Invasións bárbaras: a caravana ataca

Nery Chaves García, Javier Calderón Castillo e Esteban De Gori -

A caravana de migrantes constitúe a face máis visíbel das peores consecuencias das políticas excluíntes e da violencia como mecanismo de espolio económico, social e cultural. O éxodo colectivo é, tamén, a única forma de acompañarse no soño dun camiño que non os asasine e un fogar que poida cubrir necesidades básicas

 A caravana migrante que axunta milleiros de persoas de nacionalidade hondureña e guatemalteca dá conta dos problemas históricos de desigualdade e de crise de lexitimidade política recorrente. Ademais da súa situación asimétrica fronte aos EUA, a grave situación migratoria é presentada case como un exército de invasión. Iso permite discursos racistas e xenófobos a ambos os lados da fronteira. Malia iso, Estados Unidos é o imán que promete unha nova vida, ante estados mesoamericanos que se converteron en desertos políticos. Non só non integran os seus cidadáns e cidadás senón que inhiben o vínculo. Honduras e Guatemala veñen de crises repetidas que só prometen expulsión máis que un benestar futuro.

 Dous gobernos conservadores que abandonaron a integración social como problema. É máis rendíbel exportar xente que contela na trama de políticas públicas. A xenofobia aumentou. Os movementos migrantes mesoamericanos ampliaron as olladas racistas dun mundo en convulsión política. Un territorio americano, que, agás a novidade de AMLO, vai cara á dereita ou a maioría das experiencias de esquerda entran en crise.

 A caravana demostra o drama dunha migración que leva anos e que aínda deixa indemne a todos os partidos. A política está crebada, como a súa preocupación polos e polas migrantes, tamén o está a democracia e iso xera incerteza e padecementos.

Por que a caravana de migrantes?

 Así como as políticas neoliberais, extractivistas e a violencia conformaron estrutural e historicamente a rexión do Triángulo Norte de Centroamérica, a migración tamén foi un fenómeno que configura realidades económicas, simbólicas e políticas novas a un lado e outro das fronteiras por onde se desprazan os e as migrantes. Guatemala, O Salvador e Honduras son países que botan persoas e reciben remesas. A pobreza chegou ao 38,2% no Salvador, mentres que en Honduras foi do 68,9%, en 2017.

 O Instituto de Estudos Estratéxicos e Políticas Públicas determina a Centroamérica como a rexión máis desigual de América Latina[i]. En efecto, a fenda entre o décimo e primeiro decil de ingresos alcanzou o 13,3% para O Salvador e 36,8% para Honduras. Guatemala non conta con datos actualizados[ii].

 A criminalidade e a violencia, segundo Nacións Unidas, chegaron a taxas pandémicas: O Salvador conta con 81,7 homicidios por cada 100.000 habitantes mentres que Honduras e Guatemala contan cun 58 e 27,3, respectivamente. A esta situación, súmase a impunidade na rexión, que anda polo 90% e o 85%[iii]. Todas estas cifras converteron a rexión nun referente internacional o que, en definitiva, significou para EUA unha oportunidade para influír no desenvolvemento de políticas de seguridade para o combate do narcotráfico e a delincuencia común, e dependencia tecnolóxica e económica maior da rexión con respecto ao país de norte. Así, a vida cotiá no Triángulo Norte de Centroamérica está militarizada e asediada por perigos e institucións desestruturadas.

 Considerando os datos anteriores, a migración constitúese como a única posibilidade para gran parte das persoas no Triángulo Norte. O éxodo cara a Estados Unidos é un símbolo de esperanza para si mesmos e as súas familias; para a mellora das súas condicións materiais lonxe da violencia criminal das maras, o crime organizado e o Estado en si mesmo. De acordo co Alto Comisionado para Refuxiados de Nacións Unidas (ACNUR), cada día saen 300 persoas de Honduras e a comunidade salvadoreña é a comunidade latina máis grande en Estados Unidos[iv].

 Así, o que se coñece hoxe como “caravana de migrantes” -xa multiplicada en varias caravanas- é, en realidade, un éxodo colectivo que antes era máis disperso e non en masa. E é que o viaxar xuntos consiste nunha forma de resistencia e coidado colectivo para atravesar México, hoxe un paraíso de narcotráfico, crime organizado, organizacións paramilitares, forzas armadas corruptas que levan as persoas migrantes á extorsión, ao secuestro, á violencia, ao traballo forzado e a un longo etcétera de terror. Unha caravana que se organizou a través de redes sociais e que recuperarou as memorias de tránsito que se veñen facendo durante anos, como a articulación con organizacións que colaboran co tránsito dos e as migrantes.

