8 de Marzo: Cal é a súa orixe? Que leccións podemos tirar hoxe?

Laura Requena -

Millóns de mulleres no mundo enteiro seguen a enfrontar o machismo diario, os feminicidios, a sobrecarga de traballos domésticos e de coidados, a desigualdade laboral e salarial e mesmo a pobreza e miseria extrema

 O 8 de Marzo vén celebrándose desde hai máis de cen anos. Mais o certo é que a orixe desta data é motivo de controversia, porque moitos dos feitos que deron lugar a ela foron esquecidos, distorsionados ou maquillados.

 O que si semella claro é que non se pode atopar nun só suceso, senón que a celebración deste día está atravesada por gran cantidade de feitos relacionados con momentos cruciais da historia do século XX como foron a Primeira Guerra Mundial, a loita internacional polo sufraxio feminino, o crecente auxe do sindicalismo durante as primeiras décadas do século XX tanto en Estados Unidos como en Europa e Latinoamérica e coa Revolución Rusa.

 O 8 de Marzo naceu ligado á loita polo voto feminino e por mellores condicións laborais para as traballadoras de finais do século XIX e comezos do XX. A revolución industrial, que incorporou a mulleres, nenas e nenos á produción, supuxo para elas o paso da servidume do fogar que nunca abandonaron á servidume do taller ou a fábrica. As mulleres sufrían longas xornadas laborais sen descanso, salarios á metade que os dos homes e ademais eran vítimas de acoso sexual polos patróns.

As mulleres socialistas crean o Día da Muller

 As orixes do Día Internacional da Muller están ligados aos partidos socialistas de Estados Unidos e Europa e, nomeadamente, ao protagonismo das mulleres do Partido Socialista Norteamericano que, desde 1908, instauraron unhas xornadas de reflexión e acción denominadas Women’s Day.

 O 3 de maio de 1908, no teatro Garrick de Chicago, a Federación de Mulleres Socialistas de Chicago, tomou a iniciativa de chamar para un Día da Muller, co obxectivo central de facer campaña polo sufraxio feminino. Ao ano seguinte, o 28 de febreiro de 1909, o partido socialista realizou grandes manifestacións en varias cidades, para reivindicar o voto feminino.

 O 26 e 27 de agosto de 1910 realizouse en Dinamarca a II Conferencia Internacional das Mulleres Traballadoras, organizada pola II Internacional. Clara Zetkin, pioneira do movemento de mulleres socialistas que dedicou toda a súa vida a organizar as mulleres traballadoras, propuxo seguir o exemplo das americanas e conmemorar o día da muller en repudio ás condicións de opresión na que se atopaban as mulleres obreiras no mundo e a favor do sufraxio feminino sen restricións. Ao mesmo tempo, enxergábase a guerra en Europa e as socialistas propuxeron que ese día tamén se fixese un chamado á paz.

 Mais para as mulleres socialistas e así o entendía tamén Zetkin, a loita polo voto feminino non era un fin en si mesmo senón un paso necesario para a participación política das mulleres e un xeito de unir a clase no que era a loita estratéxica polo socialismo. Ela tiña claro que, aínda cando proletarias e burguesas reivindicasen por igual o dereito ao voto, os seus intereses eran contrarios. Así, segundo ela: “As feministas burguesas queren participar na vida pública porque esperan con iso apoiar e preservar a actual orde social burguesa, non como as proletarias que esixen o voto ante todo para mellorar a capacidade de combate do proletariado contra a orde capitalista”. Ela vía unha relación estreita entre a “cuestión feminina” e a “cuestión social”. Clara Zetkin sabía que sen a participación política das mulleres era imposíbel gañalas para a causa socialista e que ao mesmo tempo só unha revolución capaz de derrubar a orde capitalista sería capaz de poñer as bases materiais para a total emancipación das mulleres.

 A tarefa de poñer aos partidos socialistas á fronte da loita polo sufraxio feminino non foi doada. Cando Zetkin entrou no partido socialista obreiro de Alemaña, as mulleres mesmo tiñan prohibida a participación política nese país. Pero ela e outras mulleres deron unha batalla forte na organización que construían xunto cos homes, para que aos poucos a cuestión da muller formase tamén parte do programa socialista.

 Mesmo cando no acordo daquela Conferencia non se fixou un día específico, porque non se conmemoraba ningún feito histórico, a partir daquela o Día Internacional da Muller Traballadora comezou a celebrarse en varios países de Europa.

 Paralelamente á loita polo voto feminino, as mulleres traballadoras viñan pelexando moi forte desde finais do s. XIX polos seus dereitos laborais. En marzo de 1857 o sindicato de costureiras da Compañía Téxtil de Lower East Side, de Nova York, levou a cabo unha mobilización para demandar a redución da súa xornada de traballo. Alí, por efecto da represión policial, resultaron feridas e/ou mortas algunhas traballadoras.

 Dez anos despois, tamén en marzo de 1867, desenvólvese a folga das pranchadoras de pescozos da pequena cidade de Troy, no estado de Nova York.

 En 1909 realízase a gran folga das obreiras da Compañía de Blusas Triangle, da cidade de Nova York. Este paro, que durou tres meses e que se coñece como a “sublevación das 20.000” (polo número aproximado de traballadoras de diversas fábricas que prestaron o seu apoio), tivo unha enorme repercusión. Mais a escaseza económica levounas de volta ás súas fábricas sen conseguir a instalación de saídas de urxencia e a prohibición de manter pechadas as portas da fábrica durante o traballo, que era unha das súas demandas.

