17 de Maio: combatendo as agresións á nosa lingua, combatendo a LGTBI fobia

A diversidade sexual e de xénero debe ser contemplada como tal na esfera social, educativa e laboral
Nacional - 16 Mai 2017

Dende o 17 de maio de 1990, a Asemblea Xeral da OMS aprobou a retirada do código 302.0 (relativo á homosexualidade) da Clasificación Internacional de Doenzas. A nova clasificación entrou en vigor entre os países-membro das Nacións Unidas en 1993. A pesares do recoñecemento da homosexualidade como unha manifestación da diversidade sexual, as lésbicas, gais, bisexuais, travestís, transexuais e intersexuais (LGBTI) aínda sofren as consecuencias da homofobia e da transfobia.

Neste 17 de maio, do mesmo xeito que animamos a todas as galegas e galegos a defender combativamente as agresións contra a nosa lingua, pulamos porque a diversidade sexual e de xénero sexa contemplada como tal tanto na esfera social, como na educativa, ou a laboral.

Do mesmo xeito que rexeitamos as agresións contra o idioma galego, denunciamos os retrocesos derivados do recorte de liberdades propiciado polos gobernos da dereita, tanto na Galiza, como no Estado español, e en moitos países, mesmo do continente europeo.

Denunciamos a hipocrisía do goberno do Partido Popular, quen deu o visto bo hai tres anos, á Lei 2/2014, de 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galiza, ou hai un ano ao Protocolo educativo para garantir a Igualdade de xénero, a non discriminación e a liberdade de Identidade de xénero das/os menores trans, mais permitiu e consentiu que a organización ultracatólica Hazte Oír pasease hai uns días o "bus da xenreira" polas rúas de Compostela.

Hai que abordar a diversidade afectivo sexual desde un enfoque global que axude a previr calquera discriminación homofóbica e transfóbica"

Isto acontecía na mesma semana na que as organizacións Arelas, Amizando e Ultreia rexistraran no Parlamento galego a iniciativa para poñer en marchar unha Lei galega de Identidade de Xénero que recoñeza os dereitos do colectivo trans, que contou co apoio dos grupos da oposición (BNG, PSOE e En Marea), mentres que o PP mantén a súa actitude de ninguneo da colectividade galega trans; e ás portas da conmemoración deste 17 de maio, Día internacional de combate da LGTBI fobia.

Desde a CIG consideramos urxente contar cunha lei galega de identidade de xénero así como abordar a diversidade afectivo sexual desde un enfoque global que axude a previr calquera discriminación homofóbica e transfóbica e revisar a cultura heteronormativa que existe na sociedade. Hai que poñer en marcha políticas reais antidiscriminación e antiacoso que especifiquen a orientación afectivo sexual e a expresión de xénero; a formación do profesorado, dos servizos sociais e de saúde para saber como actuar naquelas situacións de acoso e vitimización relacionadas coa orientación afectivo sexual e a expresión de xénero; e introducir no currículo información acerca das diferentes orientacións afectivo sexuais e expresión de xénero.

En definitiva: normalizar, educar na aceptación e normalización de calquera tipo de mostra de afecto entre persoas, independentemente da súa orientación ou identidade sexual, o cal significa aceptar sen prexuízos a diversidade.

Esiximos que todas as persoas, independentemente da súa orixe, do seu estado civil, ou da situación legal na que se atopen, poidan ser atendidas nos servizos públicos de saúde e teñan cubertos os seus tratamentos médicos.

Consideramos que a nova lei educativa, a LOMCE, non só é unha agresión contra a nosa lingua, senón un ataque contra a posibilidade de termos un sistema educativo propiamente galego, público, gratuíto, laico, científico, coeducativo e democrático, impedindo un tratamento adecuado da diversidade afectivo sexual no ámbito educativo, e por tanto, fica lonxe o obxectivo de acadar unha educación igualitaria e respectuosa coa diversidade de opcións sexoafectivas e de identidade.

A nivel laboral, debemos amosar o noso compromiso coa erradicación das actitudes homofóbicas nas relacións laborais, instando a adoptar medidas que eviten calquera tipo de discriminación e acoso laboral, propiciando a igualdade de oportunidades e de trato de todas e todos os traballadores, negociando cláusulas específicas nos convenios colectivos nas empresas.

Por todo o exposto, a CIG amosamos o noso compromiso coa diversidade afectiva e sexual, e instamos a combater o heteropatriarcado e a LGTBI fobia.