Indulto para Pintos xa. Concentración o xoves 19 en Ferrol

Ferrol - 17 Out 2023

Dentro do calendario de mobilizacións para reclamar a concesión do indulto ao compañeiro Xesús Anxo López Pintos, as organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CGT teñen convocada unha nova concentración para este xoves, 19 de outubro, ás 20:00 horas, diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en Ferrol.

Aínda que a solicitude formal foi presentada o pasado 14 de novembro e estivo acompañada por máis de 5500 sinaturas, así como das adhesións aprobadas por varios plenos municipais e comités de empresa da comarca; case un ano despois continuamos sen resposta ante a inxustiza da sentenza condenatoria cando o propio Tribunal Constitucional nomeou unha sala para estudar o recurso de amparo pola vulneración dos dereitos fundamentais. Cómpre que se faga xustiza con Pintos.

Resulta tamén lamentábel que continúe en pleno vigor a represiva e antidemocrática lei mordaza, que criminaliza a loita obreira e a mobilización popular, co agravante agora da modificación do Código Penal para fixar un novo delito de desordes públicas agravadas.