 O primeiro Día Internacional da Muller, o 19 de marzo de 1911, reuniu en toda Europa a preto dun millón de persoas. Seis días despois, un incendio destrúe boa parte das instalacións da Compañía de Blusas Triangle. Morren centos de persoas, a maioría mulleres, de idades que ían desde os 48 aos 14 anos e moitas outras quedan feridas. Esta traxedia permitiu verificar a pertinencia das súas reivindicacións e obrigou a importantes mudanzas en normas de seguridade e saúde laboral nas fábricas.

8 de marzo de 1917: Antesala da Revolución de Outubro

 O 8 de marzo de 1917(23 de febreiro no antigo calendario ruso), as mulleres obreiras saíron á rúa para protestar contra a participación de Rusia na guerra, a desigualdade nas condicións laborais e a escaseza de alimentos. As mulleres decidiron chamar á axitación pública e aquel estoupido popular protagonizado polas obreiras, puxo fin á dinastía Romanov e deu inicio de forma espontánea á Revolución de Febreiro, antesala da Revolución de Outubro.

 A Revolución rusa deu pasos axigantados nos dereitos da muller, nin sequera imaxinados para as mulleres do resto de Europa. Non só foron as primeiras en conseguir o dereito ao voto senón que o novo goberno obreiro e popular que xurdiu en outubro, acabou con todo vestixio de desigualdade legal. Leváronse a cabo medidas para conservar e ampliar ao máximo o papel das mulleres na produción e para a súa participación política, en igualdade de condicións. Legalizaron o aborto, intentaron acabar coa escravitude doméstica das mulleres e socializar estas tarefas poñendo en marcha unha rede de servizos públicos. Tamén se levou a cabo unha loita titánica para a protección da maternidade e a nenez abandonada.

 O illamento daquela revolución, a guerra civil e as difíciles condicións materiais, non permitiron avanzar todo o desexado. Pero aínda así, nos primeiros anos o goberno soviético deu á muller o que ningún outro goberno do mundo, sentando as bases de novas relacións humanas e entre os sexos, sobre bases económicas e sociais novas. É a partir daquela cando en 1921, a Conferencia de Mulleres Comunistas da recentemente fundada III Internacional, fixou o 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora.

O abandono ou cambio do carácter desta data e a súa posterior institucionalización

 O estalinismo supuxo un retroceso enorme para as mulleres. Prohibiuse o aborto e abandonouse a idea de que o Estado socializase por completo as tarefas domésticas e de coidados. Durante os anos 30, o 8 de Marzo converteuse na Unión Soviética nun día para “glorificar a maternidade”. Despois dos anos 30, o 8 de Marzo deixou de se realizar en moitos países ou déuselle un carácter distinto. Deixou de ser un día de loita e para a reivindicación.

 A finais dos anos 60 e inicios dos 70, o movemento feminista buscou retomar a conmemoración deste día. Tomouse a explicación sobre a súa orixe que en 1955 apareceu en Francia no xornal comunista “L’Humanité’, onde se dicía que este día naceu en homenaxe á folga nunha fábrica téxtil, en 1857, en Nova York, durante a cal os patróns atrancaran as portas da fábrica e prenderan lume, con 129 obreiras dentro. Outras fontes situaban ese feito nun 8 de marzo de 1908, que era ademais domingo.

 Esta versión deuse por boa durante máis de 20 anos, até que a historiadora canadense Renée Côte investigou en todos os arquivos de Europa, EUA e Canadá e non atopou ningunha pista daquel incendio. Outras moitas investigadoras chegaron á mesma conclusión de que non existían probas documentais sobre o incendio da fábrica téxtil en ningún deses dous anos.

 Todas elas afirman que o mito que sitúa a orixe do 8 de Marzo nesas dúas datas se creou confundindo e mesturando os datos doutras folgas, coa intención de agochar a súa orixe comunista, borrar da memoria outros acontecementos e as datas dos congresos socialistas que determinaron o Día das Mulleres.

 En 1975 a Organización das Nacións Unidas (ONU) instituíu o 8 de marzo como Día Internacional da Muller, quitándolle o adxectivo de traballadora e obviar os acontecementos do 8 de marzo de 1917 en Rusia. En 1977 a Unesco declarou o 8 de marzo como homenaxe ás obreiras mortas en 1857.

Hai que rescatar o carácter socialista e de clase do día 8 de Marzo!

 Moito choveu desde que en 1910 Clara Zetkin propuxera levar a cabo en todos os países o Día Internacional polos dereitos da muller traballadora. En moitos países as mulleres conseguimos o voto, a participación política, o divorcio e unha minoría convertéronse en empresarias, banqueiras, ministras ou presidentas. Pero millóns de mulleres no mundo enteiro seguen a enfrontar o machismo diario, os feminicidios, a sobrecarga de traballos domésticos e de coidados, a desigualdade laboral e salarial e mesmo a pobreza e miseria extrema. O que demostra que baixo este sistema capitalista corrupto e cada vez máis en crise, non hai igualdade posíbel. É por iso que hai unha loita crecente e masiva das mulleres que se expresou o pasado 8 de Marzo e volverá facelo este ano.

 É agora cando as ensinanzas daquel 8 de Marzo de 1917 se volven, para nós, máis imprescindíbeis que nunca. A Revolución rusa empezou polo sector máis oprimido e explotado da clase traballadora e hoxe en día vemos tamén como as mulleres estamos á cabeza de moitas loitas. Cen anos despois é chave recuperarmos o fío vermello da historia daquelas mulleres que se atreveron a revolucionar o mundo e as súas propias vidas e que loitaban por un mundo novo sen explotación e opresión do home polo home e especificamente da muller polo home. E que demostraron que só é posíbel comezar a poñer os alicerces para terminar coa opresión ás mulleres, mediante unha revolución obreira e popular que teña como obxectivo loitar por unha sociedade socialista.

 

[Artigo tirado do sitio web Kaos en la Red, do 11 de febreiro de 2018]

Volver