O primeiro Día das letras galegas xurde en 1963 para homenaxear o centenario da edición de Cantares Gallegos, elixindo a Rosalía como a figura central. Desde entón, cada 17 de maio ademais de reivindicar a importancia da nosa literatura e a nosa lingua, escóllese unha persoa que destacase pola promoción da nosa cultura.
Nesta ocasión, a escritora, xornalista, activista e sindicalista da CIG, Begoña Caamaño, que protagoniza o Día das letras Galegas 2026, alén de reescribir os grandes mitos da historia a través dunha perspectiva feminista, íntima e literaria que a fixo merecedora da homenaxe, foi unha militante activa da nosa lingua, dos dereitos da clase traballadora, da soberanía, a prol dos dereitos das persoas presas, do antimilitarismo, denunciando con vehemencia as inxustizas, desvantaxes e discriminacións en cada un dos espazos onde participaba.
Non pode ser máis acaída a coincidencia nunha mesma data coa conmemoración do Día internacional para combater a LGBTI+fobia. Porque o 17 de maio tamén é un día para concienciar sobre a discriminación e os abusos que aínda sofren na nosa sociedade as persoas por manifestar a súa orientación sexual, identidade de xénero ou características sexuais.
A pesares dos avances conseguidos e de que cada vez hai unha maior visibilidade do colectivo, seguimos a rexistrar casos de violencia, como aconteceu esta semana en ou hai Compostela (cando un rapaz recibiu insultos homófobos, ameazas e inclusive una agresión física por parte doutro mozo), un par de semanas a agresión física a unha muller trans durante o transcurso dun partido de fútbol (tras meses recibindo odio tanto por parte de árbitros como de visitantes que a trataban con desleixo e animaban a golpeala).
"O 17 de maio tamén é un día para concienciar sobre a discriminación e os abusos que aínda sofren as persoas pola súa orientación sexual e identidade de xénero"
O incremento de agresións vai parello ao auxe de discursos de odio vinculados fundamentalmente a organizacións políticas que perseguen a chamada “ideoloxía de xénero”, normas sociais patriarcais, que ademais de ser contrarias aos dereitos humanos, continúan alimentando a discriminación e a violencia contra as persoas LGBTI+.
Por iso, 36 anos despois de que a Organización Mundial da Saúde deixase de considerar a homosexualidade como unha enfermidade mental, reivindicamos a igualdade de dereitos e respecto para as persoas homosexuais, bisexuais, trans, intersex, asexuais, cuir, de xénero fluído, etc. Denunciamos as discriminacións, o acoso e outras situacións de violencia verbal, física, intelectual ou moral por parte daquelas persoas que declaran ser parte do colectivo, parecelo ou simplemente apoialo e defendelo. Non esquecemos que nalgúns países a diversidade afectivo/sexual segue a estar penada con prisión (mesmo con pena de morte), e que a día de hoxe fica moito traballo por facer na Galiza para garantir a inclusión plena do colectivo e o respecto pola diversidade.
Apróbase nova normativa pero persisten as discriminacións
Aínda que Galiza conta cunha Lei pola igualdade e non discriminación de lesbianas, gais, trans, bisexuais e intersexuais, desde o ano 2014, doce anos despois as iniciativas levadas a cabo polo goberno do PP poden resumirse a meras accións estéticas e a un intento de lavado de cara da Xunta, que pretende amosarse como aliada do colectivo no país, mentres paralelamente cualifican de "adoutrinamento" a educación en igualdade LGBT, maniféstanse en contra da lei trans, ou mesmo denegan a declaración de utilidade pública a Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña, que despois o TSXG condenará, defendendo o dereito de ALAS a obtela.
Esta denegación produciuse a pesar de ser un colectivo que ademais de promover a educación en diversidade, saúde e seguridade na vía pública para persoas asociadas ou non, mesmo se presentou como acusación popular no procedemento xudicial polo asasinato de Samuel Luiz.
Malia dotármonos de protocolos contra a LGTBifobia nos centros educativos galegos, seguimos sen garantir que sexan espazos seguros para o alumnado non cisheteronormativo. A formación en materia de diversidade afectivo-sexual para o profesorado e o alumnado é deficiente, sendo urxente incluír esta educación como materia obrigatoria.
Porque a pesares de contarmos cun Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero (formado entidades galegas representativas dos dereitos do colectivo LGBTIQ+, pola Xunta de Galiza, os sindicatos máis representativos, a FEGAMP, universidades e a patronal galega), este tardou anos en funcionar, en dotarse de actividade e aínda hoxe en día temos que acudir a colectivos locais para poder ter informes actualizados dos casos de incidentes de odio LGBTIfóbicos rexistrados na Galiza.
A CIG reafirma o compromiso no combate á LGBTI+ fobia
Conscientes de que a diversidade sexual e de xénero debe ser contemplada como tal na esfera social, lexislativa, educativa e laboral, desde a CIG amosamos o noso compromiso e firmeza no combate as agresións á nosa lingua, contra o heteropatriarcado e a LGBTI+ fobia.
Aproveitamos a conmemoración do 17 de maio como o Día internacional contra a LGTBI+ fobia, para dar a coñecer o noso Departamento de Igualdade onde prestamos un servizo de información e atención integral en materia de dereitos LGBTI+ a todas as persoas que o precisen, desde o que impartimos tamén formación e asesoramento á representación sindical, instamos a incluír na negociación colectiva cláusulas relativas á diversidade, esixir a negociación e aplicación de protocolos de prevención e actuación ante o acoso que contemplen tamén o acoso lgtbifóbico, así como a empregar unha linguaxe inclusiva (alén do binarismo), ou a presentar denuncias de delitos de odio e violencia no traballo relacionadas coa diversidade afectivo sexual ou a pertenza ao colectivo.
Entre os materiais que elaboramos están a Guía de uso dunha linguaxe inclusiva e respectuosa coa diversidade, coa intención de que todas as persoas se vexan reflectidas na nosa lingua sen estigmas, procurando garantir o seu emprego de xeito igualitario, aludindo a outro tipo de identidades de xénero alén do binarismo e erradicar termos discriminatorios; o Protocolo para a prevención e actuación fronte ao acoso laboral, sexual, por razón de sexo e de xénero, orientación sexual, identidade de xénero, expresión de xénero e características sexuais, así como as Cláusulas de diversidade para incluír na negociación colectiva, as enquisas de clima e os Plans de igualdade LGBTI+.
Este 17 de maio sairemos á rúa esixindo o cumprimento dos acordos lingüísticos e o fin das políticas antigalegas, denunciando tamén o estigma e a discriminación contra o colectivo LGBTI+ que son o resultado de prácticas baseadas na intolerancia e o odio.