1856: unidade de estudantes e a clase obreira

Manuel Mera - 20 Mar 2023

O Banquete de Conxo foi escollido polo galeguismo como unha das súas datas senlleiras; hai motivos abondo para que sexa deste xeito, porque reflicte que dende o primeiro xermolar o nacionalismo galego estivo unido aos sectores máis populares, neste caso á clase operaria que daba os seus primeiros pasos

 O dous de marzo deberíase conmemorar na nación galega con todo tipo de lembranzas, dado a súa importancia. É o aniversario do Banquete de Conxo, lugar na contorna de Compostela, realizado no ano 1856. Polo que lin non houbo unha referencia especifica nos medios. O galeguismo histórico, en todas as súas tendencias, sempre lle deu un papel relevante a esta data, xa que sería a primeira vez que a clase traballadora ten un protagonismo político na nosa historia, e non se pode considerar casual que fose da man do primeiro nacionalismo, daquela chamado provincialismo. Trátase da unidade da cuestión nacional, moi ligada á cultura, e de clase nunha acción reivindicativa conxunta hai máis de século e medio, coincidindo con procesos semellantes en países centroeuropeos; non é un tema menor.
  A xuntanza de Conxo alarmou as autoridades e tamén a igrexa; foi iniciativa de Aurelio Aguirre, poeta, persoa con predicamento entre os obreiros e estudantes de Santiago de Compostela, e divulgador das propostas socialistas entre a clase operaria da época (artesáns). Estas ideas agromaron en certos sectores, como os tipógrafos, e cidades como Compostela e Pontevedra. E, a esta tarefa divulgativa sumáronse Rodríguez Seoane, Indalecio Armesto, Paz Novoa, etc.
  A Galiza naquel intre estaba padecendo unha etapa depresiva, que encetou en 1817. O país daquela tiña unha poboación de 1.800.000 habitantes que representaba o 12% do total do Estado español (máis do dobre que hoxe, o que daba un gran peso no Estado a todo o que acontecese en Galiza). Desde finais do século XVIII, o millo, as patacas e as fabas permitiron unha mellor base alimentaria e o medre da poboación. Había no país só dúas grandes empresas, a fábrica de Tabacos da Coruña e os estaleiros de Ferrol. Cómpre destacar, para nos formar unha radiografía máis completa da situación, que houbo protestas obreiras anteriores, especialmente pola introdución polos “cataláns” de novos xeitos de pesca que lles deron o monopolio no sector. Os motíns de 1757 en Corcubión e Cee, repítense no ano 1763 en Redondela e bisbarra de Vigo, e en 1782 na Coruña, até chegar aos gravísimos acontecementos da Ría de Muros e Noia en 1812.
  O Banquete de Conxo viña precedido pola insurrección liberal cívico-militar de 1846, ou sexa, polo provincialismo anticentralista que denunciaba a colonización de Galiza pola Corte española, e pedía que nos respectasen e temesen. Revolta que rematou cunha dura represión e a fuxida de moitos dirixentes a Portugal entre eles Antolín Faraldo, e miles de enviados ás colonias. Foi o segundo grande exilio, en palabras do historiador Emilio González López, só comparábel ao que provocou Enrique de Trastámara no século XIV, cando a maioría da nobreza galega se exiliou no veciño país irmán.
  O xantar de Conxo tiña como finalidade realizar un encontro fraternal entre estudantes liberais e obreiros, co evidente obxectivo de transmitir unha unidade de intereses e incidir na sociedade e nas institucións do país. O acto foi censurado polas autoridades desde o seu anuncio, e enriba dos organizadores caeron axiña excomuñóns da xerarquía relixiosa, nunha época na que isto era unha condena pública. Seica as “damas compostelás poñían velas aos santos” temendo unha repetición do que pasou en París en 1848, onde a insurrección comezou cun banquete semellante. A carballeira estivo arrodeada por soldados mentres durou o xantar. As verbas máis fortes no encontro fraternal obreiro-estudantil foron as de Pondal. Denunciados por sediciosos Pondal e Aguirre foron ameazados con seren deportados ás illas Marianas no océano Pacifico.
  O Banquete de Conxo foi escollido polo galeguismo como unha das súas datas senlleiras; hai motivos abondo para que sexa deste xeito, porque reflicte que dende o primeiro xermolar o nacionalismo galego estivo unido aos sectores máis populares, neste caso á clase operaria que daba os seus primeiros pasos. Aquela unidade entre estudantes e obreiros é un símbolo e unha guía, especialmente nun mundo como o actual no que os asalariados/as representan a maioría social.

[Galiza, 20 de marzo de 2023]