Italia: Inmigración e Decreto Salvini

Tomás Martínez Peña -

O goberno italiano deu un paso máis na súa escalada protofascista coa aprobación do Decreto Salvini. É unha volta de parafuso ás políticas migratorias: abole a protección humanitaria, introduce outras restricións para persoas estranxeiras e é unha preciosa xoia para limitar liberdades e dereitos

 A última semana de setembro o goberno de coalición italiano deu un paso máis na súa máis que perigosa escalada protofascista coa aprobación no Consello de Ministros, a iniciativa do ministro de Interior e home forte do gabinete, do decreto de inmigración e seguridade, coñecido como Decreto Salvini. Este componse de 2 títulos gravísimos dun total de 3: o primeiro sobre a reforma do dereito de asilo e de cidadanía, o segundo de seguridade, a prevención e contraste da criminalidade organizada.

 Este paquete de alto calibre é unha volta de parafuso ás políticas migratorias dos gobernos italianos: abole definitivamente a protección humanitaria e introduce outras restricións para as persoas estranxeiras que chegan a Italia. Nos últimos días circularan moitos avances do decreto, xunto a voces tamén incómodas e desacordos co seu contido por parte do Movimento 5 Stelle e de dúbidas desde presidencia da República sobre o feito de que teña os requisitos de urxencia que son necesarios para aprobar un decreto lei, mais non acerca do seu contido netamente xenófobo.

 “Este decreto, aprobado por unanimidade, demostra canto eran de inexistentes as tantísimas polémicas que lemos estes días nos xornais”, explicou o seu valedor Matteo Salvini na multitudinaria roda de prensa, que especificou: “Trátase do decreto lei máis compartido, modificado e actualizado da historia polo menos deste goberno. O texto non está blindado, chegará ao parlamento onde se poderán facer cambios importantes”.

 Ao principio, os decretos deberían ser dous ben diferentes en contido pola súa natureza: un sobre inmigración e un segundo sobre seguridade e bens confiscados ás mafias, mais a última semana limáronse algúns aspectos e fusionáronse nun. A ninguén se lle escapa que de forma moi consciente en Italia a vinculación das políticas migratorias coa delincuencia e criminalidade van estreitamente da man para o goberno Di Maio-Salvini sen ser paradoxalmente eles os seus propulsores. É sinxelamente un abominábel presuposto do que se parte sen o cal este decreto non sería o que é.

Abolición da protección humanitaria

 O primeiro artigo contén novas disposicións en materia sobre a concesión de asilo e de feito prevé a derrogación da protección por motivos humanitarios que estaba prevista na única lei migratoria vixente até o de agora, que por outra banda queda xa practicamente abolida coa aprobación deste decreto. Hoxe a lei prevé que a xefatura de policía outorgue un permiso de residencia a cidadáns e cidadás estranxeiros que presenten “serios motivos, en particular de natureza humanitaria ou resultado de obrigas constitucionais ou internacionais do Estado italiano”, ou ben a persoas que foxen de urxencias como conflitos, desastres naturais ou outros eventos particularmente graves en países non da UE.

 Co decreto Salvini este tipo de permiso xa non se concederá polas xefaturas de policía ou comisións locais, nin por tribunais tras unha apelación contra a denegación. En troca, introducirase un permiso de residencia para “casos especiais”, é dicir, para algunhas categorías de persoas: vítimas de violencia machista ou explotación laboral grave (a este suposto agárrase o Movimento 5 Stelle para sinalar o progresista do decreto), para persoas necesitadas de tratamento médico concreto por estado grave ou provenientes de situación de calamidade.

 Os motivos destas restricións explicounos na presentación do decreto o presidente do consello de ministros, o “policía bo” nun medido e ensaiado reparto de papeis para non evadir a responsabilidade da medida: “Debería ser unha disposición residual, pero en Italia outorgouse no 26% dos casos, máis que nos outros países da UE en comparación co 7% do dereito de asilo. Coa nosa chegada ao goberno, a concesión deste tipo de protección caeu ao 21% e agora caerá aínda máis”. Despois publicou os datos sobre a concesión do dereito de asilo: “Reducíronse de 105 a 42 mil as solicitudes globais e as aceptadas foron o 33%”.

Extensión temporal e máis fondos para a retención de solicitantes de asilo e inmigrantes

 O artigo 3 do novo decreto prevé que as persoas solicitantes de asilo poidan ser retidas por un período máximo de ata 30 días nos chamados hotspot para determinar a súa identidade e cidadanía. Ademais, o solicitante de asilo pode ser retido por un máximo de 180 días dentro dos centros de residencia para repatriación (CRP). O artigo 4 establece que as persoas inmigrantes irregulares poden ser mantidas retidas nas oficinas da fronteiras, ademais dos CRP, no caso de que non haxa dispoñibilidade de espazo nos CRP e coa autorización do xuíz, a solicitude do xefe de policía.

 Até agora a lei de inmigración obrigaba a que as persoas inmigrantes que fosen retidas nos centros de residencia para repatriación, os antes CIEs, en espera da súa devolución podían permanecer até un máximo de 90 días. Co decreto Salvini queda duplicado o tempo de reclusión. Do mesmo xeito hai un importante apoio económico a esta nova lexislación racista, pois o goberno dota de máis fondos para as repatriacións: 500 mil euros este ano, un millón e medio en 2019 e outro millón e medio en 2020.

