10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental: en defensa do dereito á baixa laboral
SOS Sanidade Pública organizou mesas de debate en cidades e vilas con motivo da conmemoración
Con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, a Plataforma SOS Sanidade Pública organizou unha serie de debates ao longo desta semana en diferentes cidades e vilas que culminaron este sábado, 10 de outubro, cun acto central en Santiago de Compostela. Nesta ocasión, o debate centrouse no traballo e a saúde mental.
A seguir pasamos a reproducir o manifesto “Saúde mental e Traballo. En defensa do dereito á baixa laboral”.
1º.- A importancia dos problemas de saúde mental e traballo.
“O 85% das persoas traballadoras ocultaron nalgún momento o seu sufrimento (no seu traballo) para aparentar normalidade”. Esta dolorosa información vén recollida no informe GAMIAN-Europe (organización paneuropea impulsada por pacientes no informe de 2025).
Os problemas de saúde mental son hoxe unha das causas principais da indicación médica de baixa laboral, crecendo significativamente nos últimos anos.
Este feito debera ser motivo de preocupación para calquera gobernante, ou político en xeral, interesado pola xente do seu país, xa que é un indicador desacougante de que algo non está a ir nada ben na nosa sociedade.
O debate aberto, proposto polo Partido Popular e dirixentes de organizacións empresariais, está trucado ao poñer o foco na rendibilidade e non na saúde, individual e colectiva.
En lugar de considerar o efecto que sobre as capacidades das persoas teñen as alteracións mentais, só valoran a consecuencia que lles trae un só dos efectos: a baixa laboral.
2º.- Faltan recursos para atender correctamente os problemas de saúde mental.
A pandemia da COVID 19 desvelou a precariedade dun sistema sanitario moi danado polos recortes do PP, en xeral e en particular na asistencia á saúde mental: nas dotacións profesionais e de infraestrutura, na organización dos recursos, na administración do sistema por parte dos xestores e dirixentes, etc.
En Galiza, a espera das persoas para acceder a unha primeira consulta de saúde mental no SERGAS, indicada previamente por outra persoa facultativa, é de mes e medio para Psiquiatría (nunha área sanitaria chega a case catro meses) e de seis a doce meses para Psicoloxía Clínica (só nunha área sanitaria está por debaixo dese tempo). As consultas de seguimento distáncianse moito máis alá do tolerable, inutilizando a potencia terapéutica das terapias indicadas.
É así que a psicoterapia, sendo o tratamento indicado como primeira elección para a maior parte dos problemas de saúde mental e sendo unha prestación básica do Sistema Nacional de Saúde, vese en gran medida impedida, causando a priorización dos tratamentos con psicofármacos.
Todo isto obriga á Atención Primaria, xa desbordada pola insuficiencia de profesionais, de medios e de organización, a atender os problemas de saúde mental que moi a miúdo se identifican por primeira vez nese nivel asistencial.
3º.- Crecen as baixas por problemas de saúde mental.
Pese ás carencias de recursos, o actual Presidente da Xunta deu a coñecer no Pleno do Parlamento, como se fose unha medida estrela, a súa intención de “actuar contra a excesiva cantidade de baixas laborais existentes na poboación traballadora”.
Rueda, deslizou sospeitas e sementou dúbidas, sobre a honestidade das persoas traballadoras e médicas, e cuestionou a importancia dos problemas de saúde que as xustifican, chegando a afirmar que “unha gran parte das motivadas por problemas de saúde mental eran trastornos propios de algo que denominou “psiquiatría menor”. A psiquiatría menor non existe, só é unha forma de descualificar o sufrimento das persoas por parte de alguén que descoñece que aparentes cadros de intensidade moderada ou leve poden ter evolucións e consecuencias catastróficas se non son atendidos no momento e da forma axeitada.
Na outra cara desa denominación utilizada polo presidente da Xunta, esta estratexia esconde o estigma asociado a trastornos dunha suposta psiquiatría maior, a exclusión de quen os padece cunha dificultade de acceso a un emprego de calidade, xustificándose así as pobres medidas de integración laboral de persoas con discapacidades, rexeitadas polo mercado laboral.
Esa intervención no Parlamento de Galiza do Partido Popular pretende canalizar as vellas pretensións da gran patronal. Núñez Feijóo, cualificou a situación das baixas laborais como “un cáncer que no podemos pagar” e anunciou graves penalizacións económicas, se el gobernase, para a indicación médica de baixa laboral. Reducións salariais anunciadas que son verdadeiros recortes en dereitos laborais.
Esa mensaxe estimulou aínda máis a cobiza da gran patronal, que chegou a pedir a través da patronal catalá o “despedimento de traballadores en baixa prolongada ou con baixas repetidas”.
A crueldade e a gravidade dese plan é visible: cando máis falta fai o apoio a quen enfermou... anticiparse aos problemas que se poidan producir...e facelo só por soster os beneficios dos grandes empresarios.
4º.- A enfermidade é unha das causas máis importantes de desigualdade inxusta e a miúdo unha consecuencia das desigualdades inxustas que existen na sociedade.
A baixa laboral é unha indicación médica que se deriva da avaliación profesional da capacidade da persoa enferma e das necesidades dos seus tratamentos. Non é unha elección da persoa e ten como finalidade facilitar a súa recuperación, coidando da súa saúde e tamén do proceso produtivo... É, polo tanto, un recurso terapéutico... e tamén un dereito.
5º.- Relación entre traballo e saúde mental.
O traballo é un instrumento non só produtor de beneficios para quen contrata, senón tamén é un medio para a integración social, a obtención lexítima de recursos materiais, o desenvolvemento da identidade, a estruturación da vida, e para a autorrealización da persoa.
Pero tamén pode ser moi daniño para a saúde mental de quen traballa, pordiferentes factores insalubres do mesmo:
- Demanda excesiva e baixo unha presión temporal asfixiante.
Inseguridade laboral e precariedade.
Acoso.
Falta de apoios.
Incompatibilidade coa vida non laboral.
A imposibilidade de atención axeitada ás persoas.
Falta de autonomía na forma de traballar.
O trato diferente por causa allea á tarefa (por xénero, por procedencia, por características étnico-culturais, …).
6.- Propostas para abordar os problemas da saúde mental relacionados co traballo.
Necesitamos solucións útiles para a sociedade e para as persoas pacientes e non só para o beneficio empresarial.
Mellorar a Atención Primaria.
Reforzar a atención á saúde mental.
Políticas sociais compensatorias da desigualdade.
Cumprimento pleno da lexislación laboral polos empresarios.
Manter a avaliación da capacidade laboral como competencia no Sistema Nacional de Saúde.
Frear as pretensións empresariais de introducir as mutuas que eles controlan para a supervisión das baixas laborais.
Afondar en políticas redutoras da fenda de xénero.
Cumprimento dos convenios internacionais para corrixir a inxustiza laboral que sofren as persoas con discapacidades.
Protección no traballo das persoas máis vulnerables socialmente.
Falemos das baixas. Si. Pero non só do que interesa a estes políticos gobernantes, aos lobbies e á patronal. Quizais así saberemos se son moitas ou poucas, e cales serían as mellores actuacións para mellor coidar a saúde da nosa xente.
Urxen medidas que axuden a mellorar as condicións de vida das persoas, sen estas non poderemos falar de saúde. Todas as persoas temos o dereito de recibir unha atención en saúde mental adaptada ás nosas necesidades. A saúde, tamén a mental, é un dereito, o noso dereito.
En Santiago, no Día da Saúde Mental, a 10 de outubro de 202