11.000 euros ao día durante 10 anos

Federación de Industria da CIG en Endesa -

Non imos falar de ningún premio da lotaría, non, é algo máis básico e esencial, ten a ver cos salarios dalgúns dos directivos da empresa. A magnitude dos seus salarios é tan desproporcionada que a súa explicación non é posíbel. O cumprimento de obxectivos é a Caixa de Pandora que agacha moitos dos erros na xestión e o cumprimento cego das ordes que reciben dos "pagadores". Tras deste eufemismo agáchanse tamén todas as laminacións de dereitos dos traballadores/as.

Para ser exactos, son 10.958 euros/día durante 10 anos, en conxunto uns 40 millóns de euros, este foi o salario do Presidente de Endesa (Enel España), unha empresa que foi do Estado Español e, dende hai tempo, por decisións políticas privatizouse para, oh sorpresa, volver ser pública, pero do Estado Italiano. E todo isto cun grande silencio e colaboración das principais forzas políticas do Estado, algo así sería impensábel noutros Gobernos Europeos. Xa ten relevo e desta vez xa o din claramente, non terá ningún poder executivo, ou sexa, "un para figurar".

E o máis sorprendente é que este “salario diario” non encaixa co crecemento da empresa; neste tempo Endesa (Enel España) entregou a Italia todos os seus investimentos en Latinoamérica; Acciona (colaboradora nesta desfeita) levouse o seus activos en renovábeis; mantívose unha política de dividendos (en favor de Enel, principal accionista) do 100% dos beneficios, algo excepcional en calquera empresa do sector.

En calquera País a isto chámase baleirar unha empresa dun sector estratéxico, pero co papanatismo imperante no Estado Español, descúlpase co falso argumento de que é o funcionamento normal dun mercado globalizado.

Como a cobiza non ten límites, e nunca foi cuestionada polas principais forzas políticas do Estado, os xestores ben pagados ao servizo do interese italiano, ocórreselles agora incrementar os seus beneficios a costa dos dereitos e dos salarios dos traballadores/as, tanto activos como pasivos; é de pura lóxica, namentres ninguén lles poña freo hai que levar a dividendos todo canto se poida. Pois isto é o que demandan os propietarios transalpinos e polo que pagan.

Parafraseando a Voltaire, nestes tempos de tanta carallada ideolóxica, chega a ser perigoso ter a razón cando quen te goberna está errado. Rebelarse co que está acontecendo é a opción.

Pero cometeron un erro; nós, traballadores e traballadoras, non nos consideramos parte dese dividendo a expatriar a Italia nin imos calar como as principais forzas políticas do Estado, os nosos dereitos foron gañados en sucesivos Convenios, nunca regalados; se Enel, ou mellor dito, o Goberno Italiano quer entrar como “un elefante nunha chatarreria”, vai ter resposta, non nos consideramos colonia de ninguén.

Na espera da resolución xurídica en primeira instancia (ficou claro que xamais quixeron unha saída negociada) e sabendo que o camiño será longo e pode que revirado, lembrar aquela máxima de Goebels na que afirmaba: "o primeiro paso dun ditador moderno será facer crer a súas vítimas que os dereitos que desfrutan son realmente privilexios..."

Namentres intenten eliminar a Tarifa de empregado/a hai que lembrar, 11.000 euros ao día durante 10 anos. Como diría o ínclito Rodrigo Rato, isto é política.

As Pontes, 18 de marzo de 2019

Volver