• Nova

Intensa xornada de protestas da CIG-Banca pola recuperación salarial e contra a presión comercial no sector financeiro

Desenvolveu concentracións nas sucursais da cidade de Ourense e percorreu as rúas en manifestación
Ourense - 19 Mai 2022

Ourense foi hoxe escenario dunha nova xornada de loita polar recuperación salarial e contra a presión comercial e a suba dos obxectivos no sector financeiro. Dende a central sindical sinalan que nestes días coñeceuse que as altas direccións subíronse os bonus un 29%, ao tempo que o IPC a nivel galego pechou nun 9.1%.

A CIG-Banca saíu á rúa para demandar unha suba salarial digna, rexeitando os recortes dos convenios estatais. Mentres as altas direccións subíronse a retribución variábel un 29% e o IPC a nivel galego pechou no 9,1% o mes pasado, AEB e CECA manteñen a conxelación salarial.

Por outra banda, o número de clientes/as xestionado por cada traballador/a é moi superior á media europea, o que xunto aos peches, restricións, incrementos dos obxectivos e o aumento das comisións, fai que os cadros de persoal convivan cunha inaceptábel violencia verbal no traballo.

Por iso as demandas do sector reflectíronse nas consignas “Se soben os prezos, teñen que subir os salarios” e “A presión comercial é acoso laboral”, que foron as máis coreadas polas delegados/as da CIG-Banca, que xa preparan unha nova xornada de loita noutra cidade galega.