Indignación do persoal de mantemento de Navantia ante as actuacións do xerente de Tecman

Non se reúne co comité de folga, pero pide xuntanzas coa grupos de Narón na véspera do debate en pleno dunha moción de apoio

Ferrol -

Os traballadores da UTE Tecman-Rayman e de Indasa acordaron hoxe en asemblea acudir aos plenos municipais que se van celebrar este xoves, día 26, no Concello de Narón (ás 09:00 h) e no Concello de Ferrol (ás 19:00 horas), con motivo do debate e votación dunha moción de apoio ás súas reivindicacións. Porén, a indignación estoupaba entre os traballadores a última hora desta mañá, tras coñecerse que o xerente de Tecman, JR Franco, quen en ningún momento se puxo en contacto co comité de folga e mantén unha actitude pasiva ante o conflito aberto, estaba solicitando reunións cos voceiros dos distintos grupos municipais de Narón.

"Parécenos totalmente indignante a actitude deste empresario: fai como se a folga non existira e en vez de reunirse coa representación sindical para tentar buscar unha solución, dedícase agora a pedir xuntanzas cos concelleiros de Narón, co claro obxectivo de condicionar o seu posicionamento no debate da moción que terá lugar mañá", denuncia Ramón Fernández, da CIG-Industria de Ferrol.

A este respecto, lembra que nesta terceira xornada de paro, o seguimento segue a ser total, polo que non hai actividade nin nas cabinas de chorreo e pintura de Fene nin nas grúas de Ferrol. E non obstante este éxito, a interlocución con compañías afectadas "segue a ser nula".

Necesidade de dotar os estaleiros de carga de traballo

Así as cousas, o persoal asistirá a ambos plenos municipais, nos que ademais intervirá o presidente do comité da UTE, Roberto Carlos López, quen explicará as razóns do conflito, como se está a desenvolver a folga indefinida e cales son as demandas da parte social. No texto das mocións, presentadas polo BNG, tamén se apela ás Corporacións locais para que insten a Xunta de Galiza e ao Goberno español a dotar os estaleiros de ría de Ferrol de carga de traballo para os próximos dous anos, de maneira que se garantan os niveis de emprego e as condicións nas auxiliares.

Non cómpre perder de vista que tanto Indasa como a UTE queren xustificar como obxectivos os despedimentos de 15 operarios, precisamente pola comunicación de baixada do mantemento por parte de Navantia. A este respecto, explica Ramón Fernández, o persoal dá especial relevancia ao debate nas institucións locais destas mocións, dado o carácter público de Navantia e a necesidade de que exista un control político sobre "como se fan as cousas nesta empresa".

Apelan a Navantia a tomar un posicionamento activo

Doutra banda, no marco da asemblea de traballadores/as tamén se acordou convocar unha reunión entre o comité da UTE, e os comités de Tecman e de Electrorayman para avaliar posíbeis accións conxuntas.

De xeito paralelo, a Comisión de Auxiliares e a de Seguridade do comité de Navantia Ferrol mantivo esta mañá unha xuntanza coa dirección do estaleiro para tratar a folga do persoal de mantemento e instar a empresa naval a tomar un posicionamento activo que facilite unha solución  favorábel ás demandas sociais. "Navantia é a titular dos contratos e como tal debe asumir a súa responsabilidade no mantemento dos empregos e garantir que se respectan os dereitos dos traballadores".

Volver