15X-2001: folga xeral galega contra a reforma laboral (CCOO oponse, coincidindo co PP e a patronal)

Manuel Mera - 10 Xun 2021

A fronte antifolga estivo formada polo PP, a patronal e Comisións Obreiras. As institucións nas que gobernaba o Partido Popular foron abertamente agresivas co paro. As declaracións de Fraga merecen non ser esquecidas, por autoritarias e reaccionarias

 O 22 de marzo de 2001 a CIG convocaba manifestacións en oito cidades e vilas galegas, como paso previo a unha folga contra a reforma laboral. As cifras de asistentes eran as seguintes: Vigo 2.000 persoas; A Coruña preto de mil; Pontevedra 500; Ourense 400; Compostela 400; Lugo máis de 200; Ferrol máis de 500; e Burela 100. A convocatoria da folga nacional por parte do Consello Confederal da CIG era para a segunda quincena de maio, porén adiouse xa que se concretou un acordo de convocatoria conxunta coa UGT, escolléndose para a folga xeral galega o 15 de xuño, hai agora dúas décadas, baixo a consigna “Emprego e pensións dignos”. Lembremos que o 12-13 de maio de 2001 realizouse o 3º Congreso da CIG, no que resultou elixido Xesús Seixo como novo secretario xeral da central sindical.

 Había moitos anos, moitos!, que non se convocaba unha folga xeral na Galiza, concretamente dende o ano 1994. Razóns para realizar o paro non faltaban. O PP, presidido por Aznar, aprobou unha reforma laboral regresiva que rebaixaba as indemnizacións por despedimento a 33 días por ano traballado e un máximo de 24 mensualidades, para certos contratos, e a 20 días por ano traballado e 12 meses como máximo cando fose por causas obxectivas. Ademais existía unha taxa de desemprego e temporalidade moi alta. Por se non abondase, en moitas empresas non se cumprían os convenios colectivos, polo que as xornadas eran máis longas e os salarios máis baixos que os que se pactaban na negociación, aoo que se sumaba o desmantelamento de sectores estratéxicos, e un longo etcétera. Ou sexa, sobraban motivos para a folga, como amosaban as cifras: un 15% de desemprego, un 35% de eventualidade, un 14% de traballadores sen contrato, 14.000 galegos/as que emigraban cada ano (de novo), un 20% de familias por debaixo da liña da pobreza, un 63% de fogares que non aforraban ren durante o ano...

 CCOO considerou esta mobilización dos traballadores e traballadoras como un cuestionamento do seu modelo sindical (algo que era certo), e polo tanto fixo da oposición á folga unha batalla ideolóxica, caracterizando o paro como político. Entre os seus argumentos estaban "que esta folga obedecería a unha campaña para botar o PP da Xunta de Galiza". Se así fose, tendo en conta que era un goberno de dereita, sendo CCOO unha forza seica de esquerda, debería estar de acordo co paro (digo eu). Máxime cando o PP era responsábel en moita medida dos grandes problemas que soportaba, e soporta, a nación galega, mesmo da queda demográfica e emigración.

 Polo tanto, a fronte antifolga estivo formada polo PP, a patronal e Comisións Obreiras. As institucións nas que gobernaba o Partido Popular foron abertamente agresivas co paro. As declaracións de Fraga merecen non ser esquecidas, por autoritarias e reaccionarias. Porén ademais, a diferenza doutras folgas, nas que a oposición activada patronal se reducía ás grandes empresas (especialmente foráneas), nesta incorporóuselles unha gran parte do pequeno comercio e hostalaría. Esta era unha novidade, xa que tradicionalmente paraban, mesmo por iniciativa propia.

 Os medios de información fixeron un gran esforzo para demonizar os piquetes informativos. Pretendíase deste xeito restar xustificación á folga, escenificando que en parte se conseguía polo medo aos piquetes e dar así unha escusa a represión das forzas policiais. A actuación policial contra os piquetes mallou sen contemplacións, mesmo en casos que se trataba só de operarios concentrados fronte á súa empresa (como en Citroën). O piquete non impedía o aceso dos/as que o desexaban, iso si, despois de asubialos un chisco. Quíxose facer unha pinza, coa policía nas rúas e a presión da patronal nas empresas, que debilitase a folga. Daquela que a mobilización sindical na rúa fose fundamental para vencer os temores que provoca en moitos traballadores/as as moitas represalias posteriores. Quixeron illar a vangarda dos sectores intermedios naquelas fábricas sen moita afiliación e carentes de comités fortes, que eran a gran maioría.

