Intenso día de protestas en Vigo contra a excesiva carga de traballo e a discriminación das mulleres en Abanca

Un grupo de delegados/as da CIG percorreu a cidade para desenvolver concentracións en sete entidades

Vigo -

Un nutrido grupo de delegados/as da CIG en Abanca percorreu este martes a cidade de Vigo, concentrándose diante de sete oficinas, para protestar pola excesiva carga de traballo e a política comercial da entidade -nomeadamente contra os obxectivos de colocacións de produtos financeiros que a clientela non demanda-, así como para reclamar igualdade laboral entre mulleres e homes.

Estas protestas fan parte da campaña de mobilizacións que a CIG está a desenvolver por todo o país para esixir que a carga de traballo sexa realizábel dentro da xornada laboral e para que os empregados/as da entidade non teñan que realizar horas que a empresa non paga para dar feito o traballo asignado.

Dnde o inicio da reconversión, en 2010, o cadro de persoal das antigas caixas reduciuse máis do 60%, o que se traduce nunha sobrecarga de traballo. Pero ademais do impacto da reestruturación, as agresivas políticas comerciais que derivan na imposición duns obxectivos comerciais crecentes -que a empresa considera de obrigado cumprimento-, xunto coas ameazas de despedimentos e represalias a quen non os cumpra, provocan que a carga de traballo sexa insoportábel.

Malia que a lexislación europea MIFID prohibe os obxectivos comerciais de produtos complexos, para defender a clientela fronte aos abusos acontecidos no sector financeiro, Abanca impón obxectivos de produtos complexos, baixo o eufemismo de “cupos” ou “retos”.

Discriminación laboral

Outro dos motivos polos que a CIG decidiu mobilizarse, segundo explican dende a sección sindical, é a desigualdade salarial e a discriminación das mulleres na empresa. “Os postos máis feminizados, subdireccións e postos de xestión comercial, teñen maiores obxectivos, pero menor nivel salarial e complementos retributivos de menor contía. As traballadoras ingresan de media 11.173 euros anuais menos que os seus compañeiros, polo que comparativamente a empresa paga 26 millóns de euros menos ao ano ás mulleres que aos homes”, sinalan.

Ademais, calquera redución xustificada da xornada (permisos, baixas, etc.), non diminúe os obxectivos comerciais, o que se traduce nun incremento do ritmos de traballo ou na realización de horas extras que o banco non paga. Feito que penaliza gravemente a conciliación con carácter xeral, pero nomeadamente das mulleres que son as que principalmente piden redución de xornada por coidado de fillos/as.

A este respecto, explican que Abanca só puxo en marcha un Plan de Igualdade despois dos requirimentos da Inspección de Traballo a raíz da denuncia da CIG. Porén, este Plan “non contempla medidas para igualar salarios, nin para garantir que se cumpra a redución da carga de traballo durante os permisos ou baixas”.

Dereito á desconexión dixital

Xunto a isto, os delegados/as da CIG lembran que a desconexión dixital é un dereito dos traballadores/as recoñecido na nova Lei de Protección de Datos.

“Abanca facilítalle ao persoal ferramentas dixitais para traballar fóra da xornada laboral (tablets, móbiles, etc.), sen garantir a desconexión dixital; todo o contrario, estas ferramentas estenden a xornada laboral sen limitación”.

Para a CIG a desconexión da operativa debe realizarse cando remata a xornada laboral, doutro xeito non se respecta o dereito ao descanso e o persoal fai horas extras que o banco tampouco recoñece.

Volver