas durante as manifestacións; as doce da mañá fíxose nesta cidade unha marcha dunhas 300 persoas; houbo unha carga policial e unha nova concentración. Na información dos xornais faise mención a que a primeiras horas da noite grupos de manifestantes pertencentes á ING e partidos nacionalistas se mobilizaron contra a detención de varios compañeiros.

 En resumo, houbo mobilizacións en todas as cidades galegas, nas que se manifestou a xente máis comprometida na loita contra a ditadura franquista, aínda esta data non era unha mobilización masiva. Os xornais destacaban que os participantes eran sobre todo xente moza e tamén que houbo unha dura represión, como se comprobou no número de detencións, co obxectivo de impedir a protesta da clase obreira na rúa. Tamén tivo relevancia que o nacionalismo fixese acto de presenza en todas as cidades, tanto nas manifestacións como na propaganda previa, o que amosaba iniciativa así como o medre da súa militancia dende as folgas xerais de 1972 en Ferrol e Vigo. Un crecemento que se mantería até a actualidade, convertendo a CIG na central sindical co maior número de delegados e delegadas, de persoas afiliadas e capacidade mobilizadora.

 As forzas que avalaron a transición (o sistema), aceptando pequenas reformas en lugar da ruptura co réxime, prefiren esquecer que a represión aínda se mantiña viva en maio de 1977. Ou sexa, poucos meses antes de asinar os Pactos da Moncloa, malia que morrera Franco, e o 22 de novembro e asumira Juan Carlos como Rei e este impuxera a Suárez como presidente do Goberno o 3 de xullo de 1976, legalizarase o PCE en abril de 1977. As manifestacións do 1º de Maio de 1977 foron reprimidas e outro tanto aconteceu o 8 de maio coa protesta contra o roubo da praia de Baldaio, convocada pola Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG).

 Todas as liberdades democráticas foron conquistadas coa mobilización, o sacrificio e o atrevemento da clase obreira, aos que se sumaron os labregos e os estudantes. Non houbo cesións conseguidas por infiltrados, nin rebelión interna no réxime, como agora se pretende facer crer reescribindo a historia para limpar o pasado de figuras e de institucións, como a monarquía, intimamente vencelladas á ditadura durante décadas. As diverxencias dentro do réxime xurdiron cando viron que todo se desfacía, mesmo así sempre intentaron que as cesións fosen as mínimas para garantir a esencia do sistema capitalista e da hexemonía do centralismo,agora baixo a roupaxe da España Autonómica, só formalmente plural e democrática.

 

[Vigo, 22 de abril de 2022]

 

https://obloguedemera.wordpress.com/