• Nova

10ª xornada de mobilizacións en Política Social en demanda da recuperación dos dereitos recortados

As centrais sindicais piden a dimisión da conselleira e que se nomee a unha persoa con capacidade de negociar
Nacional - 30 Xul 2020

Un xoves máis, as traballadoras e os traballadores dos centros de atención directa de Política Social concentráronse de 11 a 11:30 ás portas dos centros para esixir unhas condicións laborais dignas e uns servizos de atención 100% públicos e de calidade. Malia o intenso calendario de mobilizacións que están a desenvolver dende xuño en demanda da recuperación dos seus lexítimos dereitos, a Consellaría continúa a facer oídos xordos as reivindicacións, motivo polo que, este xoves tamén se volveron escoitar berros pedindo a dimisión da conselleira Fabiola García.

Ademais, nesta xornada representantes das centrais sindicais fixeron entrega de escritos dirixidos ao presidente da Xunta demandando o cese de García ante a súa incapacidade para atender as reivindicacións laborais e o nomeamento á fronte da Consellaría dunha persoa que si teña vontade para sentar a negociar a recuperación dos dereitos recortados e a abordar a mellora dos servizos asistenciais públicos.

Este é o último xoves do actual calendario de mobilizacións, pero dende a representación social xa se advertiu que haberá novas protestas se a Xunta continúa sen aplicarlle ao persoal das residencias de maiores, centros de atención á persoas con discapacidade, centros de menores e centros de día de Política Social, os artigos do V Convenio único do persoal laboral recortados en 2012, nomeadamente o artigo 19 que regula dos descansos e as compensacións polos festivos e domingos traballados.

Devolución dos artigos recortados e melloras nos servizos públicos

Neste senso, CIG, CCOO, CSIF e UGT demandan a apertura dunha mesa de negociación con outra persoa como interlocutora, á vista do nulo interese amosado pola conselleira de Política Social para resolver o conflito. Unha mesa na que trataría non só a devolución dos artigos do convenio recortados, senón tamén medidas para termos uns servizos sociais públicos, dignos e de calidade e un incremento das prazas públicas de xestión directa para poder atender a demanda que existente deste tipo de centros. De igual maneira, pídese abordar a fin da precariedade no sector público e a transformación dos contratos parciais a xornada completa.