Inspección de Traballo require a Medio Rural a aplicación dos Plans de Acción tras denuncialo a CIG

Entre as medidas a adoptar sinala os equipos de respiración de emerxencia para as brigadas
Nacional - 19 Mai 2017

O pasado mes de marzo a CIG iniciou unha campaña a nivel nacional co obxectivo de acadar o cumprimento dos plans de acción pertencentes ao Plan de prevención de riscos para o SPDCIF. A raíz da mesma e das denuncias da CIG, Inspección de Traballo vén de requirir de Medio Rural a súa aplicación, nomeadamente no referido aos equipos de respiración de emerxencia e sistemas de comunicación individual.

O sector da Autonómica da CIG-Administración lembra que unha das accións que se desenvolveron no decurso desta campaña foi a denuncia en Inspección de traballo das Xefaturas de Distrito e Xefatura provincial de incendios como responsábeis da non aplicación dos plan de acción, tal e como marcan os decretos de regulación e os propios plans de acción.

Subliña que os plans de acción, pertencentes ao plan de prevención de riscos, son un documento participado e supervisado pola empresa, que recolle as medidas correctoras que se aplicarán no desenvolvemento das diferentes tarefas, neste caso todas pertencentes ós traballos de extinción. Neses plans, aparece o tempo para acometer as correccións e as persoas responsábeis de que isto aconteza. En función disto foron presentadas as denuncias.

Tras esta campaña de denuncia na prensa, notificación á empresa por escrito en varias ocasións e información aos diferentes comités que velan polo cumprimento, comezan agora a verse os primeiros resultados, neste caso en Ourense, coa resolución de Inspección de traballo.

Nesa denuncia, alén de presentar como parte da mesma o incumprimento xeneralizado dos plans de acción, tipificáronse as faltas de maior gravidade sobre as traballadoras/es do SPDCIF.

Resolución

Na súa resolución a Inspección de Traballo informa de que se mantivo comparecencia co Xefe Provincial do SPDCIF de Ourense, e que se lle fixo requirimento para que no prazo de dous meses se corrixa o seguinte:

  • Facilitar información sobre os plans de acción e as fichas f-01 ( que informan de como atenuar os perigos en cada acción analizada) ó persoal do Spdcif en Ourense.
  • Se corrixa a ausencia do almacenaxe de comida non perecedoira para as brigadas, protección das sustancias combustíbeis nos vehículos, equipos de respiración de emerxencia, sistemas de comunicación e formación en condución todo terreo.

A CIG-Autonómica lembra que nos plans de acción recóllese a necesidade de que todos os compoñentes das brigadas conten cun equipo de comunicación individual, así como equipos de respiración de emerxencia por unidade de actuación.

Por iso asegura que “valoramos moi positivamente esta resolución e xa estamos vixilantes para que este apercibimento torne en feitos, e así dunha vez por todas, Medio Rural se tome en serio o cumprimento duns plans deseñados e pagados por eles mesmos, onde o seu incumprimento compromete a integridade física doss seus traballadores e traballadoras”.

Advirte ademais de que non vai a parar até acadar o cumprimento duns plans que, aínda que son moi mellorábeis, “son de obrigado - e imprescindíbel – cumprimento”.