Intensa xornada de protestas en Vigo contra a “purga laboral” no banco Santander

A CIG mobilízase en oficinas da cidade para rexeitar que a dirección use o ERE para desfacerse de persoal con medidas de conciliación
Vigo - 11 Out 2019

Delegados/as da CIG no banco Santander chegados/as de distintos puntos do país protagonizaron hoxe unha intensa xornada de mobilizacións en Vigo para denunciar que a dirección está a usar o ERE para facer unha “purga laboral” de traballadoras acollidas a medidas de conciliación, como a redución de xornada por coidado de menores, ao tempo que rexeita de maneira sistemática moitas das solicitudes de adscrición voluntarias ao ERE presentadas polo persoal de máis de 55 anos.

Trátase do segundo día de protestas, despois do que tivo lugar o pasado 4 de outubro na Coruña, coas que se quere rexeitar a aplicación que fai o banco do ERE en marcha, porque está a chamar a persoas que non quere deixar a empresa de xeito voluntario, cando hai moita xente que está disposta a irse pero aínda non recibiu resposta da dirección.

“O 90% destas persoas ás que o banco está a presionar para que se acollan ao ERE teñen redución de xornada ou outras medidas de conciliación, polo que queda claro que nesta empresa non se pode conciliar; se pretendes acollerte a medidas deste tipo non te queren no banco, por iso están a expulsar a esta xente”, explica a secretaria da sección sindical da CIG no Santander, Rosa María Conde.

A representante sindical denuncia que están a presionar a mulleres menores de 40 anos que teñen unha antigüidade media na empresa de 10 anos para que se vaian. “Persoas que sacrificaron a súa vida persoal e familiar en beneficio do banco agora a dirección decide prescindir delas por motivos económicos, xa que saen máis baratas á hora de aplicar o ERE”, critica. 

A dirección rexeita sistematicamente as solicitudes de persoal maior de 55 anos para acollerse ao ERE

Diante desta "virulenta purga laboral", a CIG xa se dirixiu ao banco para que cesen de inmediato estas presións e os ataques aos colectivos vulnerábeis e presentou denuncia na Inspección de Traballo por discriminación. Xunto a isto, iniciou mobilizacións para denunciar publicamente a realidade laboral no Santander.

Finalmente, dende a central lembran que ao remate da aplicación deste ERE (o segundo dende que o Santander adquiriu polo simbólico prezo de 1 euro o antigo Grupo Popular e o cuarto en seis anos) estarán na rúa máis de 4300 traballadores/as, o que supón case un 60% do total do persoal herdado do Popular.