59 organizacións de todo o mundo subscriben o comunicado esixindo unha solución definitiva para o Sáhara Occidental

Á iniciativa da CIG en colaboración coa UGTSARIO e a CTA-A

Internacional -

Hai unhas semanas, a CIG puxo en marcha unha iniciativa, en colaboración coa UGTSARIO, do Sáhara Occidental, e a CTA-A de Arxentina, para esixir a inmediata solución á situación que está a padecer o Sáhara Occidental. Solución que pasa pola celebración do referendo de autodeterminación, tal e como se recolle en múltiples resolucións internacionais e cuxo cometido se lle encargou á MINURSO.

Logo de recibir as oportunas achegas, o comunicado definitivo foi enviado ao secretario seral das Nacións Unidas, á Unión Africana, á Unión Europea, ao presidente dos EEUU e ao Goberno español. Cada unha destas entidades debe poñer en marcha os medios que lle corresponden para buscar unha solución xusta a esta situación.

As Nacións Unidas, para dar cumprimento ás súas propias resolucións; a Unión Africana, para que esixa o remate dunha das últimas situacións coloniais no seu continente; a Unión Europea, para que respecte a legalidade internacional e os recursos do Sáhara Occidental nos seus acordos comerciais con Marrocos, tal e como se lle pide até en dúas sentencias do Tribunal de Xustiza Europeo; ao Presidente dos EEUU, para que desminta as declaracións de Trump considerando o Sáhara Occidental como territorio marroquí; e ao Goberno español, para que deixe de inhibirse e asuma o seu papel de potencia administradora, logo da descolonización, e cumpra as resolucións internacionais que se lle esixen.

A seguir reproducimos o texto do comunicado:

Esiximos a inmediata posta en marcha do referendo de autodeterminación do Sáhara Occidental

Basta xa de agresións e violacións dos dereitos do pobo saharauí

As organizacións sindicais que asinamos este escrito esiximos o cese inmediato de todas as violacións que se están levando a cabo contra os dereitos do pobo saharauí por parte do Reino de Marrocos, coa complicidade dalgúns estados con intereses no conflito e a pasividade dos organismos internacionais, que non poñen os medios para dar cumprimento ás súas propias resolucións.

Pasaron xa máis de 130 anos desde que o Sáhara Occidental fora ocupado polo Reino de España, que o abandonou á súa sorte co Acordo Tripartito de Madrid, entre España, Marrocos e Mauritania, do 14 de novembro de 1975 (sen contar coa participación do pobo saharauí e violando claramente a legalidade internacional).

Mauritania renunciou á parte do Sáhara Occidental que repartira con Marrocos previamente no acordo de paz coa Fronte Polisaria. Marrocos, pola contra, anexionouse esa parte e comezou a ocupación do territorio. En pleno século XXI, o Sáhara Occidental segue a ser un dos últimos territorios colonizados do continente africano, co uso da forza e contra a vontade da súa xente.

Os dereitos do Sáhara Occidental están avalados por múltiples resolucións de organismos internacionais[1], entre as que se insta a España a que aplique a Declaración de Independencia e o dereito á libre determinación do pobo saharauí, entre outras solicitudes; como así tamén múltiples declaracións feitas por outros organismos internacionais. Aínda así, pasados xa máis de 45 años, observamos con indignación como a impunidade se sobrepón á razón e á legalidade, a pesares de todos estes anos de resistencia pacífica do pobo saharauí.

Como representantes da clase traballadora e, en consecuencia, das clases populares, esiximos o cese das constantes violacións  dos dereitos humanos fundamentais e os dereitos colectivos deste pobo. 45 anos vendo ocupadas as súas terras, sementadas de minas e atravesadas por un muro de 2720 Km., que padeceu 16 anos de guerra, que sufriu masacres, como a de Mdreiga, que foi bombardeado con Napalm e fósforo branco (ambos os dous  ilegais), que se veu na necesidade de exiliarse masivamente aos campamentos de refuxiados de Tinduf. Mentres, a poboación saharauí que quedou no interior padeceu desaparicións forzadas, malos tratos, represión  e encarceramento de persoas presas políticas, que son torturadas nos cárceres de Marrocos.

O pobo saharauí vive da solidariedade, en condicións extremas de pobreza, mentres os seus recursos son espoliados pola potencia colonizadora e as empresas transnacionais. Leva anos observando pacificamente como calquera misión internacional para resolver o conflito é boicoteada por Marrocos e como a MINURSO, lonxe de cumprir o seu cometido, segue bloqueada pola decisión de certos estados membros do Consello de Seguridade das Nacións Unidas.

Os últimos acontecementos incrementan a nosa preocupación. A ruptura do acordo de paz entre as dúas partes pola incursión de tropas marroquís en territorio saharauí para reprimir á súa poboación; o recoñecemento da Administración Trump do territorio baixo a soberanía de Marrocos, saltándose a legalidade internacional; as declaracións de representantes diplomáticos de Marrocos reclamando a soberanía sobre o Sáhara; os intereses estratéxicos e económicos dalgúns estados, como Francia, as Monarquías árabes, os EEUU ou mesmo Israel; e o silencio e pasividade dun actor fundamenta, como é o Estado español, potencia administradora, logo da descolonización, cuxos sucesivos gobernos (tamén o actual) se veñen desentendendo da súa antiga colonia e o seu pobo, pregados a outro tipo de intereses económicos e estratéxicos -relacionados cos fluxos migratorios cos que Marrocos “compra” a súa complicidade-, non parecen augurar unha xusta solución a este conflito.