Denegación da condición e acollidas de persoas refuxiadas

 O decreto de inmigración e seguridade estende a lista de delitos necesarios para a revogación do estatus de persoa refuxiada ou de protección subsidiaria e polo tanto provocan a expulsión inmediata: violencia sexual, produción, posesión e tráfico de drogas, roubo e extorsión, furto, furto en residencia, ameaza ou violencia a un funcionario público. A solicitude tamén pode suspenderse cando o solicitante estea inmerso nun proceso penal por un dos delitos que daría lugar á denegación de asilo en sentenza definitiva. Se o refuxiado regresa ao seu país de orixe, aínda que sexa temporalmente, perderá a protección internacional e subsidiaria.

 Esta denegación de solicitante de asilo por delitos deste tipo debería producirse tras unha sentenza de primeira instancia, aspecto moi discutido por algúns avogados ao poder implicar o risco de ser inconstitucional, pois até o terceiro grao está reservada para toda persoa a presunción de inocencia. A teorización sobre a que orbita a xustificación da lei gobernamental, a criminalidade intrínseca da inmigración irregular, que impregna a letra de todo o decreto, faise aquí máis evidente.

 O sistema de recepción e protección de solicitantes de asilo e refuxiados (SPRAR), o sistema de protección ordinario ou “segunda acollida” que xestionan os concellos italianos, limitarase só a aqueles que xa contan cunha protección internacional ou ás persoas menores estranxeiras non acompañadas. Máis tarde este sistema será redimensionado e cambiará de nome.

Reforma da lei de cidadanía e medidas adicionais

 O decreto de Salvini establece unha modificación da lei italiana de cidadanía, que data de 1992. De facto convértese así nunha norma similar á que foi aprobada non sen contestación polo goberno de Hollande en Francia hai 2 anos no marco do estado de urxencia tras os atentados yihadistas de París e que prevé a denegación da cidadanía a persoas consideradas perigosas para o estado. Polo tanto trátase dunha medida de carácter preventivo e que poderá ser empregada como ferramenta coercitiva mesmo contra adversarios políticos por parte do goberno.

 A solicitude para a adquisición da cidadanía italiana a partir de agora pode ser rexeitada mesmo se fose presentada por quen casou cun cidadán ou cidadá italiana. A principal novidade neste aspecto é que até o de agora as peticións de casamento non podían ser rexeitadas. A contribución requirida para tal solicitude aumenta de 200 a 250 euros, e o prazo para a concesión da cidadanía esténdese até 48 meses, tanto para a residencia como para contraer matrimonio. Tamén se presenta a posibilidade de negala a persoas condenadas en sentenza firme por delitos relacionados co terrorismo.

 Mais o decreto-lei de excepción de Salvini e Di Maio non fica aí, senón que contempla o uso de medidas adicionais como as que seguen no contexto de “loita contra o terrorismo”. No artigo 17 amplíanse as hipóteses de delito que permitirían a un xuíz adoptar procedementos excepcionais como o de afastamento ou expulsión da localidade de residencia ou a apertura de trámite de saída do país e prevé o uso do brazalete electrónico. O artigo 21 establece que a policía municipal en localidades de máis de 100 mil habitantes pode facer uso do taser, arma de descargas eléctricas.

 O daspo, a prohibición actual de acceder a eventos deportivos, estenderase con esta lei a persoas sospeitosas de delitos relacionados co terrorismo, polo tanto un novo instrumento ao arbitrio do poder executivo para liquidar toda contestación política. O chamado “daspo urbano”, introducido xa en 2017 polo Decreto Minniti, ministro de Interior dos gobernos de Renzi e Gentiloni, poderase aplicar tamén nos centros de saúde, en áreas en que se desenvolvan feiras, mercados, concertos, manifestacións e demais espectáculos públicos. En definitivo, bloquear a vía convértese en delito en lugar de falta administrativa.

A vergogna italiana: cara a un réxime racista e securitario

 O goberno de coalición avanza con este decreto na construción dun marco normativo antiinmigración e de demarcación do disenso político, determinando quen son inimigos públicos tanto no interior como desde o exterior de Italia e apoiándose perigosamente na defensa do estado fronte a calquera persoa sospeitosa de atentar contra a súa integridade ou interese. Aínda que o obxectivo primordial da súa redacción era axustar contas coa inmigración -non en balde a demolición da protección humanitaria foi e será a bandeira da Lega en campaña- é unha preciosa xoia para limitar as liberdades e os dereitos democráticos.

 Chegados a este punto de difícil retorno, coa debilidade dunha oposición parlamentaria máis vacilante que decidida, o Partido Democrático e Liberi e Uguali, que nos precedentes gobernos puxeron as bases para que a besta sacase o seu programa de máximos, resulta enormemente frustrante que ante esta urxencia democrática o mundo do traballo e o que de xeito cotián se enfronta remangando as mans ao drama da acollida de persoas refuxiadas non se puxesen de acordo ao día seguinte da promulgación en organizar a resistencia.

 Chega tarde a manifestación estatal programada para o 10 de novembro en Roma, que debe superar en asistencia á de Macerata para ser minimamente tida en conta. Será a primeira resposta nas rúas ás políticas racistas do goberno Di Maio-Salvini nun outono que até o momento foi demasiado frío no plano do músculo social. Porque, malia a alfombra vermella que outras leis puxeron, hai un antes e logo deste decreto: é unha normativa saída da man segregacionista que pronuncia en voz alta “Primeiro os italianos”, viola gravemente os dereitos humanos e é un golpe represivo contra as liberdades. A desobediencia, a loita e a organización contra as primeiras gaduñadas do fascismo non se poden pospoñer. Vainos a democracia niso.

 

[Artigo tirado do sitio web Resumen Latinoamericano, do 13 de novembro de 2018]

Volver