 Nesta folga xeral tamén existía unha fronte social, que tiña como cerna a industria, construción e transporte, e que aglutinou o resto dos asalariados/as, autónomos/as do agro e pesca, estudantes, e un sector cativo de pequenos empresarios que se sumaron ao paro. Hai que salientar, e moito!, a participación por vez primeira nos piquetes e na preparación da folga da mocidade, foi numerosa e estivo na primeira liña. Deste xeito a realidade daba unha resposta na práctica aos que din que non hai substitución; pode que non a haxa para políticas dubidosas e pouco claras. Outro aspecto que cómpre destacar é a magnitude das mobilizacións (especialmente en Vigo) malia a presión policial e a oposición de forzas políticas da dereita, económicas, e sindicais “desnortadas”.

 Esta resposta tan positiva ao paro, que pode parecer unha novidade, non era máis que o resultado de anos de traballo sindical, e que tiña como antecedentes o convenio do pequeno metal e do comercio da provincia de Pontevedra de 1999, a folga do transporte de Coruña do ano 2000, o paro de 120 días de Transportes La Unión no primeiro semestre de 2001, os máis de catro meses de campamento de Sintel, ou a loita exemplar dun colectivo xeograficamente illado e pequeno como o dos funcionarios de Dozón. E moitos máis conflitos e mobilizacións previas que axudaron o seu.

 E que dixeron os medios de comunicación respecto da folga nacional galega:

 O xornal El Faro de Vigo salientaba “A folga xeral en Galiza foi un éxito para os sindicatos e un fracaso para a Xunta (...) unha xornada salpicada por enfrontamentos entre piquetes e antidisturbios (...) Mentres que UGT e CIG aseguran que foi seguida polo 80%, o goberno autonómico rebaixa a participación ao 14% (...) 50.000 persoas saen á rúa en Vigo para reclamar unha maior protección social (...) Cuíña dixo que foi unha folga marcadamente política e promovida polo Bloque e a esquerda nacionalista radical de Galiza, que usa a CIG”. Mentres que El Mundo de Madrid titulaba: “A folga en Galiza incidiu sobre todo nas grandes empresas”. 

 La Voz de Galicia destacaba que “o paro na industria, construción e servizos oscilou entre o 24% e o 80% (...) a maioría do pequeno comercio e a hostalaría desmarcouse da convocatoria e abriu as portas ao público (...) Miles de persoas -45.000 segundo a policía local e cerca de 70.000 segundo os sindicatos UGT e CIG- saíron onte á rúa en Vigo...”. La Voz de Galicia daba a cifra de 50 mil persoas en Vigo. O diario La Región de Ourense dicía que “a xornada de paro deixou a cidade sen apenas pan e co lixo das rúas sen recoller”. O Correo Galego destacaba que “Na Coruña deixouse sentir o paro nalgunha das principais empresas (...) A capital galega –Compostela- viviu unha xornada tensa pola actuación dos piquetes informativos (...) A inactividade foi total no sector naval e as grandes industrias de Ferrolterra”.

 Unhas 6.000 persoas, segundo a policía local e 8.000 segundo os organizadores, manifestáronse na Coruña (...). En Ferrol participaron unhas 2.000 persoas, e 4.000 segundo os convocantes” (O Correo Galego). “Máis dun milleiro de persoas de toda a comarca do Salnés se manifestou onte polas rúas de Vilagarcía para esixir emprego estábel e con dereitos” (El Correo Gallego). O Tempo Sindical, voceiro da CIG, daba as seguintes cifras: Ferrol, 7.000 persoas; Pontevedra, 6.000; Compostela 5.000; Vilagarcía 2.000; Lugo 2.500; A Coruña 10.000; Ourense 4.000 persoas.

