Inspección educativa partidaria de retirar dos catálogos de Infantil e Primaria a atención á diversidade

CIG-Ensino considera que é unha proposta impresentable e un paso atrás

Nacional -

O novo Xefe de Inspección educativa e o Xefe Territorial da Coruña afirmaron, nunha xuntanza celebrada con directores e directoras de centros públicos da cidade, que trasladarían á consellaría a proposta de retirar dos catálogos de postos de traballo dos centros de infantil e primaria as prazas de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL) e que eran partidarios de incorporar o sistema do “cupo” que actualmente funciona nos centros de secundaria, FP e réxime especial.  A intención sería que o profesorado de apoio estivese en función das necesidades e que non parta dun cadro de persoal mínimo.

Para a CIG-Ensino esa proposta é “impresentábel” e implica ou ben “un descoñecemento do acordo de cadros de persoal que a día de hoxe rexe os catálogos e que foi froito dun acordo, por unanimidade, das organizacións sindicais coa Consellaría no ano 2007, ou ben un intento de anular ese acordo”. Por iso xa anuncia a súa total oposición e a defensa radical non só dos actuais postos de traballo destas especialidade, senón da necesidade de amplialos onde for preciso.

Oposición rotunda da CIG-Ensino a calquera recorte na atención á diversidade

 

A CIG-Ensino dirixirase á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para que confirme ou desminta a existencia dalgún tipo de debate interno ou decisión entre os responsábeis políticos da consellaría a este respecto ou se só estamos diante dunha desafortunada idea de dous responsábeis territoriais.

É obvio que esta proposta sería un paso atrás moi relevante para todos os centros de Infantil e Primaria e que só buscaría a redución de postos de traballo. Chama a atención que esa idea xurda precisamente no inicio do curso escolar, unha época na que os recortes na atención ás necesidades específicas de apoio educativo son máis evidentes. 

Os cadros de persoal non se tocan

 

A día de hoxe non existe ningún problema de rixidez nas prazas de PT e AL. Todo o contrario. No acordo de catálogos recóllese que haberá un posto de PT a partir de 4 unidades e o de AL a partir de 13 unidades (contadas EI e EP). A partir de 18 unidades ten que haber 2 PT e en centros de 30, 2 de AL (contadas neste caso EI e EP). Tamén ten que haber AL en escolas de 3 ou máis aulas de Infantil. Polo tanto, o acordo buscaba estender esta atención a todos os centros educativos. De feito até aquel ano só os centros de 6 unidades contaban con docente de PT. Mais o acordo é claro cando considera estas prazas como mínimas. Así, no texto pódese ler:

Naqueles centros ordinarios que integren alumnado con necesidade educativa específica poderanse incrementar os catálogos en función do número e tipo de necesidades, especialmente de PT e AL.

Asemade, nos centros ordinarios que non conten con PT e AL a Administración educativa adoptará as medidas oportunas para atender as necesidades que se presenten.

Polo tanto, os actuais cadros de persoal garanten sempre uns mínimos que se deben respectar e aos que non pensamos renunciar e permiten amplialos sempre que faga falta, como xa se fixo no último concurso de traslados e se fai todos os anos cos destinos provisionais.

A CIG-Ensino puxo unha especial atención con todo o que ten a ver coa atención á diversidade. Os estudos realizados polo sindicato serviron para acadar un incremento importante de prazas de Orientación, de PT e de AL nos centros de Infantil e Primaria e o sindicato mantén a súa demanda de que estas prazas tamén deben aumentar nos IES. “Este é o noso compromiso e a nosa vontade de garantir unha atención adecuada ao alumando con Necesidades Específicas de Apoio Educativo”.

Volver