 A caravana de migrantes constitúe a face máis visíbel das peores consecuencias das políticas excluíntes e da violencia como mecanismo de espolio económico, social e cultural. O éxodo colectivo é, tamén, a única forma de acompañarse no soño dun camiño que non os asasine e un fogar que poida cubrir necesidades básicas. Hoxe, as caravanas de migrantes -en plural- son a mellor pintura daquilo que provoca un capitalismo financeirizado, desigualador e dunha elite pouco atenta ás necesidades sociais.

Os gobernos de Honduras e Guatemala indemnes

 A caravana visibilizou esa realidade exacerbada pola deterioración democrático en Honduras e Guatemala. Non se pode esquecer o “golpe electoral” de Juan Orlando Hernández e o apoio do Goberno de Trump a esta elección. E non debemos esquecer o apoio de Obama ao derrocamento de Manuel Zelaya en 2009. Eles tamén apoiaron até o último momento o deposto presidente Otto Pérez Molina en Guatemala e apoian o actual, Jimmy Morales, acusado de corrupción e de financiamento ilícito da súa campaña electoral. Este apoio político tivo un efecto paradoxal: a migración de ambos os países impacta sobre o mesmo Estados Unidos e a saída de dólares como remesas tamén proveñen do Tesouro norteamericano.

 A visibilidade das condicións de pobreza e violencia neses países debería ter repercusións directas sobre os seus gobernos; porén, todo indica que o efecto é contrario. O Goberno dos EUA recrimina a México por permitir o paso da caravana, aínda que só no 2018 as autoridades migratorias dese país deportaron a máis de 80.000 persoas rexistradas nos postos de migración[v] (que se corresponden co 80% do total rexistrado). Só cos datos oficiais de persoas rexistradas se pode determinar que 400 persoas ao día tentan pasar por México para chegar aos EUA. Os medios e o propio Goberno dos Estados Unidos obvian o papel dos seus socios nos gobernos de Honduras e Guatemala que manteñen políticas de desigualdade nos seus territorios e violan sistematicamente os dereitos humanos da cidadanía.

 Juan Orlando Hernández di que o seu Goberno está facendo todo o posíbel para mitigar as causas da migración, pero mantén o modelo excluínte sen distribución da riqueza. O presidente Hernández non asume a súa responsabilidade[vi], trasládaa á oposición e sinala que a caravana “ten o obxectivo de danar a imaxe e o bo nome do Goberno”, tamén os responsabiliza de traficar con persoas e incitar a caravana, aínda cando recoñece que estes movementos migratorios veñen de tempo atrás[vii]. Pódese dicir que a Presidencia de Honduras está tratando de controlar os danos, negando os efectos políticos de décadas de malos gobernos do Partido Nacional e sinalando o Partido Libre, a Zelaya e mesmo o Goberno de Venezuela ou a George Soros como os responsábeis. Non advirte que preto dos 32.000 hondureños e hondureñas foron deportados de México no que vai do 2018 e que, ano tras ano, a problemática continúa.

 O mesmo ocorre en Guatemala. O presidente Jimmy Morales desligouse por completo como responsábel das causas que orixinan a migración dos guatemaltecos, e mesmo utilizou a caravana para silenciar a crise de gobernabilidade que atravesou só un mes antes coas grandes manifestacións que pediron a súa dimisión polas causas de corrupción iniciadas pola Fiscalía do seu país e pola Comisión Internacional contra a Impunidade en Guatemala-CICIG. O Goberno de Donald Trump, apoiou (de forma morna) as denuncias de Jimmy Morales en contra do organismo multilateral, propoñendo unha CICIG reformada, o que significa diminuír ferramentas de control e quitar do medio os comisionados máis incisivos nas investigacións, como o colombiano Iván Velásquez[viii].

 A caravana (e a migración en xeral) está no centro dunha pugna política que beneficia as políticas de control de EUA en contra dos países do Triángulo Norte (Guatemala, Honduras e O Salvador), sobre os que opera desde hai anos unha política de apoio para os partidos conservadores, pero con resultados paradoxais. Ningún partido conservador, nin progresista pode deter aquilo que impacta nos Estados Unidos.

