Inician un peche indefinido no hospital Meixoeiro de Vigo para rexeitar o seu desmantelamento

Xunta de persoal e SOS Meixoeiro queren reivindicar o papel do centro na sanidade pública
Vigo - 02 Xun 2016
A xunta de persoal do Chuvi e o colectivo SOS Meixoeiro desenvolveron onte unha mobilización no hospital Meixoeiro de Vigo para rexeitar o desmantelamento do centro médico. Ao remate da protesta, coa que se pretende reivindicar o papel desta infraestrutura dentro do sistema sanitario público, iniciouse un peche indefinido no interior do edificio no que particparán por quendas máis de 500 persoas.

(Galería de imaxes)

Segundo explican dende a federación de Saúde da CIG de Vigo, que a apoia e participa activamente nas mobilizacións, a convocatoria ten por obxectivo reivindicar a importancia do Meixoeiro na sanidade pública da bisbarra e denunciar que “este centro é unha das vítimas das privatizacións e dos recortes, con peche de camas e perda de servizos, polo que non está a xogar o papel que tería que xogar no sistema sanitario público”.

Diante disto, reclaman que o hospital teña unha ocupación do 100% en todas as súas camas, que dispoña dos recursos que permitan tratar patoloxías máis complexas e que contribúa á redución das listas de espera. “Por iso pedimos que teña unha unidade de coidados de pacientes críticos que permita atender cirurxías máis complexas e o ingreso de pacientes con patoloxías máis graves”.

Isto permitiría descargar o Álvaro Cunqueiro, “para que poida xogar o papel de hospital de doentes agudos”. Ademais, consideran necesario complementar a oferta sanitaria co Nicolás Peña, “xa que sen estes tres centros non é posíbel que a sanidade pública dea un servizo axeitado de atención especializada”.

Entenden que para que isto sexa posíbel é necesario contármonos con xestores públicos que aposten pola sanidade pública: que recuperen o Álvaro Cunqueiro para a cidadanía, para o sistema público, e que se incremente o número de camas e de servizos. Ao mesmo tempo, o Meixoeiro debera ser o centro de referencia en oncoloxía, mediciña interna, coidados paliativos, xeriatría e cirurxía ambulatoria e programada de maior complexidade.

Diante isto, no día de onte desenvolveron unha concentración ás portas do Meixoeiro e unha marcha posterior polas inmediacións do edificio, tras o que se iniciou un peche indefinido por quendas no que xa hai anotadas máis de 500 persoas. Os promotores/as anuncian que non o suspenderán até que a Consellería de Sanidade non se comprometa a elaborar un plan quue garanta o futuro do centro médico.