Importante seguimento na primeira xornada de folga nos autobuses de Lugove-Subus
O persoal concentrouse nas instalacións da empresa, que presta o servizo de transporte no Baixo Miño e sur de Vigo
A primeira xornada de folga no servizo de transporte en autobús do Baixo Miño e Val Miñor está rexistrando un importante seguimento ente o persoal que, para darlle máis visibilidade ás súas reivindicacións, esta mañá se concentrou diante das instalacións de Lugove-Subus no Porriño. A decisión de ir á folga adoptouse ante os reiterados incumprimentos patronais e a falta de actuación das administracións implicadas para garantir tanto que se respecten os dereitos laborais como a calidade do servizo ás persoas usuarias.
De non producírense avances para reverter esta situación, a folga repetirase o próximo venres día 14 e o luns 24 de agosto, datas nas que o persoal tamén ten previstas concentracións na estación de autobuses de Vigo.
O delegado da CIG, Anxo Taboada, lembra que a representación social leva anos denunciando incumprimentos laborais, deficiencias organizativas e problemas que afectan directamente ás condicións de traballo e á seguridade do servizo que xa derivaron en actuacións e sancións por parte da Inspección de Traballo.
Entre outros problemas, refire incumprimentos en materia de xornada e descansos entre xornada, pagos de dietas que non respectan o estabelecido no convenio colectivo, un cadro de persoal insuficiente para prestar o servizo, ou que o persoal condutor teña que realizar traballos impropios como a limpeza ou o respostado dos vehículos.
O representante sindical chama a atención tamén sobre a falta de mantemento adecuado da flota de autobuses, o que provoca que cada pouco haxa avarías e incidencias no servizo; así como unha deficiente actuación en materia de prevención de riscos “que a empresa non toma en serio e nin sequera permite que os delegados participemos na elaboración do plan de prevención”.
“É unha acumulación de incumprimentos da normativa laboral, do convenio e de prevención que non só afecta ás nosas condicións de traballo, senón que provoca que haxa moitos servizos que non se poidan facer e que, polo tanto, a empresa non estea cumprindo co que estipula o contrato da Xunta”, advirte.
Porén, dende a convocatoria da folga, a empresa “non se dignou en ningún momento a falar coa representación do persoal para tentar buscar un acordo”, amosando unha total falta de vontade negociadora.
A isto engádese que o servizo está en prórroga porque a Xunta rescindiu o contrato para proceder a súa reestruturación debidos ás numerosas queixas, e malia que os novos pregos deberían publicarse no mes de outubro, dende a administración xa indicaron que van con atraso. “Mentres tanto, a empresa segue prestando o servizo nas mesmas malas condicións e os incumprimentos continúan”, rexeita.
Tendo en conta este historial, a representación social entende que a Xunta non debería permitirlle a esta empresa poder presentarse ao novo contrato porque “a cidadanía merece un transporte público seguro, de calidade e prestado con todas as garantías, e as persoas traballadoras non poden seguir soportando unha situación que compromete tanto os seus dereitos como a propia seguridade do servizo”.