Iniciativa Lexislativa Popular contra a eucaliptización de Galiza

Pola protección dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios

Nacional -

“Cousa de Raíces”, conformada por máis de 60 organizacións sociais, veciñais, culturais, de montes ou de produtores/as –entre elas a CIG-, vén de pór en marcha a campaña de recollida de sinaturas –que se prorrogará até o vindeiro mes de marzo- para levar ao Parlamento galego a Iniciativa Lexislativa Popular “para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais”. Unha ILP para a que se quere conseguir o maior apoio social acadado nunca en Galiza.

Máis de medio millón de hectáreas, o 17% do territorio do país, está ocupado por eucaliptos: hai un cada cinco metros cadrados. Entre 2013 e 2016, desapareceron arredor de 3400 explotacións -unhas 34.000 hectáreas de superficie agraria útil- ao abeiro dunhas políticas “planificadas e perversas” de abandono de terras, para a súa posterior eucaliptización, atendendo así os intereses da pasteira Ence.

Eucalipto = lumes forestais

Esa eucaliptización podería ir agora a máis. Vén de liberarase a potencia das plantas de biomasa de xeito que calquera empresa que queira queimar madeira en ciclos curtos, de catro ou cinco anos, pode facelo sen límite e xa hai plantas en tramitación, de 50 megawatios, que terán un efecto sobre a demanda, exercendo aínda máis presión sobre as terras para seren eucaliptizadas.

Nun eucaliptal a frecuencia de lumes é 3,55 veces superior á do bosque autóctono e mesmo supera a frecuencia de lumes en piñeirais nun 1,14. Por iso, con esta ILP preténdese que, como en Portugal, se decrete unha moratoria para as novas plantacións de eucalipto e que se elimine xa esta especie pirófita dos espazos protexidos, da rede natura e das terras de alto valor ecolóxico.

Proponse ademais un novo modelo de xestión do medio rural; a protección da biodiversidade de hábitats e especies; que se garanta a multifuncionalidade de usos; o fomento do arborado autóctono; ou a elaboración dun catálogo de frondosas, pendente desde 1992, entre outras cuestións.

Rural vivo e dinámico

Toda unha serie de medidas que permitan virar 180º as nefastas políticas de xestión dos nosos montes e do noso medio rural, levadas a cabo polos Gobernos do PP, para conseguir un monte vivo e con dinamismo, que volva ser o eixo vertebrador dun rural que esmorece porque até o de agora, lonxe de facilitar que a xente puidera vivir das actividades agrarias favoreceron o abandono da terra.

Medidas que permitan, en síntese, restablecer a relación de simbiose que sempre houbo entre o monte e a poboación galega para que o noso rural volva producir calidade, con postos de traballo estábeis e que axuden a asentar poboación.

A CIG, que forma parte das organizacións promotoras desta ILP, xa trasladou o seu compromiso de traballar para facer visíbel e para levar adiante esta Iniciativa co obxectivo de frear ese deterioro do monte e do rural galegos.

Volver