 Trump benefíciase mostrándose duro e implacábel contra os migrantes (nenos, nenas, mulleres e homes pobres) e afírmase no America First. Os gobernos conservadores de Guatemala e Honduras reforzan os seus discursos autoritarios e irresponsábeis descargando culpas na oposición e, no Salvador, o ultradereitista partido ARENA utiliza o discurso ameazante de Trump en contra das políticas do partido de Goberno (FMLN), no medio da campaña electoral.

 Con todo, a caravana deixou un alto saldo de visibilidade do profundo problema da sociedade mesoamericana, puxo a falar a medios e analistas da pobreza, dos traficantes de persoas, da violencia e as violacións dos dereitos humanos, situacións que explican o golpe de Estado en Honduras do 2009, a violencia e a corrupción gobernamental nese país e en Guatemala.

 A caravana, maioritariamente de hondureños e hondureñas, que marcha cara aos Estados Unidos, inscríbese nun drama político e social que se inicia e afonda co derrocamento Manuel Zelaya e continúa con irregularidades constitucionais e un “golpe electoral” á fórmula presidencial Salvador Nasralla-Xiomara Castro. Moito desa caravana entretécese nestes sucesos como na ampliación da desigualdade e a pobreza. Situación que marca outros países, como O Salvador e Guatemala. Este proceso instálase nos sucesos das últimas eleccións presidenciais de 2017 en Honduras, na crise política guatemalteca e nos resultados deslucidos do Salvador.

 En Honduras, o golpe a un presidente, o acoso aos opositores e un modelo económico excluínte creou -como en Guatemala- unha situación de irrepresentabilidade de expectativas cidadás e populares que, en parte, vemos nesa diáspora padecente. O que deixa de esperar á política vaise. Deixa de colaborar coa orde, o sistema político e o Estado. Inicia con outros unha caravana e dá conta do profundo malestar que só poden xerar unhas controvertidas democracias centroamericanas.

 Estes sucesos fálannos da historia recente de Centroamérica. Fálannos dunha democracia e dunha caravana como signos de esgotamento e creba dunha orde e da súa relación cos cidadáns e cidadás. O que se tornou errado non é o Estado senón o vínculo da clase política coas expectativas cidadás. Unha desconexión cos dereitos e co núcleo máis moderno dos imaxinarios democráticos. A caravana é diáspora, quita de colaboración ao poder e critica silenciosa.

 Centroamérica pasa pola súa peor crise, a globalización aceptada polas maiorías hoxe é observada pola brutalidade dos seus efectos. A caravana devece por chegar a un paraíso complexo e paradoxal, xa que este resiste en parte aos migrantes. E mesmo resiste os propios imaxinarios de liberdade e de incorporación de inmigrantes que tivo por centos de anos. Un paraíso que lles devolve dificultades, atrancos e promesas moi custosas. Pero paraíso á fin. Para Centroamérica, EUA é Lampedusa. Mágoa que ninguén estea moi atento a eles.

_____________________________________________________________________________
Notas:

[i] (IEPP, 2016).Ver :https://www.ieepp.org/boletines/mirador-de-seguridad/2016/Marzo/7-seguridad-y-desigualdad-desafios-de-centroamerica/

[ii]  https://www.estadisticascentroamerica.estadonacion.or.cr/

[iii] https://www.ieepp.org/boletines/mirador-de-seguridad/2016/Marzo/7-seguridad-y-desigualdad-desafios-de-centroamerica/

[iv] https://www.laprensa.hn/honduras/1153842-410/honduras-migrar-migrantes-eua-migraciones-indocumentados-

[v] http://www.politicamigratoria.gob.mx/es_mx/SEGOB/Extranjeros_presentados_y_devueltos

[vi] https://www.youtube.com/watch?v=mMS1ymfQ7jA

[vii] https://www.youtube.com/watch?v=93FnrXBkRk0

[viii] https://www.prensalibre.com/guatemala/politica/departamento-de-estado-mantiene-postura-de-una-cicig-reformada

_____________________________________________________________________________

[Artigo tirado do sitio web Celag, do 3 de decembro de 2018]

Volver