A Inspección de Traballo fiscalizará as escolas infantís

Nacional -

A Consellaría de Política Social e a CIG están citadas a unha xuntanza coa Inspección de Traballo para o 9 de setembro a raíz da denuncia presentada pola central sindical pola situación de “risco e vulnerabilidade” fronte á covid-19 nas escolas infantís.

A incorporación das crianzas produciuse o pasado día 1 de setembro sen que se celebrase xuntanza ningunha nin coa representación do persoal, nin co Comité de Saúde Laboral, sen ningún reforzo de persoal e mesmo sen instrucións claras para sectorializar os chamados “grupos burbulla”. 

A Consellaría terá que dar explicacións tras a denuncia da CIG na autoridade laboral

A responsábel nacional do sector de Autonómica da CIG-Administración, Zeltia Burgos, explica que tampouco se garante a parella educativa para que nunha aula de bebés de 0-1 anos, de se dar a circunstancia dun suposto positivo por febrícula –pódelle estar saíndo un dente–, unha das persoas coidadoras poida illarse coa crianza, tal e como establece o protocolo, mentres a outra queda co resto na aula.

Non se dispón nos centros de servizo de lavandaría e a Administración limitouse a indicar ao persoal que levase a roupa á súa casa nunha bolsa de plástico e a sometese a un lavado a 60º. Tampouco se dispón de uniformes suficientes para cambiar cada día, nin se fixo reforzo de persoal para os labores necesarios de cociña, limpeza ou tarefas educativas.

Nos comedores que dependen de empresa externa tampouco se informou do procedemento de control da covid dos alimentos elaborados, entrada e saída destes e do persoal externo.

Para Burgos esta situación, á que se intenta dar solución improvisando desde as direccións dos centros, podería terse evitado de existir interlocución entre a Consellaría e o seu persoal. Agora as explicacións terá que as dar na Inspección.

Volver