Ingapan segue sen adoptar medidas de protección malia ter xa traballadores/as con positivo confirmado

A CIG de Lugo-A Mariña demanda a posta en marcha de medidas urxentes
Lugo - 31 Mar 2020

Na factoría do GRUPO INGAPAN de Lugo hai varios traballadores e traballadoras con contaxio confirmado positivo por coronavirus e tamén son varias as persoas que están a manifestar sintomatoloxía compatíbel coa enfermidade. Porén, a día de hoxe, "e a pesares da evidencia da propagación da enfermidade no ámbito laboral, a empresa trasládalle ao cadro de persoal que, supostamente, o servizo de prevención establece que non é preciso a adopción de medidas preventivas nin tampouco trasladar a situación ás autoridades sanitarias", alertan dende a CIG de Lugo-A Mariña.

Para a CIG esta situación require de unha actuación urxente e por iso puxo en coñecemento  da Subdelegación do Goberno e das administracións sanitarias, autonómica e estatal o incumprimento da empresa no relativo á protección da saúde dos/as traballadores/as.

Ausencia de medidas de protección

A ausencia de medidas para a protección da saúde do cadro de persoal deste grupo de empresas foi preocupante dende o inicio da emerxencia sanitaria, especialmente tratándose dun sector estratéxico neste momento; e considerando ademais que, durante este tempo, non só non se estiveron a reforzar as medidas hixiénico sanitarias ordinarias, senón que nin tan sequera se daba cumprimento ás medidas básicas establecidas para a poboación.

Por iso, a central entende que se está poñendo en grave risco a saúde das traballadoras e traballadores pero tamén, a propia continuidade da actividade, "coas consecuencias que para a poboación pode chegar a ter, na situación actual, a paralización da industria alimentaria, nomeadamente o desabastecemento de produtos básicos".

Dende a declaración do estado de alarma con motivo da pandemia do coronavirus, a CIG vén denunciando a deficiencia e tardanza na toma de medidas preventivas por parte das empresas e que afecta a unha gran parte dos centros de traballo da provincia. Pero en moitos dos casos aínda non se nos remitiu información sobre actuacións das administracións ou organismos competentes: Subdelegación do Goberno, Ministerio de Sanidade, Consellería de Sanidade, Consellería de Traballo ou Inspección de Traballo.