Liquidez a pemes e autónomos ou rescate á Banca?

Clodomiro Montero - 19 Mai 2020

As liñas de liquidez para pequenas e medianas empresas (pemes) e persoas traballadoras autónomas, con avais públicos do ICO (Instituto de Crédito Oficial) por un máximo de 100.000 millóns de euros, son unha axuda para os bancos privados, que poden pasar de ter riscos do 100% a garantías públicas equivalentes ao 76% dos créditos iniciais.

 Unha das medidas estrela do Goberno do Estado para afrontar o impacto económico da pandemia, é facilitar liquidez ás pequenas e medianas empresas (pemes) e ás autónomas, a través de créditos privados con aval público do ICO por 100.000 millóns de euros. Ante a inexistencia de banca pública a comercialización faise a través da banca privada, encubrindo en realidade o que para os bancos é un novo rescate pola porta de atrás.

 Certamente as pemes e os autónomos non teñen a capacidade financeira e de accesos aos mercados que teñen as grandes empresas. A situación xerada polo Estado de Alarma pode afectar en moitos casos á viabilidade, e polo tanto ao emprego. As consecuencias para Galiza, cun tecido produtivo no que predominan as pemes, poden ser moi graves, de aí que a falta de medidas por parte da Xunta de Galicia é especialmente dolosa. Por iso, ao entender de quen escribe, a CIG debería prestar atención a este tipo de cuestións, que finalmente rematan afectando ao emprego.

 Volvendo a Madrid, o Executivo central puxo en marcha ese mangueirazo de liquidez para as pemes, avalando a través do ICO empréstitos e créditos. A priori, un negocio para a Banca Privada.

 Nunha primeira fase as redes sociais foron o escenario de denuncias, pola conduta dalgunhas entidades que pretendían tirar beneficio da pandemia, “hai quen sabe ver as crises coma unha oportunidade”.

 Pretendían utilizar a venda cruzada, que está  prohibida (pero pouco), para vincular a concesión dos créditos á contratación de seguros (que deixan unha suculenta comisión aos bancos); tamén á realización de depósitos a favor dos bancos polo importe das cotas do novo empréstito e fórmulas semellantes. E non foron “erros dalgunhas oficinas”, como dixo o  voceiro da AEB. A culpa das políticas comerciais é sempre do persoal que a sofre, non dos Bancos.

 A presión das redes levou a que varios organismos públicos anunciasen investigacións, sen que se a día de hoxe se teñan noticias de ningunha actuación. Pero os bancos rectificaron, en maior ou menor medida.

 O Goberno central criticou publicamente os bancos polo atraso na chegada da liquidez ás pemes. E algúns sindicatos saíron a criticar o Executivo, como se criticar os bancos fose criticar os traballadores e traballadoras daqueles.

 Certamente este tipo de cuestións, os cambios de criterios das Direccións dos bancos, supuxeron unha demora nas operacións que se tramitaban e tamén que o ICO (que non ten capacidade) estea colapsado e a un tempo deba extremar os controis. Por certo as organizacións empresariais, a CEOE, a CEG ou os Círculos de Empresarios, gardaron o máis absoluto silencio, deixando claro a quen defenden e que son un lobby máis da dereita.

 A día de hoxe moitas empresas seguen sen recibir a liquidez, incluso nos casos aprobados o contador dos xuros corre, pero non teñen o seu diñeiro na conta, como denunciaron varias asociacións de persoas traballadoras autónomas. Estamos ante o que é un negocio para os bancos privados, pero tamén un rescate encuberto. Por iso as “provisións” anunciadas polos bancos para facer fronte ao impacto do Covid-19 nas contas de resultados, son máis ben cativas.

 Poñamos un exemplo de como funcionan estas liñas, nas que o Estado avala o 80% dos créditos ICO-Covid. Un banco pode coller un crédito anterior, poñamos de 100.000 euros e sen aval público, e amplialo a 120.000 euros a través das liñas ICO-Covid, pasando o Estado a garantir nada menos que 96.000 euros. O banco pasa de ter un risco do 100% a unha garantía pública equivalente ao 76% do crédito inicial (unha exposición de 100.000 pasa a ser de 24.000). A débeda dos bancos transformada en débeda pública.

 Hoxe está en perigo a viabilidade de moitas pemes e negocios autónomos, que son básicas no tecido produtivo galego, por falta de planificación e control das insuficientes medidas postas en marcha por parte do Goberno central, pola ausencia de planificación e medidas por parte da Xunta de Galicia e pola actuación dalgunhas entidades que ven nas liñas ICO unha oportunidade de negocio. E non, non é culpa dos traballadores e traballadoras, como dixo o voceiro da Patronal. A culpa é das Direccións, das súas políticas comerciais e de quen lles deixa facer.

 

[Galiza, 19 de maio de 2020]