Industria evidencia que a perda de emprego e servizos en R Cable non é prioridade para o Goberno galego

Representantes sindicais mantiveron unha xuntanza coa secretaria xeral de Emprego

A Coruña -

Representantes do persoal das contratas de R Cable mantiveron unha xuntanza este mércores coa Consellaría de Industria para tratar as consecuencias do proceso de deslocalización de emprego e servizos que está a levar adiante Euskaltel (propietaria da operadora galega).

A reunión, que se produce despois de semanas demandando a intervención urxente da Xunta no conflito e tras meses de protestas e mobilizacións por parte dos traballadores e as traballadoras, serviu para confirmar que a destrución de emprego e a perda da calidade nos servizos de telecomunicacións non é unha prioridade para o Goberno galego, malia as subvencións millonarias recibidas pola empresa e ser a Administración autonómica un dos grandes clientes de R.

O secretario de Organización da CIG da Coruña, Óscar Calvo, valorou de xeito moi negativo a reunión coa secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, pois quedou en evidencia que non hai vontade por parte da Xunta para actuar na reversión desta deslocalización e entende que, ademais, se está a producir un deixamento absoluto de funcións. "Esta Consellaría ten competencias en materia de emprego, de industria e mesmo de consumo; é dicir, ten o control sobre as subvencións que se entregan ás empresas, competencias para obrigar as compañías a atender en galego ás usuarias e usuarios que así o demandan, e  ten as competencias nun sector  tan importante como o das telecomunicacións, e malia todo non fai nada en absoluto por impedir este proceso".

Calvo denunciou que a reunión rematou sen ningún compromiso por parte da Consellaría, pois nin sequera se concretou a data para a xuntanza entre  sindicatos, Administración, Euskaltel e as contratas, que a representación social vén demandando dende o mes de agosto. De feito, engade, a secretaria xeral de Emprego limitouse a dicir que a Consellaría está recollendo información e tampouco ten fixada aínda unha data para reunirse coa empresa. "Levan tres meses collendo información mentres nós vemos día a día como Euskaltel cumpre estritamente co seu plan de deslocalización", advirte.

Perda de emprego continuada

Dende o mes de xuño, a perda de postos de traballo por despedimentos ou pola non renovación dos contratos temporais é continua e redúcense as horas e días de traballo, coa conseguinte redución salarial, ante a pasividade das empresas que non queren perder os beneficios económicos que estes clientes lle reportan.

O pasado martes, centos de traballadoras e traballadores de R Cable e as súas contratas saíron ás rúas da Coruña para protestar polos despedimentos e a precariedade laboral que están a sufrir, así como contra a deslocalización dos servizos a outras zonas do estado. Esta situación, denuncian, crea un grave prexuízo económico  e social para o persoal que traballa nestes servizos, mais tamén para o conxunto da sociedade galega ao perder calidade na atención recibida.

Rolda de contactos institucionais

Por iso, solicitan tanto ás contratas como ás Administracións públicas que exerzan presión a R Cable e a Euskaltel, comprometéndoas ao cese destas prácticas. Os comités de empresa e os/as traballadores/as están realiando unha rolda de contactos cos representantes de partidos políticos, "que nos están prestando todo o seu apoio dende os concellos e no parlamento". E para este venres está prevista unha reunión co Consorcio das Mariñas para explicarlles a situación.

Volver