10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega

A xornada reivindicativa coincide este 2021 coa convocatoria dunha folga comarcal en Ferrolterra
- 09 Mar 2021

O 10 de Marzo é o Día Clase Obreira Galega, data na que conmemoramos as loitas vividas no 1972, principalmente en Ferrol, e meses máis tarde en Vigo. Nestas mobilizacións de Ferrol foron asasinados pola policía franquista os traballadores da antiga Bazán Amador e Daniel, mártires do movemento obreiro galego contemporáneo e da loita contra a precariedade e polo dereito á negociación colectiva en Galiza.

Mobilizacións deste 10 de Marzo

- Ferrol, ás 12:00h, manifestación conxunta dende a rotonda da Avda. Nicasio Pérez con Trincheiras no marco da xornada de folga xeral convocada para as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

- Vigo, ás 18:30h, manifestación da CIG con saída de Vía Norte.

- Santiago, 19:30h, manifestación da CIG con saída da Praza Roxa.

- Ourense, ás 11h, manifestación da CIG con saída dos Xardíns do Padre Feijoo.

Esta loita segue vixente, e con máis forza ca nunca, por iso o 10 de marzo deste ano está convocada unha folga xeral na comarca de Ferrol. Folga xeral que é a resposta necesaria para evitar a destrución de emprego e reverter a grave crise industrial que se vive nesta bisbarra.

Esta crítica situación esténdese polo conxunto de Galiza, pero de forma máis dura nas comarcas do norte: A Coruña, Ferrol, As Pontes, A Mariña, Terra Chá, etc, comarcas que teñen unha vida en común e que se están a ver enormemente afectadas.

O deterioro dos estaleiros, a falla de carga de traballo para Navantia, o peche da Central Térmica das Pontes e de Meirama, de Siemsa-Gamesa, a falla de garantías de continuidade no caso da fábrica de Alu-Ibérica, o peche dos centros de traballo de Naturgy na Coruña, a propia situación da industria electrointensiva, que pon en risco unha comarca enteira, como é o caso da Mariña, onde segue en risco a continuidade da única fábrica existente de aluminio primario.

Toda esta realidade exemplifica o que ocorre noutras comarcas do país e en moitos sectores económicos (hostalería, comercio, sector bancario, etc) polos efectos da crise e pola nefasta xestión que dela fan os Gobernos español e galego, que son incapaces de tomar medidas para afrontar esta situación e frear a destrución de emprego.

Neste momento imos camiño dun empeoramento da crise con ERE, peches de empresas, abaratamento nos despedimentos masivos, modificacións das condicións de traballo, descolgues salariais, inaplicación de convenios colectivos, imposición do teletraballo, impacto da dixitalización e descarbonización da economía, etc, que están estendendo a destrución de emprego, a pobreza laboral, pero tamén aumentando a desigualdade de xénero e a exclusión social.

"Preténdese, de novo, saír desta crise cun novo saqueo á clase traballadora galega"

Esta crise sanitaria, económica e social pon de manifesto as altas taxas de desemprego, temporalidade e parcialidade que golpea nunha parte moi importante da clase traballadora, pero tamén causa un forte debilitamento nos nosos sectores produtivos, tanto o agrario como o pesqueiro.

Estamos comprobando que, de novo, se pretende saír desta crise cun novo saqueo á clase traballadora galega, con políticas máis centralistas que reforzan nas elites españolas a concentración de riqueza e de máis beneficios, aplicándose a fondo na chamada unidade de mercado e acudindo aos fondos europeos, que traerán novos recortes socias e máis empobrecemento ás clases populares.

Estamos ante un sistema insostíbel socialmente, que a pandemia rematou de detonar, polo que o futuro do pobo galego atópase hipotecado se non cambiamos o rumbo.

É hora de decidir que intereses se defenden: os das grande empresas, a base de ter carta branca para o que queiran e aceso a recursos públicos millonarios para afrontar a crise, ou os das maiorías sociais.

"O 10 de Marzo é un día para dar unha resposta colectiva e de defensa dos nosos intereses desde unha perspectiva nacionalista e de clase"

Por todo isto, a CIG esixe cambios reais, un plano galego de recuperación económica, industrialización e creación de emprego digno na Galiza, de recuperación dos dereitos laborais e sociais sobre a base da derrogación das reformas laborais, dunha transición enerxética galega xusta, de reforzar os servizos públicos, de aprobar medidas urxentes de protección e dereitos sociais, etc.

O 10 de Marzo é un día para dar unha resposta colectiva e de defensa dos nosos intereses desde unha perspectiva nacionalista e de clase, desde a mobilización e a activación social para que poidamos conquistar o dereito a vivir e a traballar dignamente na nosa terra.