10 mentiras sobre Venezuela

Katu Arkonada -

A comunidade internacional está preocupada polo estado da democracia en Venezuela. Á "comunidade internacional", representada por Estados Unidos e o Grupo de Lima, non lle preocupan os presos torturados en Guantánamo; non lle preocupan os defensores de dereitos humanos que a diario son asasinados en Colombia; non lle preocupan as caravanas de migrantes que foxen da doutrina do shock neoliberal en Honduras…

 A guerra hibrida que vive Venezuela tivo na desinformación e manipulación mediática una das súas principais armas de combate. Lemos e escoitamos mentiras que analistas que nunca estiveron en Venezuela repiten tantas veces que se converten en realidade para a opinión pública:

 Venezuela ten dous presidentes. Nada máis lonxe da realidade. A Constitución venezolana establece no seu artigo 233 como falta absoluta do presidente a súa morte, renuncia, destitución decretada polo Tribunal Supremo de Xustiza, ou a incapacidade física ou mental decretada por unha xunta médica. Guaidó non ten ningún argumento constitucional para se autoproclamar presidente, pois non hai falta absoluta do presidente, que prestou xuramento tal e como o establece a Constitución no seu artigo 231: o 10 de xaneiro e ante o Tribunal Supremo de Xustiza.

 Guaidó ten o apoio da comunidade internacional. Máis aló da hipocresía de chamar comunidade internacional a Occidente, o 10 de xaneiro na toma de posesión de Maduro había representacións diplomáticas de máis de 80 países, desde Rusia a China, pasando polo Vaticano, a Liga Árabe e a Unión Africana. Eses países seguen a manter relacións diplomáticas co goberno que encabeza Nicolás Maduro. Guaidó ten o recoñecemento dos mesmos países que o 10 de xaneiro descoñecían a Maduro: Estados Unidos e o Grupo de Lima (agás México). Só se sumaron Xeorxia (pola súa disputa territorial con Rusia), Australia e Israel.

 Guaidó é diferente á oposición violenta. Guaidó é deputado por Voluntad Popular, partido político que xa non recoñeceu as eleccións presidenciais de 2013 e que ten como líder, Leopoldo López, condenado por ser autor intelectual de "La salida", que impulsou as guarimbas de 2014, cun saldo de 43 mortos e centos de persoas feridas.

 A Asemblea Nacional é o único órgano lexítimo. O artigo 348 da Constitución venezolana autoriza o presidente a convocar unha Asemblea Constituínte, e o artigo 349 define que os poderes constituídos (Asemblea Nacional) non poderán de xeito ningún impedir as decisións da Asemblea Constituínte. A decisión de convocar a Constituínte foi un acto de astucia do chavismo para sortear o bloqueo da Asemblea Nacional que pode gustar ou non, pero foi realizado con estrito respecto á Constitución.

 Maduro foi reelecto de xeito fraudulento, nunhas eleccións sen oposición. As eleccións do 20 de maio de 2018 foron convocadas polo mesmo CNE co que Guaidó chegou a ser deputado. Houbo tres candidatos de oposición que sacaron en conxunto 33 por cento dos votos e seguíronse as normas acordadas na mesa de diálogo realizada na República Dominicana entre o goberno venezolano e a oposición, co ex presidente español Zapatero de mediador.

 En Venezuela non hai democracia. Desde 1998 producíronse cinco eleccións presidenciais, catro eleccións parlamentarias, seis eleccións rexionais, catro eleccións municipais, catro referendos constitucionais, e unha consulta nacional. 23 eleccións en 20 anos. Todas co mesmo sistema electoral, considerado o máis seguro do mundo polo ex presidente estadounidense Jimmy Carter.

 En Venezuela hai unha crise humanitaria. Sen ningunha dúbida de que en Venezuela hai agora mesmo unha crise económica impulsada polas ordes executivas de Obama e Trump declarando a Venezuela perigo para a seguridade nacional de Estados Unidos, con sancións que impediron a compra de alimentos e medicinas.

 Esa crise provocou unha migración económica á que se pretendeu disfrazar de exilio político, algo que os datos desmenten (entre xaneiro e agosto de 2018 a Comisión Mexicana de Axuda ao Refuxiado recibiu 3.500 solitudes de asilo de venezolanos, por un total de 6.523 solicitudes de refuxio de cidadáns hondureños, case o dobre).

 En Venezuela viólanse os Dereitos Humanos. Analicemos as cifras das guarimbas de 2017: 131 persoas mortas, 13 das cales por disparos das forzas de seguridade (feitos polos que hai 40 membros detidos e procesados); nove efectivos das diferentes policías e Garda Nacional Bolivariana asasinados e cinco persoas queimadas vivas ou linchadas pola oposición. O resto de mortos na súa maioría fórono mentres manipulaban explosivos ou intentaban saltar barricadas da oposición.

 En Venezuela non hai liberdade de expresión. As imaxes destes días de Guaidó dando declaracións rodeado de micrófonos de medios nacionais e internacionais desmenten tal afirmación.

 A comunidade internacional está preocupada polo estado da democracia en Venezuela. Á "comunidade internacional", representada por Estados Unidos e o Grupo de Lima, non lle preocupan os presos torturados en Guantánamo; non lle preocupan os defensores de dereitos humanos que a diario son asasinados en Colombia; non lle preocupan as caravanas de migrantes que foxen da doutrina do shock neoliberal en Honduras, e non lle preocupan as relacións dos fillos de Bolsonaro coas milicias paramilitares que asasinaron a Marielle Franco.

 Non, ninguén xulga as graves violacións de dereitos humanos neses países do Grupo de Lima e o seu aliado Estados Unidos. O que se agocha detrás desa preocupación non se chama democracia.

 Chámase petróleo, chámase ouro, chámase coltán.

 

[Artigo tirado do xornal mexicano La Jornada, do 2 de febreiro de 2019]

Volver