Inspección e Xunta verifican as denuncias da CIG contra a dirección do Asilo do Carballiño

Política Social requírelle que cumpra a normativa en materia de atención a persoas maiores
O Carballiño - 24 Ago 2022

Inspección de Traballo e Xunta de Galiza veñen de certificar a veracidade das denuncias feitas pola CIG contra a dirección do Asilo do Carballiño. Inspección require á Fundación Hermanos Prieto o cumprimento da normativa laboral e a Xunta de Galiza en materia de atención ás persoas maiores.

Primeiro foi a Inspección de Traballo e Seguridade Social, que lle fixo un dobre requirimento á “Fundación Hermanos Prieto”, encargada da xestión do Asilo do Carballiño. En materia de condicións laborais, exíxelle cuadrantes de xornada, quendas e horarios, o respecto de 1,5 días de descanso ininterrompidos semanalmente, e a obriga da entrega regular de roupa de traballo (levaban anos sen recibila).

En materia de Prevención de Riscos Laborais, a Inspección lémbralle a obrigatoriedade de proporcionar Equipos de Protección Individual, de formación ao persoal en PRL e de realizar periodicamente a obrigatoria vixilancia da saúde das súas traballadoras.

 No resto dos asuntos denunciados (falla de persoal sanitario, administración da medicación por parte das xerocultoras e non de ATS/DUE, persoal traballando sen titulación...) a Inspección remitía á CIG á consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Cumprimento da normativa en atención a persoas maiores

Feita a oportuna denuncia ante a consellería de Política Social, a administración vén de confirmar que, efectivamente, teñen requirido á Fundación para que cumpra a normativa en materia de atención ás persoas maiores residentes en Residencias, o que vén acreditar a veracidade e certeza das denuncias que as traballadoras e a CIG teñen feito nos últimos meses.

Precisamente, estas denuncias teñen sido o detonante de que se produciran diversas sancións e despedimentos no Asilo do Carballiño, auspiciados pola actual xerente do “negocio” (a “emprendedora” presidenta da Asociación de Xóvenes Empresarios de Ourense) coa complicidade do seu Padroado, no que están representados o Concello do Carballiño (na persoa do seu Alcalde) e o Bispado de GC de Ourense.

Desde a CIG de Ourense subliñan que a central sindical sempre estará presente, apoiando ás traballadoras. “A nosa organización sindical non é unha Asesoría Xurídica. Somos un SINDICATO, con maiúsculas. E sempre estaremos a carón da razón, da xustiza, e da liberdade sindical”.