Inflación: as respostas non son neutras

Manuel Mera - 20 Xun 2022

As sancións convertéronse, co plus das aplicadas a un país das dimensións e PIB de Rusia, nun búmerang para as potencias que as impuxeron

 A alta taxa de inflación estase consolidando como un feito non conxuntural, e quérese utilizar máis unha vez como escusa para realizar un axuste en beneficio dos centros de poder territorial a das clases hexemónicas. As estatísticas indican que no Estado español no primeiro trimestre o PIB só creceu un cativo 0,3% e o consumo das familias reduciuse nada menos que nun -3,7%. Polo que, máis unha vez, o argumento será manter a competitividade das empresas, nun contexto de globalización da produción e o consumo, sacrificando os ingresos salariais así como reducir a débeda pública con aumentos por debaixo do IPC das pensións e prestacións sociais. A inflación implica especialmente unha menor capacidade de gasto das clases populares, nun contexto ateigado de incertezas e con medidas por parte do goberno moi limitadas para lavar a cara. Pola súa banda a Unión Europea, a través do Banco Central, xa comeza a introducir o relato do equilibrio nos orzamentos coa merca de bonos para cubrir o déficit que, con toda seguridade, estarán condicionados a medidas de axuste no laboral e social.

 O forte medre do IPC, que se considerou dende os organismos internacionais como un mal pasaxeiro, a medida que pasa o tempo foise convertendo nun atranco que non vai resultar tan doado de superar, aínda que non repita un escenario como o dos anos oitenta. Os gobernos e partidos do sistema bótanlle a responsabilidade desta elevada inflación á invasión rusa da Ucraína, aínda que esta xa era moi alta nos meses previos á guerra, por mor dos desaxustes entre produción e consumo que causou a pandemia da covid-19. O certo é que medrou axiña e no mes de maio o IPC en termos anuais atinxía o 8,7% no Estado español e Alemaña, unha décima menos nos Estados Unidos, e atinxía o 9,6% en Galiza. Un diferencial negativo que a Xunta non aclara (por que?).

 A alta inflación, en principio, é un problema que atinxe a practicamente a todos os países do mundo, coa excepción das nacións grandes exportadoras de enerxía... E isto hai que remarcalo porque tanto a guerra na Ucraína como as sancións a Rusia, sumadas a aquelas que se aplican hai anos a diversos países, reforzaron as limitacións na produción e comercialización enerxética, de alimentos esenciais, fertilizantes, aceiro, etc. As sancións convertéronse, co plus das aplicadas a un país das dimensións e PIB de Rusia, nun búmerang para as potencias que as impuxeron. No caso da UE fixérono en seis oportunidades, aínda vendo seus efectos adversos e sabendo que no fundamental prexudican as clases populares en Rusia, e tamén nos seus propios estados. Agora, nun escenario peor do previsto, reconstruír novas redes de abastecemento leva tempo, e nalgúns casos será imposíbel, como respecto do petróleo e gas, que xeran unha parte importante do crecemento da inflación. 

 A rebaixa do IPC neste contexto non é só cuestión de aumentar os tipos dos xuros, axustando a demanda á oferta, senón que leva aparellada unha elección política e económica respecto de que  territorios e clases sociais afecta en maior medida. Até o momento na práctica, a parte do PIB correspondente aos ingresos salariais non fixo máis que reducirse, malia que representa entre o 80-85% da poboación activa. Os salarios na nación galega representaban un 45,3% do PIB en 2019.

 Ademais, ten unha enorme importancia, e non se pode deixar de ter en conta que a inflación non incide igual sobre todos os países e as clases sociais. As nacións non teñen todas a mesma dependencia exterior de importacións de enerxía, alimentos... e na clase traballadora e na maioría dos autónomos/as o maior gasto é de consumos básicos, ou sexa enerxía e alimentación, onde se dan as porcentaxes máis altas do IPC. Daquela, que haxa analistas que fagan énfase en que, de se manter moi alta no tempo a inflación, vai aumentar dramaticamente a taxa de pobreza. Polo tanto, as medidas e obxectivos a prol de reducir o IPC non son neutros, como tampouco o son nas crises, e as políticas que se poñan en práctica por parte da UE, do Goberno central e da Xunta de Galiza.

 Son tempos para que o sindicalismo faga un esforzo especial nos convenios, de reivindicación nas prestacións públicas, como as pensións e o desemprego, e de mobilización e iniciativa da clase traballadora (como está a facer a CIG, malia que o agochen os medios). Son tempos nos que urxen as axudas públicas, de repartición do traballo e dos ingresos, dun sistema fiscal progresista, e de mudanzas estruturais. Son tempos da política transformadora, de soberanía nacional e xustiza social. Son tempos de iniciativa e atrevemento.

 

[Galiza, 20 de xuño de 2022]