O IX Congreso da CIG aproba o Informe de Xestión da Executiva con 489 votos a favor e 2 abstencións
O Informe de Xestión da Executiva Confederal, presentado polo secretario xeral da CIG, Paulo Carril, vén de ser aprobado con 489 votos a favor e 2 abstencións. Referéndase, deste xeito, o traballo desenvolvido durante estes catro anos e inícianse así, a partir de aquí, os traballos de debate dos documentos que guiarán á central sindical nos videiros catro anos.
O IX Congreso da CIG arrincou a primeira hora desta mañá cunha benvida a cargo do secretario comarcal da CIG-Compostela, Pepe Maio, a proxección dun audiovisual que resume a acción sindical da CIG desde o anterior congreso e as mencións en memoria a Fernando Solla, Xesús Arrizado e Agustín Malvido, finados neste período entre congresos.
50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras
Ademais, o IX Congreso da CIG serviu como marco para lembrar que este ano se conmemora o 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras, por cuxa vida fixo un percorrido o que foi secretario xeral do sindicato e actual Presidente da Fundación Moncho Reboiras para o estudo e divulgación da realidade social e sindical na Galiza, Suso Seixo.
Seixo salientou que Reboiras “representa unha xeración que, naqueles anos, tomou conciencia nacionalista e foi determinante para crear as organizacións que sentaron as bases do nacionalismo galego actual”. Apuntou, nese sentido, o seu papel na creación dos primeiros xermolos sindicais, mais tamén no asociacionismo cultural e no eido político.
Considerou, por iso, que o 50 aniversario do seu asasinato é un momento significativo para promover o recoñecemento social e institucional da súa figura. Por iso, por “cuestión de xustiza”, explicou que tres fundacións, Galiza Sempre, Terra e Tempo e Moncho Reboiras -xunto cun Comité de Honra integrado por persoas que compartiron militancia con el-, constituíron unha comisión organizadora dos actos conmemorativos deste aniversario.
Actos que se desenvolverán ao longo de 2025 para divulgar o seu legado e aos que fixo un chamamento, á sociedade en xeral, e á afiliación da CIG, en particular, a participar activamente porque “moitos dos obxectivos polos que loitou e deu a vida, seguen plenamente vixentes. Galiza continúa sendo unha nación sen soberanía, un país colonizado e cunha clase traballadora explotada”, concluíu Suso Seixo.
Catro anos de intenso traballo en defensa da clase traballadora galega
Foi o secretario xeral, Paulo Carril, quen deu conta ao Congreso da xestión desenvolvida pola executiva confederal nestes catro anos. Un período marcado por un contexto global e nacional adverso, coa desescalada post-Covid, a intensificación do imperialismo, a precarización laboral e a crise socioeconómica en Galiza.
Un período no que subliñou a consolidación da CIG como primeira forza sindical alcanzando un 31,05% de representación (5.131 delegados) e cun incremento anual da afiliación do 3%, superando as 85.000 persoas afiliadas.
Carril lembrou como os últimos catro anos estiveron definidos pola recuperación post-Covid, que acelerou a dixitalización e a descarbonización, con impactos negativos na clase traballadora e subliñou como a nivel global, o informe denuncia o dominio imperialista, liderado polos EUA e a OTAN, que intensifica guerras e belicismo para manter a hexemonía ante o ascenso dos BRICS. Isto cunha UE submisa aos intereses do capital financeiro que, denunciou, impón políticas neoliberais de recortes e privatizacións, aplicadas tanto por gobernos de dereita como socialdemócratas.
No Estado español, o secretario xeral apuntou como a crise da Covid sumouse aos efectos persistentes da crise de 2008, con altas taxas de desigualdade, precariedade e empobrecemento. Denunciou que as reformas laborais de 2010 e 2012 non foron derrogadas, e que a reforma de 2022 incrementou a flexibilidade e a inestabilidade laboral, con contratos a tempo parcial e fixos-descontinuos.