 Sobre a acción dos piquetes informativos La Voz de Galicia incidía nos numerosos cortes nas vías públicas, para restar peso ao grao de mobilización e conciencia política da clase traballadora: “na alborada os piquetes cortaron o trafico nas rúas García Barbón, de Vigo, e Virxe da Cerca en Santiago. A primeira hora da mañá, grupos de sindicalistas intentaron bloquear a entrada de Citroën en Vigo. Na Coruña, o tráfico estivo paralizado nos polígonos da Grela e Pocomaco (...) Unha grande cantidade de comercios localizados en todo o territorio galego non puideron abrir a primeira hora da mañá ao ter bloqueadas as pechaduras das súas portas con silicona. Na Coruña esta incidencia foi notoria nas rúas Real e Barcelona. En Santiago e Ferrol as asociacións de comerciantes denunciaron desprotección policial”. Atlántico Diario engadía: “Ao longo da mañá houbo varias cargas policiais en Vigo contra os piquetes informativos. Os comerciantes do mercado do Progreso negáronse a pechar as portas e os piquetes intentaron acceder ás instalacións sen conseguilo. No momento de maior tensión entre piquetes e comerciantes do mercado presentouse a policía e comezaron as carreiras, as malleiras e o disparo de pelotas...”.

 La Región titulaba “Policías recrutados desde Madrid”, e engadía deseguido “A cidade de Ourense poucas veces está vixiada. Máis de douscentos policías (160 da Policía Nacional e 50 da Policía Local) estaban onte na rúa para evitar altercados cos piquetes informativos naquelas empresas que decidiron abrir as súas portas. A Comisaría de Ourense, bastante minguada de recursos humanos, recorreu á Unidade Central de Intervención de Madrid, que desprazou a algo máis de 20 efectivos.”

 A resposta da Xunta, da patronal e de CCOO ao éxito da folga xeral foi propio de quen sae mal parado da confrontación, así Manuel Fraga, presidente da Xunta “mandou ao carallo a folga xeral convocada por UGT e CIG” (La Región, 16 de xuño). Pola súa banda “A Comisión permanente de CCOO emitiu un comunicado no que se admite que a mobilización convocada pola UGT e CIG tivo ‘unha certa incidencia’ en Ferrol e Vigo, mais non acadou ‘a envergadura dunha folga xeral’.

 Dos sectores en que máis se deixou sentir a folga “foi no naval, onde se rexistrou un seguimento practicamente total nos estaleiros de Vigo e nos do grupo Izar en Ferrol” (El Mundo). Pola súa banda o Tempo Sindical afirmaba: “A folga xeral en Galiza tivo un seguimento do 80%, a UGT-Galicia e a CIG amosan a súa satisfacción polo éxito da folga (...) por sectores destaca o seguimento no transporte do 90 por cento, con servizos mínimos en moitas ocasións abusivos. Na construción a participación foi dun 85%, na industria dun 80% no ensino dun 85%...

O día despois

 Nun artigo, que publicaba aos dous días no Diario de Arousa, co titulo de “Unha folga que deixa pouso” facía a seguinte valoración: “pra alén das consideracións de éxito ou derrota, que cada un poda facer pra galería, o certo é que 50.000 persoas se manifestaron en Vigo (recoñecido por todos) e moitos miles en cada unha das outras cidades. Algún valor terá isto! A Xunta de Galiza e máis o Goberno central deberían tomar boa nota, así como do paro total na industria, construción e transporte (onde Citroën non é máis cunha excepción) e moi importante en moitos outros sectores. Non se pode aprobar unha reforma laboral e un acordo sobre seguranza social con tanta oposición! Non se pode gobernar de costas aos asalariados/as!. Non son menores as consecuencias da folga pra Comisións Obreiras que viu como secundaban o paro masivamente os seus centros máis sobranceiros (Bazán, Astano, Barreras, Vulcano, etc.). Despois disto, dicir que conta co apoio das bases do sindicato non é de recibo, ou muda de política ou albíscase unha perda de forza nas empresas con máis tradición sindical. A folga pasou, mais as súas consecuencias non, durarán moito tempo, tanto no eido sindical como no político. Non teñamos dúbidas!

 Para valorar os efectos da folga, cómpre termos en consideración que o 20 de xuño de 2002 se realizou unha folga xeral contra a reforma das prestacións por desemprego, que tivo un inmenso seguimento e mobilizacións masivas. Neste caso, ademais da CIG e UGT, participou CCOO, rectificando, no que incidiu a presión da súa base e que a postura que mantivo na folga do 15-X era contraditoria diante do pobo cun sindicato que di defender a clase traballadora.

 

[Vigo, 10 de xuño de 2021]

 

https://obloguedemera.wordpress.com/