8 de Marzo: Invisíbeis e precarias, pola valorización dos traballos de coidados

A CIG chama a participar na manifestación feminista de Verín

'Invisíbeis e precarias, pola valorización dos traballos de coidados' é o lema baixo o que a CIG conmemora este ano o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, no obxectivo de reclamar que a vida das persoas se sitúe no centro das políticas públicas.

Así o explica a secretaria confederal das Mulleres, Margarida Corral, quen defende a necesidade de valorizar as tarefas relacionadas cos coidados e que tanto os traballos feminizados como aqueles que se fan de balde no fogar “sexan recoñecidos no seu xusto valor económico e social, porque malia constituíren o sostén da vida seguen invisibilizados”.

Sobre estas cuestións debaterase no VI Encontro Nacional de Mulleres da CIG que se celebrará o mércores 4 de marzo en Compostela no edificio Cersia e ao remate do que as delegadas da central sairán en manifestación para esixir cambios reais nas políticas que nos permitan acadar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia.

Traballo oculto e infravalorado

A este respecto, Corral explica que o feito deste 8 de Marzo caer en domingo resta forza á convocatoria de folga laboral e estudantil, xa que só unha pequena porcentaxe de mulleres poderían participar nela. Atendendo a esta circunstancia, o feminismo galego apostou por centrar as mobilizacións na problemática dos coidados, facendo visíbel o que está oculto e infravalorado.

Deste xeito, baixo a consigna “Sen coidados non hai vida. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado” Galegas8M convoca manifestación nacional en Verín o 1 de marzo, na que a CIG fai un chamamento a participar masivamente, así como nas mobilizacións que terán lugar por todo o país na xornada do domingo 8 de Marzo.

Volver