Por todo isto, dirixímonos ás  instancias que teñen unha maior responsabilidade no conflito, a Organización das Nacións Unidas, a Unión Europea, o Presidente  dos EE.UU., a Unión Africana  e o Goberno español para que dean cumprimento ás resolucións internacionais antes citadas e poñan en marcha os medios necesarios para celebrar canto antes o referendo de autodeterminación do Sáhara Occidental.

Así mesmo, e como parte do proceso, esiximos:

  • A inmediata liberación dos presos e presas políticos saharauís en Marrocos, condenados con xuízos irregulares e sen garantías.
  • Inmediata liberación dos territorios ocupados e desaparición do muro ilegal nos mesmos.
  • Cese das agresións e a represión contra a poboación saharauí.
  • Dereito do pobo saharauí sobre os seus recursos naturais, mineiros, pesqueiros etc. e cese da violación do mesmo, tal e como sentenciou o Tribunal de Xustiza da Unión Europea.
  • Desmentido da última Declaración de Donald Trump sobre a soberanía do territorio do Sáhara Occidental e respecto do novo presidente, Joseph Biden, ás resolucións Internacionais ao respecto.
  • Esiximos o cumprimento, por parte do Reino de España, das sucesivas resolucións da ONU e, en especial, a última antes mencionada de decembro de 2020.
  • Execución inmediata, por parte da MINURSO, da misión que lle foi encomendada: a celebración do referendo de autodeterminación do Sáhara.
  • O pobo saharauí nunca renunciará aos seus dereitos e que, sen unha solución que contemple estas demandas, a zona estará sempre en conflito con risco para as vidas e a paz alí e a prosperidade de ambos os dous pobos.

É por iso que agardamos sexan atendidas estas demandas, como única solución xusta e pacífica, que esiximos pola vía diplomática e sexan promovidas todas as accións encamiñadas ao seu cumprimento.

[1]: Resolución 1514 e 2072 da ONU; Resolución da AGNU 2229-XXI de 1966; Opinión Consultiva da Corte Internacional de Xustiza de 16 de outubro de 1975; Resolución 690 de 1991 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, que estableceu a Misión das Nacións Unidas para o Referéndum no Sáhara Occidental (MINURSO); Resolución 1541, de 2004, do Consello de Seguridade da ONU; Admisión da RASD como membro da Unión Africana ( ex OUA) en 1982; Sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea de 21 de decembro de 2016 e 27 de xaneiro de 2018, sobre ilegalidade dos acordos comerciais da UE con Marrocos, e de febreiro de 2018, sobre os acordos de pesca; Resolución 75/102 do 10 de decembro de 2020 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas.

6 de Febreiro de 2021

ASINAN:

  • UGTSARIO, de Sáhara Occidental.
  • CIG, de Galiza. 
  • CTA Autónoma, de Argentina
  • Unión Syndicale Solidaires, de Francia.
  • Intersindical-CSC, de Catalunya.
  • LAB, del País Vasco.
  • Intersindical Valenciana, del País Valenciá.
  • CTC, de Cuba.
  • CUT, de Aragón.
  • Confederación Intersindical, de España.
  • CUT, de Brasil
  • CUT Auténtica, de Paraguay
  • CUT, de Colombia
  • CTA de los Trabajadores, de Argentina.
  • FRUGA, de Galiza.
  • SLG, de Galiza.
  • SOGAPS, de Galiza.
  • FSOC, de Canarias.
  • ESCULCA, de Galiza.
  • CUT, de Chile
  • CGTP, de Perú
  • ELA, del País Vasco.
  • CST/JBE, de Nicaragua.
  • BLLAHWU, de Butsuana.
  • BOFEPUSU, de Butsuana.
  • SAT, de Andalucía.
  • STEILAS, del País Vasco.
  • UITBB, Federación Internacional de Sindicatos de la Construcción (de la FSM)
  • FUS, de Uruguay.
  • ESNA (Encuentro Sindical Nuestra América).
  • PIT-CNT de Uruguay.
  • The Norwegian Union of Municipal and General Employees- Fagforbundet, de Noruega.
  • Intersindical Canaria, de Canarias.
  • REDH, capítulo Honduras.
  • CTB de Brasil
  • USO de España
  • CUT, de Galiza.
  • Corriente Sindical Carlos Chile, de Argentina.
  • CGTP-IN, de Portugal.
  • PCOA (Plataforma de la Clase Obrera Anti-imperialista).
  • Observatorio de los Pueblos, de Venezuela.
  • Fundación Pueblo Constituyente, de Venezuela.
  • Sindicato Nacional de la Gran Misión Vivienda, de Venezuela
  • Federación Panchipriota del Trabajo (PEO), de Chipre
  • United Union Aotearoa / NZ, de Australia.
  • UGTA de Argelia.
  • ULNM, de Mauritania.
  • USTM, de Mauritania.
  • CMLT, de Mauritania.
  • UNTS, de Mauritania
  • CMS, de Mauritania.
  • UNSA, de Mauritania.
  • UPTM2, de Mauritania.
  • UITM, de Mauritania.
  • UETM, de Mauritania.
  • UMT, de Mauritania.
  • Australian Council of Trade Union (ACTU), de Australia.
  • The Australian Workers Union (AWU), de Australia.
  • Maritime Union of Australia (MUA), de Australia.

Volver