24 de xaneiro, paro nacional en Arxentina e solidariedade no exterior

Sergio Ferrari - 24 Xan 2024

A protesta do 24 de xaneiro semella converterse, tamén no resto do mundo, nun espello de realidades e temores locais. O experimento actual en Arxentina tamén podería detonar unha formidábel mostra de repudio a nivel internacional

 A menos de dous meses da chegada á presidencia de Arxentina de Javier Milei, o 24 de xaneiro realízase a primeira xornada nacional de protesta nese país suramericano. Realidade dobremente sorprendente porque esta reacción popular se dá a curto prazo, sen respectar a “tregua política” dos 100 días que habitualmente se lles concede aos novos gobernantes. Adicionalmente, porque conta co apoio de ducias de convocatorias programadas tanto en Europa como en América Latina, todas elas portadoras dunha contundente solidariedade internacional contra o Goberno de Milei.

 De Ciudad de México, Santiago de Chile, Rio de Janeiro, São Paulo e Montevideo a París, Xenebra e Berna, así en como Roma, Barcelona, Valencia, Toulouse, Lisboa, Bruxelas, Londres, Ámsterdam, numerosos grupos de arxentinos residentes no exterior convocan manifestacións locais, unha verdadeira enxurrada solidaria coa protesta en Arxentina.

“Intento de golpe institucional”

 Os promotores fundamentan a xornada de solidariedade en diversos documentos públicos: “O goberno de extrema dereita e ultraliberal de Javier Milei, coa súa vontade de impor de maneira autoritaria e anticonstitucional un megadecreto (Decreto de Necesidade e Urxencia – DNU) de 336 artigos e un megaproxecto de lei («Lei Ómnibus») de 664 artigos, ataca de maneira frontal os dereitos e as conquistas sociais adquiridos polo pobo arxentino ao longo da súa historia”. Tal é o argumento da Asemblea de Cidadáns Arxentinos de Francia (ACAF) nunha declaración pública subscrita tamén por unha vintena de actores de primeiro nivel do mundo sociopolítico francés. Esta considera que as iniciativas do novo goberno arxentino representan “un verdadeiro abuso de poder... que afectará profundamente á maioría do pobo arxentino e as súas institucións”.

 Pola súa banda, as principais organizacións sindicais francesas reunidas na Intersindical consideran que o poder executivo arxentino pretende que se lle outorguen “competencias propias do funcionamento do Parlamento durante a totalidade do seu mandato de 4 anos”. E conclúen que Arxentina está a experimentar así un “intento de golpe institucional”, como sinalan na súa declaración, á cal se adheriron a Federación Internacional dos Dereitos Humanos e os partidos Francia Insubmisa, Comunista, Socialista, Os Verdes, o dos Traballadores e o Novo Anticapitalista, así como outras moi diversas asociacións solidarias.

 “É unha convocatoria moi importante, nutrida, variada e diversa. O mércores faremos a manifestación principal fronte mesmo á Embaixada arxentina, lugar de París ben coñecido e emblemático xa que durante a ditadura se realizaban alí permanentes mobilizacións”, explica Laura Argüelles, copresidenta da ACAF.

 Os organizadores esperan varios centenares de manifestantes e a participación de 15 oradores do mundo sindical e político, así como unha forte presenza de arxentinos residentes. “Séntese nestas últimas semanas un rexurdir do movemento de solidariedade con Arxentina. Moitos están a ver na figura de Milei a representación dun proxecto perigoso que atenta contra o Estado, os avances sociais e a equidade, e que sería tamén nefasto en Francia e en Europa”, sostén Argüelles.

Políticas mortíferas e represivas de Milei

 A Unión Sindical Suíza (USS), que cos seus 20 sindicatos membros e 370.000 afiliados constitúe a central máis importante do país, coincide cos seus pares franceses e subliña que o proxecto imposto hoxe en Arxentina “pretende desmantelar os servizos públicos e a protección social introducindo unha austeridade que devastará o modelo social arxentino e os dereitos e intereses das e os traballadores”.

 Nunha mensaxe de solidariedade dirixida ás tres centrais arxentinas que convocan a protesta do 24 de xaneiro, a USS expresa a súa máis profunda “preocupación por esta ofensiva contra as conquistas de varias décadas, resultado de loitas sociais e sindicais en Arxentina”. E manifesta a súa solidariedade coas traballadoras e os traballadores de Arxentina, e en particular o “apoio incondicional co proceso de loita emprendido para enfrontar as políticas mortíferas de Milei e o seu goberno”.

 O luns 22, as dúas grandes centrais sindicais italianas, a Confederación Xeral Italiana do Traballo (CGIL) e a Unión Italiana do Traballo (UIL)), anunciaron que o mércores 24 convocan a unha manifestación en Roma fronte á Embaixada de Arxentina en solidariedade coa xornada de mobilización no país suramericano.

 Ambas as organizacións sinalan que “o maxidecreto de emerxencia (do Goberno de Milei) tende a cambiar a estrutura económica e institucional do país, delegando no mercado a regulación das relacións económicas e sociais”. E subliñan a súa preocupación polas políticas “que pretenden criminalizar a protesta social e limitar severamente a liberdade de expresión, con medidas non coñecidas desde os tempos da ditadura”.

 “Accións de solidariedade en todo o mundo”: tal foi a decisión que as 80 organizacións de África, Asia, América Latina e Europa que conforman a Confederación das Américas (CSA) tomaron mediante unha xuntanza en liña o 18 de xaneiro. Esta rexional forma parte da Confederación Sindical Internacional (CSI), a cal conta unha con 180 millóns de afiliados en 162 países e que o 21 de xaneiro expresou o seu apoio á protesta en Arxentina. Luc Triangle, o seu secretario xeral, afirmou que “a democracia non reside no só feito de votar, senón tamén na protección dos valores, as liberdades e os dereitos, que son todos os elementos esenciais para o movemento sindical, actualmente ameazado en Arxentina”. Triangle engadiu: “As accións do Goberno de Milei tenden a recrear os días sombríos da ditadura e esixen unha resposta forte e unida de parte do movemento sindical internacional. Somos todos solidarios das traballadoras e os traballadores en Arxentina na súa defensa da xustiza e a democracia”.

 Poucas veces na historia recente de América Latina unha xornada de protesta social nun país suscitou tanto interese e apoio no terreo internacional. Todo indica que á agresividade do discurso e o proxecto do novo goberno arxentino lle corresponde, na mesma proporción, unha resposta activa e unida da solidariedade internacional. Nada é casual. A protesta do 24 de xaneiro semella converterse, tamén no resto do mundo, nun espello de realidades e temores locais. O experimento actual en Arxentina tamén podería detonar unha formidábel mostra de repudio a nivel internacional.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 24 de xaneiro de 2024]