Isto xunto a carestía da vida e a inflación que, dixo, agravaron a pobreza laboral, mentres o “diálogo social” do Goberno PSOE-SUMAR neutralizou a conflitividade e favoreceu á patronal. En Galiza Carril denunciou como o PP, baixo Feijóo e Rueda, afondou na dependencia económica, a desindustrialización e a desgaleguización, promovendo un modelo colonial que espolia recursos e precariza servizos públicos.
Acción sindical e negociación colectiva
O secretario xeral, que subliñou a absoluta independencia económica da que goza a central sindical, fixo un percorrido pola acción sindical que se detalla de forma pormenorizada no informe, con centos e centos de mobilizacións, folgas, concentracións ou campañas lideradas polo sindicato, salientando as campañas contra a precariedade, a carestía da vida e as reformas regresivas, como a laboral de 2021 e as sucesivas reformas das pensións, que ampliaron a idade de xubilación e penalizaron a xubilación anticipada.
Ademais, respecto da reforma laboral de 2021, denunciou que consolidou a precariedade, promovendo contratos fixos-descontinuos, parcialidade e despedimentos baratos e que o V Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (2023), asinado por CCOO e UGT, perpetuou baixos salarios e renunciou á revisión salarial.
Carril lembrou que a CIG rexeitou este “diálogo social” e logrou incrementos salariais superiores en Galiza (4,76% en 2022, 4,63% en 2023, 3,45% en 2024), reintroducindo cláusulas de revisión salarial no 75% dos convenios. Subliñou, ademais, a aposta da CIG por un Marco Galego de Relacións Laborais, priorizando convenios sectoriais galegos en sectores como comercio, limpeza e hostalaría, e a proposta do sindicato de reducir a xornada a 35 horas para combater o paro.
Feminismo Galego e de Clase
A CIG consolidou un sindicalismo feminista, integrando a perspectiva de xénero na negociación colectiva e mobilizacións. A este respecto Carril salientou que a Comisión Nacional de Mulleres e os Encontros de Mulleres impulsaron formación e campañas contra a fenda salarial, o acoso e a precariedade nos coidados.
Apuntou que a central sindical promoveu un protocolo contra a violencia e o acoso sexual e unha guía de boas prácticas para a igualdade; defendeu un feminismo galego anticapitalista, participando na Marcha Mundial das Mulleres, e rexeitou a transfobia, apostando pola interseccionalidade e os dereitos LGTBIQ.
En materia de Saúde Laboral lamentou que Galiza se manteña á cabeza en accidentes laborais graves e mortais, duplicando ou triplicando a media estatal, pola inacción do PP na Xunta. Sinalou, neste sentido, que a CIG formou 17.000 traballadoras e traballadores en prevención de riscos laborais (14.000 en teleformación, 3.000 presenciais), realizou 3.611 asesoramentos técnicos e publicou 21 boletíns de saúde laboral, fortalecendo a resposta sindical ante a falta de prevención empresarial.
Neste período a CIG reafirmou a defensa do galego como marca identitaria, fronte á españolización impulsada polo PP. Ofreceu cursos de lingua, apoiou campañas de Queremos Galego e Nós Diario, e promoveu o uso do galego en todos os ámbitos, incluíndo a galeguización de nomes e apelidos.
Ademais, a Fundación Moncho Reboiras formou 2.514 delegados en dereito laboral, igualdade e galego. Na formación para o emprego, Forga impartiu 216 accións formativas a 3.047 persoas, adaptándose á nova lexislación de formación profesional (Lei 3/2022), que trasladou competencias ao Ministerio de Educación e incrementou a burocracia.
No decurso destes catro anos a CIG reiterou a súa denuncia respecto do avance do imperialismo e o fascismo, apoiando a Palestina e rexeitando a OTAN. Reforzou lazos con sindicatos de Euskal Herria, Catalunya e Portugal, e ampliou contactos con América Latina, África e Asia. Mantivo a súa solidariedade con Cuba, Nicaragua e o Sáhara, e participou en foros como a Rede Sindical Europea pola Xustiza para Palestina, entre outros moitos.