Intensa semana de folga e mobilizacións do persoal do Concello de Cariño por unha RPT xusta
O persoal municipal do Concello de Cariño intensificou esta semana o conflito para reclamar condicións laborais e salariais xustas e está desenvolvendo tres días continuados de folga, que comezaron onte luns, seguen hoxe martes e concluirán mañá, mércores 1 de abril, cunha folga parcial e unha concentración na Casa Consistorial.
Ademais, as traballadoras e traballadores maniféstanse onte e hoxe polas rúas da vila para socializar a súa demanda para que o Concello negocie e aprobe a Relación de Postos de Traballo, xa que esta tamén é unha loita “por uns servizos públicos municipais de calidade para a veciñanza”.
Estas tres xornadas de folga súmanse ás dúas realizadas durante a pasada semana e ás catro convocatorias previas desenvoltas nos meses de xaneiro e febreiro. Porén, malia o contundente seguimento dos paros e a multitude de accións mobilizadoras protagonizadas polo persoal, “seguimos sen unha proposta enriba da mesa nin ningún tipo de negociación”.
E iso, a pesar de que a alcaldesa asegurou hai máis dun mes que de maneira inminente se trasladaría un documento á representación social. De aí que unha das consignas máis votadas fose: "alcaldesa da túa inminencia non temos evidencia".
A representación da CIG denuncia que con esta actitude, a rexedora "está a incumprir os dereitos máis básicos de negociación colectiva e de cumprimento dunha sentenza que a obriga a negociar para ter unha RPT que organice os servizos, defina as funcións e faga unha valoración dos postos de traballo para poder prestar uns servizos publicos de calidade ao pobo de Cariño".
Esta falta de avances na negociación da RPT -que o persoal leva 18 anos reivindicando- provoca que día a día empeoren as condicións laborais e salariais -arredor da metade do cadro de persoal cobra o salario mínimo interprofesional ou unha contía moi próxima-; que o Concello careza dos efectivos necesarios para ofrecer os servizos que lle son propios; e incluso que haxa traballadoras e traballadores que marchen a outras administracións con mellores dereitos recoñecidos.
Á precariedade súmase unha práctica política “de imposición e non diálogo”, cuxo exemplo evidente está na modificación unilateral e sen comunicación previa dos horarios das traballadoras do SAF, xusto despois do terceiro día folga.
Mais neste contexto, o persoal non se resigna e continuará loitando até conseguir unha RPT xusta -tal e como obriga a lexislación- e unhas condicións laborais e salariais dignas.