8 de marzo, folga xeral de mulleres

O obxectivo da convocatoria é rexeitar de xeito activo todos os tipos de agresións

Nacional -

A CIG decidiu sumarse á convocatoria de folga xeral de mulleres impulsada por organizacións feministas de distintos países do mundo e que, no caso galego, foi acordada no Encontro Nacional da Marcha Mundial das Mulleres, da que a central sindical fai parte, celebrado o pasado mes de outubro.

O obxectivo desta convocatoria é rexeitar, de xeito activo, todos os tipos de agresións contra as mulleres, non só ante a violencia física, o acoso laboral e sexual e os feminicidios, senón ante a resposta que moitas administracións dominadas polo patriarcado dan a estas agresións, e contra a permanente explotación laboral, a precariedade e a fenda salarial que padecen as mulleres. 

A CIG chama as mulleres a non acudir ao posto de traballo e ás clases e a non realizar ningunha  tarefa doméstica

Así o explicou Margarida Corral, secretaria das Mulleres da CIG, no III Encontro Nacional de Mulleres da central sindical, celebrado o 22 de novembro en Compostela, no que participaron preto de 250 delegadas.

Un acto no que Corral fixo un chamamento a que ese día as mulleres non acudan ao seu traballo remunerado, mais tamén que se absteñan de asistir ás clases, de realizar traballos domésticos ou de coidado e a realizar un boicot permanente ás empresas con políticas misóxinas.

O ano pasado a convocatoria foi de paros parciais co obxecto de garantir que as traballadoras asalariadas de todas as quendas tivesen cobertura.

Para o vindeiro 8 de marzo definiranse o tipo de mobilizacións a convocar. Accións nas que se implicará e participará toda a CIG, tal e como se acordou nos organismos de dirección da central sindical.

Volver